21 de xan. de 2015

VICTOR CAAMAÑO: “LUIS ARAGUNDE SABE MOI BEN QUE O PXOM NON DEBE TRATARSE AO FINAL DUNHA LEXISLATURA”

PP: PROFESIONAIS DO “ESCAQUEO”
No último pleno municipal o BNG acusou ao alcalde de que malintencionadamente ía retrasar a aprobación do PXOM para despois das próximas eleccións municipais. Luís Aragunde, que se formou politicamente no entorno do PP,
sabe moi ben que certas cuestións polémicas, como neste caso o PXOM, non deben tratarse ao final dunha lexislatura. É moito máis proveitoso electoralmente “adoquinar” rúas pedíndolle unha subvención ao amigo Louzán. Isto é moi característico do PP, que a hipócritas e electoralistas non hai que lles faga sombra e, incomprensiblemente, semella que con vos  resultados ata o
de agora. Está claro que cando tomas esa decisión non estas pensando no beneficio dos veciños e veciñas, senón no resultado que sairá das urnas no próximo mes de maio. E como noutras ocasións, o BNG volve a acusar ao PP de interpoñer os seus intereses aos da cidadanía nun asunto de interese xeral.
En Cambados estase a utilizar un instrumento urbanístico obsoleto como son as NNSS do ano 1994, cando as necesidades actuais e as novidades legais en materia urbanística sitúan a Cambados na idade de pedra en canto a esta temática. Aragunde está mentindo cando afirma que
as actuais NNSS son suficientes para as necesidades do noso concello, cando o PP leva anos facendo modificacións puntuais desas normas ao seu gusto, cando os núcleos rurais teñen problemas para desenvolverse, cando Cambados está cheo de rúas sen saída, cando rúas que estaban planificadas non poderán ser realizadas porque xa se construíu nelas, cando non hai aparcamentos axeitados, cando o desenvolvemento urbanístico do Pombal e a Merced foi lamentable, cando se utiliza a rúa do Castro como circunvalación, cando os accesos ao instituto Asorey son camiños … ; dicir que Cambados non necesita unhas normas urbanísticas actualizadas so pode ser motivo de mentira ou de incapacidade para desenvolver a función de alcalde deste pobo.  
O PXOM foi o gran tema de debate nas municipais do ano 2007, cando o BNG acusaba ao PP de telo gardado nun caixón. Agora semella que segue no caixón, pero sabemos que levamos moitos anos con partidas de miles de euros nos orzamentos municipais dedicadas a pagar a empresa encargada da elaboración deste documento. Non temos
noticias do PXOM pero si temos noticias dos cartos que se levan gastados nel sen poder valorar o  feito e agora e, de xeito incomprensible, dinnos que sigamos agardando.
O PXOM debe ser o gran proxecto de calquera grupo político. Nel debe quedar reflectido o modelo de pobo polo que se aposta e a situación actual en Cambados é unha confirmación de que o PP non ten proxecto para o noso concello.
A pesar de todo, agardemos que despois das próximas eleccións municipais se dea o peor escenario para o PP, que sería o dun alcalde doutro grupo político que teña que xestionar e sacar adiante un PXOM feito ao gusto PP.
"Víctor Caamaño Rivas (Portavoz Municipal do BNG)"

