As mocidades, do BNG, no Salnés, recollerán sinaturas para denunciar a supresión deste servizo por parte do PP e trasladarán unha moción ao pleno do Concello.
Galiza Nova pon en marcha unha campaña para defender o servizo público nocturno, comunmente coñecido como Noitebús, despois de que o PP na Xunta de Galiza decidise a súa supresión.
María Villaronga, responsábel comarcal da formación lembra que o Noitebús, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno Bipartito e que agora o PP vai suprimir, “era unha medida positiva que permitía que a xente nova de diferentes concellos da comarca puidesen disfrutar do lecer nocturno de forma segura”. Ademais, as tarifas populares “permitían que moitos mozos e mozas que non dispoñen de recursos económicos suficientes ou que non teñen coche puidesen utilizar este servizo”.
Neste sentido, a responsábel comarcal de Galiza Nova denuncia que a decisión do Goberno do PP na Xunta de Galiza de suprimir este servizo “é unha medida antisocial e irresponsábel porque os fondos para loitar contra os accidentes de tráfico non poden ser considerados un “dispendio” ou unha cuestión “secundaria” e polo tanto deberían ser unha prioridade para o Goberno Galego”. “Proba do éxito desta iniciativa é que máis de 400.000 mozos e mozas viñan utilizando o Noitebús, e que a propia Dirección Xeral de Tráfico recoñeceu que era un medio eficaz para reducir a sinistralidade de xente nova nas estradas”, subliña María Villaronga.
Desde Galiza Nova denunciamos tamén que Feijóo intente criminalizar á mocidade asegurando que utilizaban o Noitebus para alcoholizarse. En palabras de María Villaronga: “A xente moza divírtese de moitas formas e non só co alcohol, e moita xente utilizaba este servizo porque non tiña medio de desprazarse ás zonas de lecer; as palabra de Feijoo reflicten unha mentalidade rancia”, asegura.
![]() |
| Maria Villaronga |
María Villaronga apuntou que “o mantemento do Noitebús non é un problema de recursos económicos pois co que custa o plus dos altos cargos ou cos gastos que vai pagar a Xunta polas 8 horas de visita do Papa, o Goberno galego podería pagar de sobra o funcionamento do Noitebús durante todo o ano”.
Ante esta situación desde Galiza Nova anunciamos unha campaña de mobilización que se iniciará esta semana con actos informativos e de recollida de sinaturas “durante a vindeira ponte e o resto de fins de semanas de novembro” nas zonas de movida nocturna. Dende Galiza Nova indican que “a xente nova dos concellos desta zona está moi afectada” e anuncian que irán tamén aos institutos” e colocarán pancartas por onde pasan as rutas co lema: “Non á supresión do Noitebús, contra os recortes do PP”.
Ademais disto, este xoves está previsto o debate dunha moción do BNG no pleno de Vilagarcía de Arousa, onde se lle demanda ao goberno de Feijóo que manteña este servizo e se demanda a posicionamento do pleno contra a supresión. “Agardamos que esta moción saia adiante e que o PP rectifique porque non se pode recortar nun servizo que beneficia, que axuda a salvar vidas” apuntou María Villaronga.


Ningún comentario:
Publicar un comentario