24 de set. de 2014

PARA A CONSELLERÍA OS PROBLEMAS EXISTENTES NO ENSINO PÚBLICO SON SEMPRE CULPA DE OUTROS

A PÁXINA WEB INSTITUCIONAL DA CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN CONVÍRTESE NUN MEDIO PROPAGANDÍSTICO EMPREGADO POLO PARTIDO POPULAR PARA ATACAR AO PROFESORADO
Diante das diversas informacións publicadas estes días sobre problemáticas varias no inicio de curso en centros
públicos da nosa comarca  a Consellería de Educación decide pasar á ofensiva facendo o único que sabe facer, que é botarlle a culpa a outr@s dos seus incumprimentos, incapacidades ou actuacións programadas lesivas co ensino público.
Onte martes día 23 de setembro comprobamos como a Consellería de Educación daba un novo paso no emprego partidista dos medios institucionais, como é o caso da páxina web institucional http://www.edu.xunta.es, un medio institucional que debería
ter como función informar sobre as cuestións relativas ao funcionamento da educación en Galiza pero que se ten convertido nos últimos tempos nun medio de propaganda partidista do Partido Popular.
Diante da situación do CEIP A Lomba
de Vilagarcía con problemas na súa estrutura cando é un dos centros máis novos da comarca e con menos profesorado que necesita e que lle foi solicitado pola dirección á Xefatura Territorial de Educación,  podemos comprobar como na nota publicada na web institucional da
Consellería de Cultura e Educación http://www.edu.xunta.es/web/node/13460 botan balóns fóra, e en vez de dar explicacións polas deficiencias non arranxadas e polas peticións de persoal docente non atendidas o que fan é botarlle a culpa a unha empresa, empresa á que a mesma administración adxudicou as obras non realizadas.
E diante dos problemas existentes coas obras de mellora do patio do CEP Antonio Magariños de Cambados a mesma nota publicada na web institucional da Consellería atrévese a atacar a profesorado dese centro poñendo en dúbida a súa
profesionalidade e o seu esforzo por impedir que o alumnado poida correr perigo debido ás deficiencias existentes nalgunhas das instalacións do centro, deficiencias das que repetidas veces foi informada unha administración
educativa que até o de agora a resposta que deu foi a de poñer parches, facer promesas baleiras e propagandísticas e mentir ao respecto de datas de empece e remate das obras prometidas.
A CIG-ENSINO quere denunciar esta actitude da Consellería
de Cultura e Educación e quere amosar o seu apoio ás comunidades educativas do CEIP A Lomba e CEP Antonio Magariños nas súas reivindicacións, e moi especialmente queremos transmitir a nosa solidariedade co profesorado do CEP Antonio Magariños, un colectivo de profesorado que día a día dá
exemplo de profesionalidade poñendo todo o mellor de si para reducir no posíbel os efectos negativos que para o alumnado poida ter o estado deficiente dalgunhas das instalacións do centro, un profesorado que non ten porque aturar o desprestixio como profesionais que buscan causarlles uns auténticos  irresponsábeis como
os que deron orde de redactar esa nota.
Coma sempre a CIG-ENSINO chama aos compañeiros e compañeiras de todos os centros de ensino público da comarca do Salnés a seguir traballando amosando a súa grande profesionalidade e a seguir denunciando as fallas e deficiencias cando as haxa, pois consideramos que esixir un ensino galego, público e de calidade tamén é parte da nosa condición de docentes e cidadáns.  
Duarte Correa Piñeiro
CIG-Ensino do Salnés
Vilagarcía de Arousa; 24 de setembro de 2014







FOTOS: GOOGLE IMAXES.

Ningún comentario: