10 de abr. de 2014

ESTÁ, EXCLUSIVAMENTE, NA MAN DO PP O NON LEVAR ADIANTE SUPRESIÓN DO PARTIDO XUDICIAL NEFASTA PARA CAMBADOS E NEFASTA PARA GALIZA.

DECISIÓNS POLÍTICAS PÉSIMAS PARA CAMBADOS, DESASTROSAS PARA GALIZA
Desde hai meses o BNG está a manifestarse en contra da medida do PP de suprimir os partidos xudiciais actuais para
concentralos nas capitais das provincias galegas. Despois de escoitar as manifestacións de Aragunde, en favor do mantemento de Cambados como partido xudicial; opinión que o BNG comparte, queda
moi claro que esta reforma se fixo  sen interlocución non só de axentes sociais e institucións, senón tamén sen consultar aos representantes do PP galego; é dicir, o PP de Madrid aplicou o “rodillo” como xa nos ten acostumados, e desde Galiza, como tamén  nos teñen acostumados, o PP calou a boca. 
Esta reforma do PP terá consecuencias moi prexudiciais para a cidadanía xa que significa afastar a xustiza do cidadán, encarecéndoa e facéndoa inaccesible. O PP pretende, con esta medida, impedir, aínda máis, o acceso á xustiza que comezou coa implantación das taxas xudiciais.
Sen dúbida, as consecuencias desta reforma serían moi
negativas para Cambados e para o Salnés, en xeral, pois provocarían un auténtico caos que empeoraría este servizo básico para a  cidadanía. A xustiza encareceríase,  sería menos accesible, e obrigaría as persoas afectadas, a continuos traslados á capital da provincia coas consecuentes perdas de tempo, de cartos e demais
trastornos.
O BNG é contrario a unha reforma desta envergadura porque empeoraría a xustiza en Galiza, cando é evidente que o camiño non é a redución de xulgados. De feito, precísanse máis xulgados e mesmo unha revisión da demarcación da planta xudicial que teña en conta os
cambios demográficos habidos nas últimas décadas para que se implanten novos xulgados en cidades e vilas que experimentaron aumentos poboacionais significativos e se potencien xulgados, coma o de Cambados, con excesiva carga de traballo e escaseza de persoal para atendelos axeitadamente. 
O BNG considera que, neste momento, resulta imprescindible impulsar unha reforma en profundidade da
organización da administración de xustiza, que implique a transferencia á Galiza da competencia exclusiva sobre a delimitación da demarcación e planta xudicial, e permita acometer unha revisión que asegure o mantemento de partidos xudiciais nas cidades e nos concellos. Así mesmo, compre acometer unha racionalización da xustiza fundada nos criterios de respecto ao dereito á tutela xudicial, ao acceso universal á xustiza, ao
achegamento da xustiza á cidadanía e unha maior accesibilidade desprovista de custos engadidos.
E non dubidamos de que o alcalde de Cambados contará co apoio do BNG para que o noso concello  siga contando cos actuais xulgados, pero tamén lle recordamos ao alcalde, porque semella que se esqueceu,  que a proposta de eliminar os partidos xudiciais de concellos como o noso é unha decisión política do PP. PP que goberna no concello de  Cambados, na Deputación de Pontevedra, na Xunta de Galiza e no Goberno do Estado. Polo tanto está, exclusivamente,  na man do PP o non levar adiante esta reforma nefasta para Cambados e nefasta para Galiza.
NOTA ENVIADA POLO BNG DE CAMBADOS.

Ningún comentario: