29 de xuño de 2012

MANIFESTACIÓN CONTRA O RESGATE AO SECTOR FINANCEIRO

O BNG chama a militantes e simpatizantes da comarca a participar na manifestación convocada pola central sindical nacionalista o domingo 1 de xullo, ás 12 h., con saída da Casa do Mar de Vilagarcía, para denunciar o saqueo dos gobernos e da banca á clase traballadora.
Horarios e lugares das manifestacións:
-A Coruña: ás 12:00 horas  dende a Praza de Vigo.
-A Estrada: ás 12.00 horas dende a Praza do Concello.
-Lugo: ás 12:00 dende a Ronda da Muralla (edificio sindical).
-Ourense: ás 12:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
-Pontevedra: ás 12:00 horas dende a Praza da Ferrería.
-Santiago: ás 12.00 horas dende a Praza Roxa.
-Vigo: ás 12:00 horas dende o cruce da Doblada.
-Vilagarcía de Arousa: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar.
O resgate ao Estado español por valor de 100.000 millóns de euros vai ter un beneficiario -a banca privada, que poderá pagar as súas débedas e sanear os seus balanzos- e unha vítima ben evidente -as maiorías sociais e os pobos, a comezar por Galiza- que somos os paganos da operación e os que teremos que pagar a factura en forma de novos recortes e do deterioro da nosa calidade de vida.
Imos ser as cidadáns e os cidadáns os que paguemos non só os 100.000 millóns de euros, senón tamén os xuros (que a estas alturas aínda non sabemos a canto van ascender).
Pagaremos dúas veces: teremos que devolver esa enorme cantidade de diñeiro acrecentada polos intereses e teremos que sofrer novos recortes.
Rajoy minte e é un presidente indigno de ocupar o cargo. Minte porque non estamos ante un préstamo, estamos ante un resgate. E minte porque o resgate si ten condicións que afectarán dramaticamente o benestar social: suba do IVE, endurecimento da reforma laboral, novos recortes nas comunidades autónomas (o que significa reducir aínda máis o investimento en Educación, Sanidade e Servizos Sociais- que serán privatizados), aceleración dos prazos para a xubilación aos 67 anos.
Todo isto vai significar o mesmo que os anteriores resgates no ámbito da UE (Grecia, Portugal, Irlanda). Isto é: máis recesión, máis paro e máis desigualdades sociais.
O Goberno español non ten lexitimidade democrática para adoptar a
decisión de solicitar o resgate. Non a ten porque ninguén o votou para facer iso.
Queremos democracia e queremos transparencia. Exiximos un debate social moi profundo sobre o resgate e as súas terríbeis consecuencias para as maiorías. Exiximos, portanto, a convocatoria dun referendo, de maneira que a sociedade exerza o seu dereito a decidir.
O resgate é duplamente negativo para Galiza porque non só vai castigar as súas maiorías sociais, senón porque destruirá o sistema financeiro galego.
Con efeito: a Unión Europea condiciona o resgate a unha nova rolda de fusións no sistema financeiro. Rolda de fusións que inevitabelmente se irá traducir na absorción de Novagaliciabanco pola Bankia nacionalizada.
Resulta escandaloso que ante algo tan evidente Feijóo se manteña
absolutamente en silencio e sen facer ningunha proposta para evitar o espolio do aforro galego.
As únicas alternativas son as que pon sobre a mesa o BNG: novo papel do Banco Central Europeu -que o BCE financie os Estados e non os bancos- e Banca Pública, no noso caso Banca Pública Galega.
A enorme desfeita que provocou o resgate ten culpábeis con nomes e
apelidos. É preciso depurar as súas responsabilidades. Que se constitúan as comisións de investigación que o BNG leva pedido quer no Congreso quer no Parlamento Galego.
Que se reforme, se for preciso, o código penal para que as persoas
responsábeis sexan castigadas.
O PP veta as comisións de investigación porque ampara e protexe os
responsábeis dun desastre que lle vai custar ao erario público arredor do 25 por cento do PIB do Estado español (se sumamos aos 100.000ME deste resgate os 150.000 xa entregados á banca polo Estado desde que estourou a crise).
Trátase dunha estafa xigantesca, unha estafa que se está levando por diante o traballo e o benestar social de millóns de persoas. Unha estafa que ten que ser investigada, xulgada e penada polos tribunais de xustiza.
Caso de non se constituíren as comisións de investigación, o BNG
vai promover unha auditoría social sobre a orixe desta estafa.
Unha Auditoría que nos permita coñecermos como chegamos até aquí e quen foron os responsábeis (tanto no ámbito político como no ámbito financeiro) dunha catástrofe económica e social sen precedentes.
En Democracia a sociedade ten dereito a saber. O BNG porá todos os medios ao seu alcance para que ese dereito se cumpra.
                       
                                           
Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.



Ningún comentario: