9 de abr. de 2014

¡¡DEUS, MANDANOS AO TEU FILLO, O MESIAS, QUE A JUDAS XA O TEMOS EN SANTO TOME!!

OU COMO “BENITIÑO”  VENDEU AOS MARIÑEIROS GALEGOS
POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Conta a tradición cristián que o apóstolo que traizoou a Jesús de Nazaret, foi Judas Iscariote quen, para sinalar aos gardiáns a quen debían de apresar, bicouno na meixela e que a súa
traizón pagáronlla con trinta moedas de prata; posteriormente, quizais por arrepentimento, acabou aforcándose dunha arbore.           
      A lenda di que, unha vez morto, cando o  alma de Judas
 chegou ó inferno (porque, obviamente, non podía presentarse no ceo despois de ter traizoado ó fillo de Deus)  nin o propio Demo o quería ver diante........ acaso, ¿hai algo peor que ter ó teu carón a un traidor, que en calquera momento pode darche unha puñalada polas costas? Por iso,   dende entón, a súa alma vaga polo mundo, reencarnándose en persoas que, mais  tarde ou  mais cedo acaban cometendo unha traizón de calquera tipo:  enganar á esposa, aos seus amigos, compañeiros de
traballo etc.  
      Damos un salto no tempo  e viaxamos ao  século XX, mais concretamente  á segunda metade da década dos 50, o alma de Judas acaba de abandonar un corpo, en concreto o de un cidadán  norteamericano, que traizoou o seu pais i espiaba para a URSS, en plena guerra fría, e que  estaba a punto de pasarlle aos soviéticos información secreta cando foi descuberto por axentes da CIA e abatido a tiros. Entón o alma de Judas buscou un novo corpo no que reencarnarse e  decidiu “cruzar o charco” e volver á vella Europa, en concreto, decide pararse, as beiras do mesmo océano Atlántico e pousa a mirada nun barrio pesqueiro, dunha pequena  localidade mariñeira. 
      “Seguro que aquí atopo alguén que está a piques de nacer” pensaba Judas, quen non en vano, xa coñecía en que consistía o duro traballo de pescador, xa que varios apóstolos como Pedro, Andrés ou Xoán exerceran esa profesión antes de ser chamados polo Mesías. Ademais moi preto de alí, en Compostela, estaba a tumba de outro ex compañeiro, o  apóstolo Santiago. “Será como si estivese  na mesma Judea” pensaba mentres, tras dar unhas voltas polo barrio mariñeiro, atopou un matrimonio, que estaba a piques de dar a luz a un  varón e decide que ese será o corpo que ocupe. 
      Pasan os anos e aquel neno, chamado cariñosamente “Benitiño” xa medrou i é todo un home feito e dereito. 
      “Benitiño” ten moi boa  planta, con un  “tipaso” que, nos seus anos mozos traia “toliña” a mais dunha do seu pobo; nunha película podería ter feito, perfectamente,  o papel de galán que bica á rubia desexada por todos ou de heroe que salva a humanidade; desgraciadamente a súa alma de Judas depáralle o papel de vilán nesta historia. 
      “Benitiño”  é mariñeiro, como o era o seu pai, mariñeiro como son os seus veciños, e como o son tamén moitos dos seus amigos; quizais por iso un dia, xunto cun grupo de
xente, decide presentarse ás eleccións da confraría,  pois consideran que o entonces patrón maior non volvía polas xentes do mar e cree que (ironías da vida) el poderá  representalos  mellor. 
      O grupo de xente, con “Benitiño” á cabeza gañan esas eleccións e o noso protagonista é o novo patrón maior da confraría; ocorre, entonces,  o que pasa cando tes alma de Judas; traizoas a xente que confiara en ti e alíaste co Poncio Pilatos da zona xa sexa o alcalde, o delegado provincial ou o presidente da Deputación; a   calquera deses tres, venlle  ben o papel...... por cartos, serían capaces de vender ao mesmísimo Jesucristo. 
      “Benitiño” exerce como un verdadeiro judas o seu cargo, traizoando todo o que se supón que ten que defender: á xente do mar, profesión que el mesmo exercera ata fai ben pouco; agora está mais preocupado en saír ben na foto, ao carón do alcalde, do concelleiro de pesca ou do presidente da Xunta cando, este,  se deixa caer polo pobo. 
      As súas “churrascadas” e os seus “gin – tonics” comezan a ser míticos, sobre todo porque saen dos petos dos mariñeiros do seu pobo, como míticas comezan a ser as súas visitas os xulgados pero todo iso da igual  “Benitiño”  crese   “o rei do mambo”.
E chega o dia da gran traizón, o dia no que “Benitiño” vendeu aos mariñeiros galegos; hai que firmar un novo acordo pesqueiro i establecer as cotas que lle corresponde as distintas comunidades autónomas; a Madrid en calidade de presidente  das confrarías  galegas, viaxa “Benitiño”
porque “lo cortes no quita lo valiente” e, aparte de ser un Judas, Benitiño soubo ser un “pelota” que foi trepando ata que alcanza esa cargo.       
O resultado xa é coñecido por todos, “Benitiño” firmou o que pode ser unha sentenza de morte para os mariñeiros do cerco. 
Á hora de firmar a “Benitiño” dálle igual a sorte que poidan correr os mariñeiros implicados, esquece  que él tamén foi un home de mar e que viviu do mar, ata esqueceuse de cando, apenas sendo un neno, chegaba a casa o seu pai cheirando aínda a salitre. “Benitiño” firma e con esa firma condena a todos os mariñeiros, “Benitiño” xa é Judas en toda a súa expresión.
Galicia, comunidade mariñeira por antonomasia, acada un ridículo 25 % de cota mentres que Euskadi logra un 50 % pero é que os vascos mandaron a un dos seus a loitar polos seus intereses  mentres que Galicia estaba representada por un traidor. 
A  “Benitiño”  podedes atopalo   polo pobo, nalgunha terraza si o tempo é bo ou dentro si hai temporal, a el  dálle igual, non depende da climatoloxía como os mariñeiros aos que traizoou, para cobrar a fin de mes. 
Si tedes a ocasión de velo, mirádeo ben non todos os días se ten a sorte de ver a Judas en persoa, a un verdadeiro traidor; quizais teña a mínima decencia  de baixar a mirada  aínda que  a vergoña fai moito que a perdeu.     
      O MEU MAIS SINCEIRO APOIO  A TODOS OS MARIÑEIROS DO CERCO I, EN XERAL, A TODA A XENTE QUE VIVE DO MAR PARA QUE ALGUN DIA OS REPRESENTE ALGUEN QUE DE VERDADE LOITE POLOS SEUS INTERESES. 

UN SAUDO A TODOS

            RICARDO DOMINGUEZ REY
 

1 comentario:

MANUEL dixo...

Judas ainda tuvo remordemento de "conciencia" e aforcouse, o final quixo enmendar o seu erro coa sua vida. A persona que centra este artigo non ten capacidade para distinguir o ben do mal, a súa autocomplacencia empana a súa visión do mundo, está a ficar só, só coma os narcos, ladróns, violadores...só coma a escoria da humanidade. Un ex-compañeiro de fatigas díxolle nas barbas..." Benitiño, antes eras un home pobre, agora eres un pobre home".