25 de abr. de 2015

SEN VOTO PERO CON VOZ: MUDAR CAMBADOS PARA RECUPERAR O FUTURO

UN ARTIGO DE OSCAR PARDO PLANAS, CAMBADÉS RESIDENTE EN E.E.U.U.
“...GUSTARÍAME AMOSAR O MEU APOIO MODESTO PERO DECIDIDO Á CANDIDATURA VECIÑAL SOMOS CAMBADOS...”
Hai dous anos e medio collín as maletas e fixen unha viaxe que garda certo paralelismo coas que fixeron familiares en pasadas xeracións. Eles fixérono a Cuba, a Arxentina, eu un pouco máis ao norte.  Coma min, estímase que 120.000 mozos e mozas da Galiza tiveron que marchar do noso país entre 2008 e 2013*. Coma os nosos antepasados: emigración. Claro está que hoxe emigrar non supón nin de lonxe as penurias que lles supuxo aos meus familiares, e nin sequera se lle asemella ás condicións infrahumanas que soportan os nosos veciños do Sul que arriscan a vida para cruzar o Estreito. Hoxe nós facémolo en avión, hoxe cando menos podemos falar a miúdo coa familia grazas a internet. Nalgúns casos , coma o meu, emigrar permítenos acceder a traballos cualificados, noutros por desgraza non é así. Hoxe, coma onte, a emigración supón un fracaso histórico , un fracaso da política, economía,  e polo tanto, da sociedade. 
Denís en Francia, Manuel en Guatemala, Matías en Holanda, Beni en Inglaterra, outro Manuel en Noruega, Carolina e Iago tamén en Inglaterra...son casos reais de veciños do meu Concello, moitos amigos, que decidiron seguir, aínda con destinos variados, un camiño semellante. Mais non se trata só das historias de cada quen, senón da historia do país. Un país que expulsa ao que se deu en nomear “a xeración mellor preparada”, e que a convertiu na xeración perdida. Na que a outra parte da mocidade, a que decidiu quedar, enfróntase non xa ao paro ou a precariedade laboral, senón a casos de verdadeiro abuso laboral. Que futuro lle agarda a un país no que parte da mocidade ten que emigrar e outra parte, na súa maioría, non ten expectativas de poder desenvolver unha vida normal? 
Todo isto mentres observamos o espectáculo da corrupción e da indecencia. Pois mentres nos expulsan e facemos as maletas, eles viaxan a Suíza para poñer a bo recaudo os cartos que fixeron a conta de todos. Mentres desmantelan unha das únicas cousas das que podemos falar con orgullo no mundo enteiro –a sanidade pública- eles consolidan os privilexios que teceron desde hai anos. E dinnos que vivimos por riba das nosas posibilidades, que nos apretemos o cinto un pouco máis. Mais saben que para moita xente o cinto xa non ten máis buracos. Mentres hai xente que aínda estando empregada non chega a fin de mes por mor das regulación laborais que aprobaron, eles cobran miles de euros por “aserorar verbalmente” a empresas ás que logo (ou antes) lles conceden obras. Cos nosos cartos.  Mentres botan atrás os avances en produción enerxética sostíbel (particularmente a solar), eles (tanto os uns coma os outros) rematan nos consellos de administración das grandes empresas enerxéticas. Mentres os bancos desafiuzan cidadáns, eles empregan os nosos cartos para rescatalos. De balde, para eles, claro. Non só saquearon o país; é peor, tentan saquear as nosas esperanzas, roubarnos o sorriso. E de permitirllo, seríamos uns perdedores. Mais por fortuna non é así.
Maio é un bo momento para demostralo. Demostrar que non só hai indignación entre a cidadanía, senón que tamén hai oportunidades de mudar as cousas. De mudar Cambados. De dicir non á corrupción, dicir non aos Ratos, Pujaltes, Bárcenas...pero tamén non ás corruptelas ás que estamos acostumados na nosa terra. Non a usar Concellos como propiedades privadas, a repartir postos de traballo en función de amizade e/ou afiliación política. Non á beneficiarse do paso polas institucións. É tempo de fecharlles as portas das institucións aos Louzáns, Tourises, Aragundes... 
