30 de xul. de 2012

ADEMAR SILVOSO: «NUNCA TIVEN GRANDES METAS, SENÓN PEQUENOS SOÑOS»

Cando Ademar Silvoso (Barrantes, 1982) aventurouse hai cinco anos a estudar arte dramático na escola de Cambados xamais pensou que acabaría descubrindo alí a súa verdadeira vocación, aquilo que completaba a súa felicidade. «Nun principio metinme por simple curiosidade, aínda que despois
me empezou a enganchar aos poucos», comenta o cambadés. De mozo xa lle atraía todo aquilo relacionado co público, focos e a interpretación, aínda que nunca pensou que acabaría onde se atopa agora.
«Cando era pequeno gustábame cantar rap, incluso publiquei un par de maquetas», di mentres recorda o nome daquel grupo que formou cos seus mellores amigos: A Cuarta Dimensión. Co grupo soubo o que era saír ante un público, o que eran os aplausos e soubo tamén que aquilo lle gustaba. «Aí xa me xurdiu ese pequeno cosquilleo no estómago, todo iso ía comigo».
Mentres tanto empezou a estudar topografía, é máis, actualmente traballa como auxiliar de topografía no eixo atlántico, pero non se sentía do todo cheo. «Supoño que me faltaba algo, non estaba completo», di.
Sempre foi «de natureza inqueda», como el mesmo se describe, polo que non parou ata conseguir o que de verdade quería: ser actor. Entón presentóuselle a oportunidade de facer de Hipólito, no amor de Fedra. Naquela obra de Sara Keane foi a primeira vez que os seus familiares, amigos e noiva vírono actuar. Sempre tivera o apoio dos seus pais, aínda que llo tomaban algo máis como un hobby, un pasatempo para os momentos nos que non estudaba. «Ese foi o momento da verdade, os meus pais sabían que me gustaba interpretar, pero nunca me chegaron a ver en serio, alí foi a primeira vez que me mostrei». Os seus familiares quedaron tan eclipsados polo seu papel que desde entón asimilaron que o seu fillo, á parte de estudante de topografía, tamén era actor.
Desde entón fixo obras de teatros municipais (Lita, Os xustos), varias curtametraxes (Versión Oficial, Juan Galiñanes) e algunha que outra película (Lobos de Arga), «sempre a nivel de figurante, pero ninguén me quita a ilusión».
Ante todo, Ademar é feliz porque traballa no que quere e traballa na súa terra. «Moita xente di que fai falta ir a Madrid para facer algo relacionado coa actuación, pero aquí en Galicia hai moitísimos proxectos, moitísima xente que quere traballar, entón... ¿para que irse?
MANUEL CAMACHO


Ningún comentario: