En resposta ás declaracións feitas polo Patrón Maior de Cambados sobre o meu posicionamento respecto ao proxecto da construción das comportas do Saco de Fefiñáns, teño que puntualizar unha serie de cuestións. A primeira é que o Patrón Maior falta á verdade cando afirma, nos medios de comunicación, que do citado proxecto falouse en catro asembleas de mariscadoras, pois a día de hoxe as mariscadoras aínda non coñecemos como será dito proxecto (nin os informes de impacto ambiental sobre o banco marisqueiro nin tampouco de cómo se vai realizar dita obra). Se o Patrón Maior afirma o contrario debería aportar as actas das asembleas onde, segundo el, foi tratado dito tema. Tamén quero aclarar que dos ingresos totais que recibimos as mariscadoras o pasado ano, o 10% corresponde co extraído no banco marisqueiro do Saco. Sen dúbida, esta nada despreciable cantidade, podería ser maior se as augas que bañan este banco estivesen menos contaminadas.
Quero resaltar, así mesmo, que o meu medio de vida é exclusivamente o marisqueo e que, polo tanto, os únicos intereses que defendo como profesional e como Vicepresidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé,son os que beneficien ao noso sector. O que non son capaz de entender é que intereses defenden os nosos “teóricos” representantes que se están a converter nos promotores dunha obra que como mariscadoras non nos vai a beneficiar.
Tamén quero recordar que a actual situación na que se encontra o banco do Saco (Zona C e polo tanto non se pode mariscar) é unha consecuencia de non haber actuado, desde a confraría, reclamando ao concello a eliminación dos vertidos fecais que chegan ao Saco de
Fefiñáns desde hai tempo.
Mª Xosé Cacabelos
Mariscadora e Vicepresidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé daConfraría de Cambados .

Ningún comentario:
Publicar un comentario