Cambados precisa máis que urxentemente un cambio. Non xa só abrir as fiestras do Concello para que entre aire. Precisa máis. Precisa un goberno de xente normal, coma ti ou coma min. Xente preparada e con ganas. Xente que non teña máis interese que o do Concello. Fronte ás contratacións dubidosas, imparcialidade. Fronte aos gastos en xantares de partido sufragados por todos, participación da cidadanía e gastos racionais. Fronte ao abandono de sectores vitais, como o mar, compromiso co saneamento da costa e apoio aos profesionais. Fronte á inacción na planificación urbanística, compromiso por un modelo de casco urbano que defenda sen reparos ao comercio e ao turismo. E iso pasa por reordenar tráfico e aparcamentos, e avanzar en consenso cara á progresiva peonalización. Loitar contra o paro, non como mecanismo de pago de favores, senón de xeito honesto.
O país está na encrucillada e agardo que ás portas dun gran cambio. No vindeiro Maio os cidadáns, tamén en Cambados, teñen a valiosa oportunidade de emitir o seu voto para mudar as cousas. E digo “teñen” porque como os demais miles de emigrantes eu non terei dereito ao voto no meu Concello. Mais sigo tendo voz. E con esta voz que non cala, gustaríame solicitar o compromiso de tod@s os que si estades na terra para que participedes activamente, tamén no noso nome, facendo posible que as cousas muden. En particular,
gustaríame amosar o meu apoio modesto pero decidido á candidatura veciñal Somos Cambados – Participación Democrática Directa. A min teríame encantado que existise unha plataforma como SC que integrara tamén á xente que simpatiza ou mesmo milita en partidos da actual oposición. Xente entre a cal se atopan persoas ás que admiro e que sigo a considerar compañeiros. Mais con todo o dereito do mundo, eles decidiron presentarse baixo as súas respectivas fórmulas partidarias. 
Somos Cambados é outra cousa, é unha asemblea de veciños sen estrutura de partido. Unha candidatura que, sen
ben é certo xurdiu quizais demasiado in extremis, foi quen de artellar unha equipa completa e atractiva para o vindeiro goberno local. Encabezados por un alcaldábel moi preparado e con ideas claras, Tino Cordal. E para min a participación doutras dúas persoas en particular é unha garantía (sen desmerecer o resto da equipa, mais por respecto ao lector non podo ir un por un). Por unha banda, a profesora Maribel Iglesias, a quen coñezo dende hai anos –tiven a sorte de ser seu alumno- e que ademais do estudo e defensa da cultura
sempre demostrou o seu compromiso cunha idea que deberían ter presente calquera servidor público: o ben común. E por outro lado Xurxo Charlín ao que coñecín mellor cando na última época de Cambados(tk) participou moi activamente en varios temas, como na denuncia da falta de transparencia no Concello e na nosa reivindicación de poder gravar os plenos para que a cidadanía tivese coñecemento do que alí sucede. Xurxo, que ata recentemente nunca participara en política, só ten unha idea na cabeza (...aparte de centos de datos económicos!): mellorar Cambados, devolver a decencia ao Concello, e rematar coa debacle socioeconomica que estamos a vivir. 
Estou convencido de que Somos Cambados será a sorpresa en Maio, e coa participación de todos e todas as que queredes que as cousas muden, o vindeiro goberno local poñerá rumbo a un futuro mellor. Para que dentro duns anos a palabra emigrar volte a ser cousa do pasado. Porque como emigrante dóeme estar lonxe, lastímame non poder visitar á miña familia e amigos a miúdo. Non poder ver medrar a miña sobriña. Pero se algo me doería é observar que non hai expectativas de que as cousas cambien, e de que un fato de aproveitados arruínen as esperanzas de centos de miles. É hora de actuar. Fagámolo!
OSCAR PARDO PLANAS



*http://www.mundiario.com/articulo/economia/crisis-galicia-vuelve-emigrar-2008-marcharon-120-000-jovenes/20141201104926024703.html

Ningún comentario: