13 de xuño de 2012

UN LUNAR NA TRAXECTORIA DO XUVEN (UN ARTIGO DE MARTIN COBAS)

Parabéns  para o Club Xuventude de Baloncesto pola súa impecábel tempada na liga regular E.B.A., e posteriormente na fase de ascenso a L.E.B. prata de categoría nacional, parabéns tamén para o seu presidente, xunta directiva,
adestradores, equipo técnico, asesores, patrocinadores, e toda clase de colaboradores e socios, poñendo todo o máximo potencial ,  loxístico , afectivo, económico o servizo do excelente cadro  de xogadores.
Que magoa que xa non haxa ningún xogador feito nas nosas categorías  inferiores, así estes triunfos, saberíanos doutro xeito.
Parabéns, como non podería ser menos, a esa afección do Xuven que para si quixeran outros equipos da calquera deporte, afección  na que case sempre está incluída todas as categorías inferiores, onde se están a tocar as fibras da alma das cores amárelas.
Só un lunar empaña a fabulosa traxectoria histórica deste  nobel e exemplar club, supoñemos que son inconscientes  erros garrafales de protocolo que irremisiblemente deixan a un sector moi importante da afección baloncestística cambadesa marxinada polo club.
Ate o de agora, moi habilmente o Xuven estivo sempre por riba de ideoloxias políticas persoais e relixiosas, se o Xuven medrou ate onde está agora, foi por que todas e todos os desinteresados socios e afeccionados vogaron sempre no mesmo rumbo, sen importarlles outro obxectivo que non fose estritamente deportivo, para o cal foi feito.
É lóxico, lícito e de lei que no palco presidencial – que por certo desgraciadamente estivo o resto do campionato valeiro  agás, que casualidade nesta fase de ascenso  - estea o presidente do club, o patrocinador, delegados federativos, é correcto que tamén estea o Sr. Alcalde, faltaría máis, pero si hai concelleiros do partido que goberna, deberíase tamén cursar  invitacións os concelleiros portavoces da oposición, senón acabaremos cargándonos o balancesto, como moi astutamente fixo daquela o PP co fútbol, ou xa non nos lembramos da Escola de Fútbol “A Pastora”. Teñen tanto dereito ou mais a estar no palco presidencial os concelleiros da oposición que outros ínclitos oportunistas, personaxe do moi profundo corte mediático, só co mesquiño afán de aproveitarse do traballo desinteresado de toda unha vida  do colectivo deportivo do humilde club Xuventude  de Baloncesto.
Mentres o Xuven daba os primeiros pasos, hai xa algúns anos, na súa particular andaina como entidade deportiva para engrandecemento da vila de Cambados, algúns dos sectarios personaxes que estiveron na palco presidencial sentados, masacraron despiadadamente o noso pobo, nos medios de comunicación de quenda como se todos os habitantes da nosa vila fósemos unha mafia de malditos e despiadados bastardos o servizo  do imperio do mal. Outros medraban politicamente  o socaire de personaxes de moi dubidosa reputación, facéndose millonarios a conta do erario público, pisándolle se cadra tamén a cabeza os seus propios conxéneres. 
Non nos esquezamos xamais que o Xuven non é un proxecto persoal de ninguén, seguramente sen un liderado persoal carismático non se fundaría o club pero tamén sen o necesario apoio colectivo social o proxecto Xuven nunca  se executaría. Este club non pode seguir aburguesándose como o está a facer, o Xuven foi o debe seguir sento un proxecto colectivo da  mocidade cambadesa. Por favor non levitemos mais, sexamos sensatos e pousemos os pes no chan, fuxamos de insignes personalismos, mentres esteamos a tempo, non arrastremos o nome do club Xuventude de Baloncesto inutilmente  como unha roñenta fregona pola chan dalgún despacho institucional mendigando unha miserenta esmola en aras dun proxecto deportivo totalmente inalcanzábel e desproporcionado para a estrutura social económica do club e do pobo. Teñamos dignidade e cordura para que o Xuven siga sendo o equipo de tódolos cambadeses.
MARTIN COBAS, TROVADOR DOUTRO SÉCULO.

                        
                                           
Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: