15 de abr. de 2014

COA MIRADA POSTA NA III REPUBLICA


POR ADELA ESTÉVEZ CAMPOS  
      Un 14 de abril de hai 83 anos en España naceu un vento de esperanza
que foi asasinado alevosamente apenas cinco anos despois. A Constitución da II República española, en moitos aspectos máis avanzada que a de 1978, consagrou a loita
contra o caciquismo, a efectiva separación Igrexa-Estado e implantou a universalidade da educación, entre outros moitos logros. 
  Durante a escasa vida da II República, o analfabetismo descendeu
drasticamente, a muller obtivo o voto e dereitos dos que non volveu gozar até ben entrada a democracia e que novamente se lle están arrebatando, eliminouse o traballo infantil, aprobáronse os Estatutos de Autonomía de Cataluña, Galicia e País Vasco, consagrouse
a separación de poderes (tan esvaecida nestes momentos), garantiuse a liberdade de conciencia, iniciouse a necesaria -aínda hoxe- reforma agraria e conseguíronse moitos outros avances que modernizaron un país secularmente atrasado situándoo en moitos aspectos na vangarda de Europa. 
  Tantos anos despois, co in-imputable e corrupto Borbón en xira polos Emiratos Árabes, recollendo comisións ilegais polas que non cotizará á Facenda de todos os españois, e cun país devastado por un Goberno criminal, é inevitable pousar a mirada no exemplo da II República e anhelar a pronta proclamación da terceira e (esperemos) definitiva.
 Viva a República!    

                                  ADELA ESTÉVEZ CAMPOS,PERIODISTA E ACTRIZ.
   
   
     
   

Ningún comentario: