23 de out. de 2011

TREIXADURA: cando a música fai un nó na gorxa…

Hai proxectos musicais que, por riba da súa calidade, teñen moito de simbólicos en relación coas tradicións, coa recuperación da nosa memoria histórica, cultural e musical; e rematan por ser referencias necesarias dunha época. Creo, sinxela e humildemente, que Treixadura é a día de hoxe unha – se non, a mellor – das realidades máis vizosas e interesantes no tocante á musica galega; que se actualiza desde o respecto á tradición.
Desque no ano 1996 chegara a mín o seu primeiro disco “Obrigado” ata a desexada aparición do último traballo “Esa sí que é muiñada” hai un espazo de quince anos nos que confeso que......
sempre agardaba con inquedanza o contido do próximo traballo que se anunciaba, pero moi especialmente deste último.
Non pretendo facer un relatorio da carreira musical de Treixadura, porque penso que por riba do que poda ser a miña impresión particular, está a consideración que a escoita dos traballos feitos nestes anos lle aporte ás persoas que o fagan. Escoita que, desde logo, aumenta e emociona máis cando se pode disfrutar dun dos seus concertos en directo.
Mágoa que un proxecto musical, cun produto fresco e singular como o que están a presentar, non teña máis consideración á hora de programar por parte de institucións e entidades. Miro a relación de concertos deTreixadura para este ano e, conclúo que mal vai un País que, tendo un capital cultural e musical como o que estamos a falar, deixao reducido ao simbólico ou, simplemente, o ignora.
Por iso, cando desde outras institucións locais – como o concello de A Coruña – desmantélase ofensivamente o traballo feito na promoción e defensa da nosa cultura polo nacionalismo; hai que saudar que teñamos un concelleiro nacionalista – Antón Bao – en Lugo que acaba de demostrar que o San Froilán deste ano foi o máis numeroso e rebulideiro, precisamente por ser o máis galego.
E, claro, non faltou Treixadura. E, claro, eu non quixen faltar tampouco; primeiro porque nunca tivera a oportunidade de estar nun dos seus concertos, pero sobre todo porque tiña certo interese en recibir ao vivo os impulsos que saíron da escoita do “Esta sí que é muiñada”, nomeadamente da sensación ( acredito, como eles comentan no avance do disco, que “pon a carne de galiña” ) que produce escoltar a máis de 150 mulleres e homes dos coros centenarios galegos interpretar a “Foliada marmuradora”.
Sabendo eu que non ían estar en Lugo todas esas voces, tiña para min que as do Orfeón serían suficientes para recrear non só este tema, senón os outros do disco, e os que xá forman parte da “xeración Treixadura” ( Fisterra, Muiñeira do Santo Amaro….). Resumo o concerto con esa sensación de ter un nó na gorxa cando escoitas música, que mesmo impede seguir as cancións que sabes, pero que non dan saído…..Calidade musical, calidade sonora e, sobor de todo, calidade humana e amor á terra que rezuman todo o que din e o que fan Treixadura.
Se podedes ir a un dos seus concertos, quedará gravado sempre na vosa cabeza, e no voso corazón. Se non, disfrutade dos seus traballos musicais, e tamén dalgúns videos que aquí podedes ver ( http://vimeo.com/channels/treixadura ).Pola miña banda, OBRIGADO, Treixadura!!!

Artigo recollido no blog “O Mar da Música”. de Ares - A Coruña.

Ningún comentario: