4 de xan. de 2012

DÚAS DÉCADAS DE HUMOR DE TABERNA

O humorista gráfico Gogue presenta na comarca o seu libro "Historias Floreánicas II".Fai 23 anos que o entrañable e costumista Floreano asoma cada día nas páxinas de FARO para realizar crítica social e á vez arrincar un sorriso aos lectores. É unha 
creación do humorista gráfico Gogue, que agora, e por segunda vez na súa carreira, realizou un compendio das súas mellores viñetas e sácaas á venda no libro "Historias Floreánicas II". O artista, que se deu a coñecer polas súas caricaturas, está asinando exemplares e presentando o libro na comarca. Onte compartiu o seu tempo cos lectores na Librería O Pontillón, de Moaña e hoxe fará o propio cos seus seguidores cangueses. Estará na Librería Maraxe entre as 18.00 e as 20.00 horas. 

O humorista do Grove non ocultaba onte, á súa chegada a Moaña, que "despois de tantos anos é inevitable que se me pegue algo do carácter de Floreano, pois debuxo as súas anécdotas diariamente e de xeito ininterrompido dende hai máis de dúas décadas". 

Recoñece que cando creou o personaxe de Floreano, coa súa típica boina á cabeza, non pensou obter este resultado e que se acabase convertendo nunha imaxe tan familiar e recoñecida. 
Valora a "liberdade" que lle dá o humor para poder acometer a crítica social e defende que "sempre e cando trates as cousas con respecto e educación podes rir do que sexa". Aínda así, apunta a que o seu humor nunca busca a polémica, senón gustar á xente. 
A primeira parte de "Historias Floreánicas", que se publicou en 2008, foi un éxito de vendas, ata o punto de que se esgotou a edición. Nesta ocasión as vendas van "lentas pero polo bo camiño". 
Nas 300 viñetas recompiladas, todas elas publicadas en FARO, non faltan as discusións de Floreano coa súa esposa Monchiña, nin as reflexións de taberna ante unha cunca de viño tan características deste personaxe de ficción. Para que o lector non se perda o libro inclúe unha guía co nome e características dos personaxes que rodean a Floreano. Do protagonista das súas viñetas asegura que é "defensor dá boina e embaixador do tinto sen denominación de orixe" e cita como a súa principal afección "cantar serenatas en noites de lúa chea xunto ao seu amigo Epi". 
As disquisiciones relixiosas co cura do pobo tamén son unha constante ao longo do libro. 
Trátase de máis de 100 páxinas que buscan a risa do lector, publicadas por Todogrove Edicións e que sae á venda cun prezo de 18 euros. A tirada é de 2.000 exemplares. 
Caricaturas 
Antes de emitir diariamente unha reflexión a través das súas viñetas, Gogue xa publicara en prensa un bo número de caricaturas, entre as que destacan as realizadas a xogadores de fútbol do Celta.
          

Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.


Ningún comentario: