21 de abr. de 2015

BNG: POR UNHA XESTIÓN MUNICIPAL TRANSPARENTE E LIBRE DE CORRUPCIÓN

Dentro das propostas de cara ás próximas elecións municipais, o BNG márcase  como prioridade a profundización na democracia directa, creando un concello participativo, transparente na xestión e con capacidade para facer fronte ás necesidades de veciños e veciñas. 
Así mesmo o BNG demanda unha reforma do
funcionamento dos concellos a diferentes niveis: finanzamento, autonomía municipal, agrupacións de concellos e mancomunidades, desaparición das deputacións…
As liñas de actuación propostas polo BNG para acadar unha xestión municipal transparente e participativa son as seguintes:

* INCREMENTAR AS CANLES DE PARTICIPACIÓN SOCIAL
-Neste apartado o BNG considera imprescindible establecer novas canles de participación: Reforma do Regulamento Orgánico Municipal, creación dos Consellos Sectoriais (Escolar, Cultura, Deportes, Económico-Social, Saúde…), Consellos Parroquiais …
-O BNG propón a mellora e redefinición da web municipal (actualmente inutil), servindo de ventá de todas as actuacións municipais, de modo accesible e transparente. 
-Impulsar o movemento asociativo para activar e enriquecer a vida municipal; todo o contrario do que está a suceder na actualidade.
-Facilitar o emprego de locais públicos para o desenvolvemento de actividades asociativas, en especial da mocidade.
-Constituir o Padroado da Festa do Albariño, con participación de todos os sectores; un organismo que se encargue de planificar, organizar e administrar todo o relacionado coa festa para que deixe de ser utilizada  como  promoción dun partido político. 

* APOSTAR POLA TRANSPARENCIA E  A ÉTICA NAS ACTUACIÓNS MUNICIPAIS 
-Facilitar información ás asociacións e á cidadanía en xeral e, por suposto, aos partidos políticos (que se remate co mal hábito do PP de non dar información dos gastos da Festa do Albariño, dos convidados, do retraso das actas ...).
-Garantir a transparencia e a equidade no acceso aos postos de traballo e en todos os concursos públicos e contratacións de obras ou servizos, coa participación de todos os grupos políticos nos tribunais de oposicións.
-Revisar o control dos procedementos de contratación ou selección de traballadores e traballadoras por parte do concello. Elaboración de listas de contratación para a cobertura, con carácter temporal, de postos de traballo no concello (impedir que o concello sexa patrimonio dun partido político como fai o PP).

* APLICAR UNHA FISCALIDADE XUSTA, REDISTRIBUTIVA E ADAPTADA Á REALIDADE
- Revisión a fondo das finanzas municipais a comezo do mandato. 
- Reformulación das taxas e impostos municipais, aumentando a progresividade fiscal, axustando os baremos á realidade local e axudando a corrixir as desigualdades sociais. 

* MODERNIZAR A  ADMINISTRACIÓN MUNICIPAL:
-Facer un concello máis áxil e eficaz. Realizar a reorganización interna primando criterios de  eficacia,  eficiencia e austeridade. Crear unha RPT en función das necesidades do concello e non ao revés (como fai o PP)
-Facilitar os trámites administrativos a través da rede (ás novas tecnoloxías ao servizo do cidadán e non de adorno como ocorre agora).

Ningún comentario: