30 de dec. de 2012

¡MOITAS GRAZAS E MOITA SORTE, AMIGO ÓSCAR!

POR RICARDO DOMÍNGUEZ REY
      A Óscar e a min presentounos a estatua de Fraga.  
      Foi a raíz da manifestación popular espontánea xurdida en Cambados, cando un grupo  de xente de Cambados (entre os que se atopaba Óscar como uns dos seus máximos
expoñentes)  decidiu  protestar contra a decisión caprichosa, persoal e irracional do alcalde de levantarlle unha estatua ao ex- ministro de Franco; foi entón cando empecei a facer as miñas humildes colaboracións con Cambadostk e  “A ti meu, Cambados”;  recordo que nunha  das nosas charlas e, ante a miña inminente visita, pra pasar as vacacións de verán, no meu amado pobo, Óscar díxome: “¿vémonos na Calzada o dia 1 de agosto, non?” en relación coa orixinal protesta de estatuas viventes, idea, como non, de el mesmo; evidentemente confirmeille a miña asistencia e a súa pose do pensador de Rodin, ao paso da comitiva,  quedará para sempre no recordo dos moitos que alí estábamos. 
      Evidentemente calquera cousa que poida dicir de Óscar, será dende un prisma subxectivo, froito da miña admiración e, de seguro, que coincido con moitos de vos; este rapaz con apenas dezaoito anos montou un blog que acabou sendo unha referencia en Cambados; un blog que descubriu, sobre todo, as vergoñas dos nosos gobernantes e sempre cun valor valioso, dos mais valiosos que nos pode ofrecer a democracia,  como é o da liberdade da expresión. Unha liberdade de expresión que sempre defendeu ata as últimas consecuencias: o mellor exemplo, ó último pleno no que desafiando as directrices caprichosas do alcalde de Cambados, gravou o pleno, para podérnolo  facer chegar a todos.      
      Grazas, Óscar, por deixarme expresar libremente no teu blog; grazas por abrir unha fiestra a tódolos cambadeses que, coma min, estamos lonxe e amosarnos a realidade cotiá do noso pobo. Grazas, sinxelamente,  pola túa amizade.
       Espero que che vaia ben no teu novo destino e coñecéndote non me estrañaría que dentro de nada aparecese un novo blog: Oklahomatk, dándolle caña ó gobernador do estado ou ó alcalde, capaz es de iso e mais;  ou que non sei (xa nos informarás) se estes gobernantes son tan incompetentes e mediocres como Louzán, Tourís e Aragunde.   
      Espero tardar en verte, iso será a mellor sinal de que os americanos saben a quen teñen entre mans e de que non te deixaran marchar e si te vexo que sexa en vacacións, ben en Galiza ou  ben en Catalunya.
      Cóidate meu amigo e unha forte aperta. 
      
      RICARDO DOMINGUEZ REY 
      

Ningún comentario: