28 de mar. de 2012

"´SABELA DE CAMBADOS´ É UN FOLLETÍN CON FINAL FELIZ" SABELA PILLADO - AUTORA DE "OU CINE EN CAMBADOS"

En "A casa da Troia", de 1924, saen as ruínas de Santa Mariña
A Real Academia Galega de Belas Artes e o Concello de Cambados asinaron o pasado fin de semana un convenio segundo o cal a entidade cultural celebrará unha asemblea anual na localidade arousá. O acordo tamén contempla que os académicos farán xestións para proxectar na vila a película "Sabela de Cambados", rodada en 1948. A historiadora Sabela Pillado recolle algúns datos sobre este filme no seu libro "O cine en
Cambados", no que conta, por exemplo, que os emigrantes cambadeses en Arxentina saíron indignados o día que asistiron á estrea da película en Bos Aires.
-Que é "Sabela de Cambados"?
-É unha película de 1948 que dirixiu Ramón Torrado sobre unha obra de teatro do seu irmán Adolfo, e englóbase nunha serie de obras que fixeron orientadas sobre todo aos galegos que vivían en Sudamérica e nas que se ofrecía unha visión costumista e paradisíaca de Galicia. "Sabela de Cambados" é un drama entre pais e fillos, con amores tempestuosos polo medio. É un folletín con final feliz, e contou con actores moi coñecidos naquela época, como María Fernanda Ladrón de Guevara, Amparo Rivelles ou Jorge Mistral, e coa voz en off de Fernando Rei. O público aceptouna, aínda que parece ser que os críticos especializados non tanto. 
-Cre que resultará difícil atopala?
-É unha película da que existen copias. Non se perdeu nin moito menos, así que supoño que non debería ser moi complicado localizala. Outra cousa é a xestión dos dereitos de proxección.
-Titúlase "Sabela de Cambados", pero o filme non está rodado na localidade nin ten relación algunha con ela. Ten algunha hipótese da que vén o título?
-Sinceramente, non cheguei a ningunha conclusión porque Cambados só sae no título. Supoño que sería unha cuestión simplemente aleatoria. É o mesmo título da obra de teatro.
-Molestou aos cambadeses este feito?
-Hai un artigo de prensa curioso, que aparece en 1951. O xornalista acompañou a un grupo de emigrantes de Cambados á estrea da película en Bos Aires, que ían coa intención de ver a súa vila natal na pantalla, e que saíron descontentos porque Cambados non aparecía por ningunha parte. 
-Que outras películas antigas poderían proxectarse pola súa relación con Cambados?
-Hai varias películas que si se rodaron en parte en Cambados, como a versión de 1924 de "A casa da Troia", na que aparecen as ruínas de Santa Mariña. Esa película foi moi famosa na súa época, e eu empezaría por ela. Hai outra, "Odio", de 1933, na que se sabe que salgue Cambados, aínda que non se conserva ningunha copia. Tamén se pode mencionar "Polisón a bordo", de 1941, na que tamén traballaron os irmáns Torrado e que ten algún exterior en Cambados. Nos anos corenta tamén se rodou "Tempestade", e se nos aproximamos máis no tempo temos "Lúa de mel", en 1958, na que sae o pazo de Fefiñáns; "Contratempo", de Óscar Ladoire (1981) ou "Agallas", de 2009.
-Volverá ter cine Cambados a curto ou medio prazo?
-Encantaríame, pero o vexo difícil porque hoxe en día a tendencia é que os cines agrúpense nas poboacións máis grandes. Nas vilas pequenas hai un problema de distibución, e hoxe en día a xente quere ver as estreas a mesma semana en que se producen ou á seguinte, como moi tarde e pode desprazarse con facilidade.
                  

Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: