1 de out. de 2012

¡¡¡INCRIBLE!!! A XUNTA NON INCLUE O ESPAZO FÍSICO DA PRAZA NA DECLARACIÓN DE BEN DE INTERESE CULTURAL DO PAZO DE FEFIÑANS

Hoxe mesmo e así se publica no blog do BNG o voceiro desta formación Víctor Caamaño Rivas, ven de
enviar un escrito de alegacións a Dirección Xeral de Patrimonio Cuural para que se inclúa tamén o espazo da praza na declaración de ben de interese cultural do Pazo de Fefiñáns.
Victor  di que no escrito que o Diario Oficial de Galicia de data 17 de setembro publica o Decreto polo que se declara  ben de interese cultural (BIC) o Pazo de Fefiñáns, en Cambados. Neste decreto especifícase, tanto de xeito literal coma gráfico, as edificacións e predios que forman parte do BIC que se declara: o pazo, as adegas, as antigas cabalarizas, o arco-ponte, o miradoiro, o patio, a horta, os xardíns, o bosque e a igrexa co seu adro, amais de bens mobres e outras pertenzas. 
Dende o grupo municipal do BNG coidan, non obstante, que nesta declaración falla un elemento moi importante: a praza á que dan as fachadas principais do pazo . Aínda que actualmente é pública, non sempre foi así. A existencia de arcos-ponte (tres deles desaparecidos, pero dos que hai constancia histórica, e un conservado) e a mesma planta en “L”, xunto coa igrexa, denotan a configuración no seu día dun espazo pechado, non aberto, pertencente ao pazo. Co tempo, neste espazo desenvolveuse un mercado, e eran os propietarios do pazo os que cobraban os correspondentes impostos aos comerciantes que alí se xuntaban, ata relativamente ben pouco, ata principios do século XX. 
      Non se construíu, polo tanto, o pazo na praza do mercado, como parece que se desprende da lectura da xustificación do decreto, senón que foi o mercado o que se instalou na praza do pazo. A praza foi sempre un elemento máis do pazo; e dende logo non se entende a monumentalidade deste sen o complemento perfecto da praza. Por outra banda é precisamente a existencia da praza a que lle dá ao pazo ese carácter urbano tan peculiar, que o diferenza doutros pazos galegos, que na súa grande maioría teñen máis ben un carácter rural.
      Chama a atención que, sen embargo, a igrexa de San Bieito aparece no decreto co seu adro incluído, ese espazo externo que, aínda que non é igrexa está intimamente ligado a ela. Pois así, da mesma maneira que non se entendería a igrexa de San Bieito, e calquera outra, sen o seu adro; tampouco se entende o pazo de Fefiñáns sen a súa praza.
      A praza de Fefiñáns, ligada ao pazo, do que en tempo foi parte, necesita con urxencia un grao de protección do máis alto nivel, como é a declaración de BIC, pois na actualidade está aberta ao tráfico (por ela cruza a estrada PO-550), e o deterioro do seu pavimento é visíbel, así como a posibilidade de que poida  repercutir na estrutura do mesmo pazo.
      Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no concello de Cambados, ven de solicitar que se teña en conta este recurso, e que se modifique o decreto devandito, previos os informes dos organismos que se coide oportunos, e que se inclúa tamén o espazo da praza na declaración de ben de interese cultural do Pazo de Fefiñáns.

PODES LER A DECLARACIÓN INTEGRA PREMENDO AQUI

1 comentario:

Anónimo dixo...

¡¡¡ PEATONAL XA!!!!