MOCION DO BNG SOBRE A COMPOSTAXE: 
VANTAXES AMBIENTAIS E ECONÓMICAS  DO MODELO DE COMPOSTAXE PARA O NOSO CONCELLO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Estes últimos anos estamos a comprobar como as taxas que o concello ten que pagar polo servizo de  SOGAMA, están a subir de xeito continuado e desproporcionado. Ademais, estas subas abusivas, están a facerse de xeito unilateral sen ter en conta aos concellos. As competencias en materia de
xestión de residuos municipais debe ser exercida en cooperación coas entidades locais (segundo a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: “Resolución de 15 de decembro, pola que se establecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional de residuos domésticos”), aínda que Sogama está a actuar de xeito unilateral pois non consulta decisións aos concellos
como a  adhesión  ao novo sistema de xestión de residuos que foi coñecido polos concellos a través dos medios de comunicación e do DOG.
A Xunta de Galicia persiste en identificar a viabilidade do sistema de xestión de residuos coa supervivencia económica de SOGAMA, mentres que o racional  sería estudar  e aplicar alternativas que superen este modelo caduco, tanto pola súa insolvencia económica como pola súa insostibilidade   ambiental. O sistema de Sogama non só supón potenciar un sistema contaminante e caro, senón que para subsistir  require do aumento da produción de lixo.
Para o BNG, a Xunta debería traballar para fomentar
alternativas a SOGAMA e colaborar e dialogar neste ámbito. Pola contra, comprobamos como pretenden continuar coas imposicións autocráticas e intentan frustrar as alternativas que neste ámbito puideren xurdir. 
No derradeiro pleno municipal, no punto relativo aos Orzamento para o ano 2015, o grupo municipal do BNG facía unha proposta relativa a alternativa da compostaxe para tentar reducir a factura que o Concello paga a Sogama e buscar unha alternativa perdurable e que a diferenza de Sogama, supoña unha mellora ambiental. Este paso significaría o inicio dunha aposta realista e perfectamente aplicable a gran parte do  noso concello, en especial ás zonas máis agrícolas pero factible, de forma xeral, para
calquera veciño/a que dispoña dunha pequena horta.
A materia orgánica, coa que producir compost,  supón aproximadamente a metade do contedor do lixo, sendo unha fracción doadamente diminuible  en vivendas con hortas ou xardíns mediante compostaxe. O promedio de xeración de residuos ronda os 0´70 Kg por persoa e día, dos cales o 42% se corresponde con residuos degradables a compost. Supoñendo unha media de 2´5 habitantes por vivenda, estímase que a redución do lixo orgánico a compost, por fogar e día, é de 0´735 Kg. O compost suporá  a redución na
xeración de residuos, a diminución de molestias (ruídos, cheiros), a redución de gastos de recollida de lixo e, ademais, contribuirá a manter a fertilidade das terras de cultivo e reducir a factura que o concello paga a  Sogama. Ademais estímase que o investimento por instaurar un modelo de compostaxe en Cambados, como xa hai noutros concellos do Salnés, estaría amortizado en, aproximadamente, tres anos de funcionamento e a partir de aí só suporía beneficios para o concello. A aposta pola compostaxe doméstica debería ser un primeiro paso para que Cambados e outros concellos da comarca do Salnés pasen a apostar, nun futuro próximo, por
un modelo de tratamento de lixo máis rendible ecolóxica e economicamente, por un proxecto comarcal de reciclaxe e compostaxe que permita, ademais, a creación de emprego nos diferentes concellos e acadar os obxectivos de recollida selectiva e reciclaxe das sociedades avanzadas.
Por iso o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal, a adopción do seguinte:
ACORDO
1.- Destinar unha parte do Orzamento municipal para:
* a.- implantación dun programa de xestión de residuos orgánicos mediante compostaxe caseira e comunitaria; 
* b.- desenvolvemento dun programa de educación ambiental para a redución de residuos. 
2.- Solicitar da Xunta de Galicia o financiamento prioritario das actuacións de mellora de recollida selectiva e das actuacións de prevención a través da educación ambiental e á implantación da compostaxe doméstica.
3.-Instar ao Goberno galego a colaborar economicamente cos concellos da Galiza que pretendan impulsar tratamentos alternativos a SOGAMA e que estean baseados no fomento da reciclaxe fronte á incineración.
Para novas en xeral de Cambados, preme AQUI.

Para novas de deportes de Cambados, preme AQUI.

Se queres ver os nosos videos de novas en xeral, preme AQUI


Se queres ver os nosos videos de deportes, preme AQUI

Ningún comentario: