Páginas

24 de feb. de 2013

ENTREVISTA A TERESA ESCARIZ - VIUDA DO GALERISTA LUÍS SILVOSO

´Luís dicía que nunca se cansaba de mirar o ´Xardín das Delicias´´ 
A viuda do fundador de Borrón 4 conta a debilidade do seu marido pola pintura de Lino Silva e como chegou a Cambados un curioso
libro de contas comprado en Madrid 
Teresa con Maribel e Manolo Busto
Teresa Escariz Quintás (Palas de Rei, Lugo, 1957) coñeceu a Luís Fernández Silvoso no "Jalú", un bar que este abriu a principios da década dos oitenta na Ribeira de Fefiñáns. Acudiu ao establecemento acompañando ao artista Manolo Paz e á súa esposa Julia, e o flechazo foi inmediato. Tanto que a nova profesora que chegara a Cambados en prácticas en 1982 e o futuro fundador da galería de arte Borrón 4 contraeron matrimonio en xaneiro de 1984. Teresa Escariz traballa como profesora de galego no instituto de Carril, e o venres pola noite tivo a oportunidade de saudar a ducias de amigos que acudiron á presentación de "Debe/ Haber", unha biografía sobre o seu marido, falecido inesperadamente en outubro de 2011. 
-Non é fácil reunir a 300 persoas nun acto literario. 
-Sabía que a presentación ía ter boa acolleita, porque Luís tiña amigos de todo tipo, pero non esperaba tantísima xente. Cando empezamos a falar da presentación, Maribel (a autora) dicía que lle gustaba moito Exposalnés, porque era un espazo máis familiar. Pero o día que colgou a noticia na súa blog deuse conta de que estaba tendo un número de entradas que non era normal e empezamos a pensar na posibilidade de cambialo ao auditorio. Así que falamos con  Galiñanes (do gabinete do alcalde) e botounos unha man porque parece ser que ese día había outra cousa na Xuventude. Menos mal que puidemos facelo alí, porque si non quedasba fora a metade da xente. 
-Por que o libro titúlase "Debe/ Haber"? 
-Cando estaba en Madrid, Luís visitou un día o Rastro, e entre el e o seu amigo Carlos Velón compraron un libro de contas. Nese libro, todos os que pasaban polo seu piso ían deixando algo: un debuxo, unhas palabras... Aí están Manolo Paz, Guala, que foi un dos ilustradores da adaptación infantil do Quixote... Despois, cando desmantelaron o piso sortearon o libro e tocoulle a Luís. A portada do que editamos agora reproduce a do libro de contas, e ata ten como un lixeiro queimado que sufriu o de contas cunha estufa cando xa estaba no noso piso de Cambados. 
-Na súa primeira mocidade, Luís Silvoso ía para frade franciscano. Contoulle algunha vez por que abandonou a vocación relixiosa? 
-Supoño que sería pola evolución normal das persoas, que ás veces elixes algo que che interesa e pasado un tempo deixa de interesarche. O que si é certo é que esa formación deixou unha impronta moi forte nel. En literatura o que máis lle interesaba eran os autores grecolatinos, do mesmo xeito que San Juan da Cruz ou Val Inclán. E encantáballe a música clásica. 
-Con todo en arte gustáballe moito o moderno. 
-Luís era unha persoa moi completa intelectual e culturalmente. Collía de cada época o que máis lle interesaba. Era un espírito tolerante. Gustáballe moito Pollock, pero tamén lle gustaba Kandinsky, e gustáballe moito Rembrandt, e Goya, e Velázquez. El dicía que nunca se cansaba de mirar "O xardín das delicias" (unha obra simbólica do Bosco). 
-E entre os contemporáneos cos que traballou el nalgún momento. Había algún que lle gustase especialmente? 
-Lino. A parte do agarimo que lle puidese ter personalmente, sempre mantivo que Lino Silva non estaba o suficientemente recoñecido, que era buenísimo. Supoño que lles unían moitas cousas, como o gusto por Val Inclán e o esperpento. 
-E que facetas do traballo de Lino Silva interesábanlle máis? 
-As pinturas negras dos anos 80, pero tamén as "entroitadas" que estaba pintando últimamente, que conservan o gusto pola caricatura, polo grotesco. 
-Que lugar na súa escala de valores ocupaba a necesidade de gañar diñeiro coa galería? 
-Ningún, nunca o viu como un negocio. Aínda que ás veces organizaba algunha exposición un pouco máis convencional, porque como el dicía hai que comer. 
-Gustáballe asumir riscos coas súas exposicións? 
-Si, si que lle gustaba. Parécelle pouco risco abrir unha galería de arte nun pobo do tamaño do de Cambados? (rise). El sempre dicía que tiña unha galería rural. 
-Estaba especialmente orgulloso de axudar a despegar a algún artista? 
-Gozaba moito vendo como triunfaban artistas que empezaran con el. Marcos Juncal, por exemplo, dicía que tiña un pai en Cambados. Aos mozos insistíalles moito na necesidade de formarse, de ver, de ver e de ver, aínda que sempre houbese algún que cría nacer xa formado. 
-Proxectou algunhas carreiras. 
-El preocupábase de ir a outros sitios, de estar en feiras. 
-Era tamén el algo artista? 
-Escribía poesía, contos, críticas de arte... E cando tiña o Patín (outro coñecido pub de Cambados) colgou un cadro pintado por el. 
-Estarán moi emocionados na casa ao ver o querido que era Luís Silvoso. 
-Queremos agradecerlle a todo o mundo que estivo alí porque nos sentimos moi halagados. Eu séntome moi privilexiada por compartir parte da miña vida con el, porque foi o mellor que me pasou. 
UNHA ENTREVISTA DE ANXO MARTÍNEZ 

Fotos Prensa e Vivir en Cambados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para publicar calqueira comentario neste blog tes que envialo o seguinte correo: atimeucambados@gmail.com, identificandote debidamente.
Tamén podes facelo a traves de facebook nas contas seguintes: http://www.facebook.com/unha.chea e http://www.facebook.com/xaquincharlinchon, especidificando especialmente si é o teu desexo que saia como comentario tamén no blog. Tamén podes facelo enviando unha mensase privada as contas de fecebook antes referidas.
Se saes nalgunha imaxen deste blog e non é a tua intención indicanolo madiante un correo o email antes citado, facendo saber a entrada na que saes.
Perdoade as molestias.