23 de ago. de 2014

A TRANSPARENCIA DO PP

NO CONCELLO DE CAMBADOS HAI UNHA SERIE DE TRABALLADORES/AS BENEFICIADOS POLA XESTIÓN DO PP
O próximo xoves terá lugar o Pleno Ordinario de agosto do Concello de Cambados no que se tratarán, entre outros
asuntos, a Conta Xeral do ano 2013; documento no que o BNG votará en contra da súa aprobación. A Conta Xeral reflicte, un ano máis, determinadas irregularidades que o BNG leva denunciando xa hai demasiado tempo sen que consecutivos Alcaldes do PP fagan nada para evitar as infraccións cometidas e resaltadas por técnicos municipais. O Alcalde é consciente de
que, ilegalmente, leva anos cometendo determinadas irregularidades administrativas e semella que non lle importa. Trátase  de irregularidades totalmente obxectivas, pois é a Intervención municipal a que ano tras ano as pon de manifesto, sen que ata o de agora o PP fixera
nada para impedir que se dera esta situación.
Sen dúbida, entre as irregularidades máis sangrantes están as fiscalizacións mensuais das nóminas debido ao pago das gratificacións e incentivos de produtividade a determinados traballadores/as. No informe de
Campións do Enchufismo
Intervención queda de manifesto que a lexislación é moi clara nos citados asuntos cando afirma que “as gratificacións por servizos extraordinarios (horas extraordinarias)  non poderán ser fixas na súa contía e periódicas no seu devengo”, mentres que o BNG leva anos comprobando como se pagan gratificacións mensuais e de cantidades moi semellantes todos os meses

a determinados traballadores/as, o que ven a significar que se converten en cantidades  fixas ou “sobresoldos”, vulnerando claramente a lei (artigo 6.3 do RD 861/1986). Igualmente o PP está a vulnerar a lei ao pagar a eses mesmos traballadores unha cantidade de horas extraordinarias moi superiores ás permitidas pola lexislación vixente (máximo 80 horas ao ano).
A mesma crítica fai o BNG no referido ao pago do incentivo de produtividade, pois a lei di que a produtividade deberá terse en conta en función de circunstancias obxectivas; é dicir, que se saiba claramente porque un traballador cobra este
incentivo e outro non, que é o que está a pasar co PP no concello de Cambados desde hai moitos anos. A Intervención neste caso é moi clara e di que se deben aplicar criterios o máis obxectivos posibles para utilizar en
todas as situacións e con todos os traballadores (non so con algúns como fai o PP). Así que desde hai anos, ninguén sabe que criterios utiliza o PP para pagar a produtividade que, por certo, sempre a cobran os mesmo traballadores/as, o que produce unha tremenda desconfianza e frustración entre os “non privilexiados”.
A conclusión é que no concello de Cambados hai unha serie de traballadores/as beneficiados pola xestión do PP (cal é a razón?) e outros claramente prexudicados. Ademais estes últimos temen con razón, e o BNG tamén, que na nova RPT (Relación de Postos de Traballo) que actualmente está elaborando o Concello, o PP beneficie aos “seus traballadores/as”, incrementando como cantidades fixas no seu soldo o que actualmente están a cobrar de xeito irregular en forma de gratificacións e complementos de produtividade. 
Este é o modelo de xestión ao que nos ten acostumados o PP, que cando fala de transparencia non se refire a que, por exemplo, este documento (Conta Xeral 2013) debería estar publicado na web do concello para que todos os veciños e veciñas comprobasen a forma de xestionar o noso concello e, pola contra, entenden por transparencia que o alcalde sexa o da lista máis votada. Como se pode comprobar o PP sempre ao seu, e o “seu” nunca consiste en traballar pola igualdade e polo interese das maiorías, senón simplemente por beneficio deles mesmos.
Víctor Caamaño Rivas (Portavoz Municipal do BNG)









FOTOS: A TI MEU CAMBADOS.

Ningún comentario: