SERÁ O DOMINGO ÁS 13 H. DIANTE DO MONUMENTO A CABANILLAS NA CALZADA.
O vindeiro domingo 24 de febreiro (Día de Rosalía e 176 aniversario do seu nacemento), celebrase a “Alborada para Rosalía”, un acto promovido polaFundación Rosalía, a Real Academia Galega, a Universidade de Vigo e a Asociación de Gaiteiros Galegos.
Dende a AGG animan a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexedes, saiades ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos...para dar unha alborada de gloria en honra á poeta padronesa en todas as vilas e cidades do país.
Xa podes consultar toda a información sobre a Alborada para Rosalía e deixar constancia da túa participación, ou da do teu grupo, no seguinte enlace: http://rosaliadecastro.org/chamamento-gaiteiros/
Neste enlace atoparás información para promocionar e compartir este evento, para localizar a actuación do teu grupo, e as distintas maneiras de subir as fotos ou os videos das vosas actuacións ás redes sociais.
O grupo Faiscas capitenado polo mestre Xaquin Xesteira estará interpretando a “Alborada Por Ropsalia”, nun emotivo acto que vai ter lugar o vindeiro domingo ás 13 horas diante do monumento a Ramón Cabanillas no Paseo da Calzada de Cambados, invitando a todos os cambadeses a participar no mesmo.
Este ano cúmprese tamén o 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos" por Rosalía de Castro.
Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única.
Alborada para Rosalía de Castro
Manifesto
Vaite noite...
Vai fuxindo...
Grande atrevemento é sen dúbida que todos os gaiteiros de Galicia saiamos ás encrucilladas, ás prazas, ás rúas, neste 24 de febreiro de 2013. Grande atrevemento é dar unha alborada para dicir a todos que naceu Rosalía de Castro. Pero somos atrevidos. Porque aquel 24 de febreiro de 1837 canda ela necemos todos os galegos, mesmo os que aínda han de nacer. Atrevémonos porque hai cento cincuenta anos Rosalía publica Cantares gallegos e anuncia e constrúe a Galicia contemporánea. No principio foi o verso, co seu canto nace o país que somos. Puxo o maior coidado en reproducir o espírito do noso pobo, velaí o mesmo espírito que aniña nos punteiros todos das gaitas. Somos atrevidos, queremos mil, cen mil gaiteiros máis para Galicia, e guiados por aqueles Cantares queremos tocar unha alborada de gloria. Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta.
Vente aurora...
Vente abrindo...
A alborada de Rosalía
Entre as grandezas de Cantares gallegos non é menor esta composición experimental na que Rosalía eleva o poder da música a un primeiro plano da poesía nun exercicio insólito. Pero a música da que parate a autora non é inocente, nin os instrumentos. A alborada está vinculada á gaita, símbolo nacional desde os inicios do Rexurdimento, e destinada á interpretación unicamente instrumental nas mañás de festa. A partir disto, Rosalía executa unha reorientación de envergadura compóndolle unha letra na que revira a dimensión lírica do xénero cara unha histórica dimensión épica: a noite é a que reinaba nos ceos literarios e históricos de Galicia, o día vai ser o da esperanza e o da rexeneración para o noso país. Xunta o popular e os experimental, o lirismo aparentemente inocuo de paxaros cun fondo político e feminista indiscutíbel, un simbolismo simple cunha carga épica de alegre arenga.
Non é a separación dos namorados ó amañecer como era na cantiga medieval de Fernández Torneol ou no Romeo e Xulieta de Shakespeare ou en “Cantan os galos pró día” da propia autora. Si, fican os motivos inequívocos dos paxaros cantando e a alegría do espertar e erguerse saudando o novo día. Pero agora é a meniña gaiteira no límite entre a noite e maila aurora, físicas e simbólicas, no marco histórico da Galicia que comeza e renacer ó que sabe que está contribuíndo coa súa obra. É o seu forte e vivo esconxuro: fóra a noite de tristura e de sombras, a noite de meigallos e pesares, a noite secular da escuridade de Galicia. Que veña o novo día, un novo sol, unha nova idade de alegría e de esperanza para Galicia (que o millo medre!) saudada co canto dos paxaros. Que os paxaros e o gaiteiro, de pano sedán vestido, coa súa música esperten as meniñas. Que as meniñas e a mocidade, velaí a idea de proxecto, esperten e se ergan. Que se ergan porque chegou a hora de Galicia
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta...
LETRA DA ALBORADA:
Alborada
I
Vaite noi-
te-vai fuxin-
do-vente auro-
ra-vente abrin-
do-co teu ros-
tro-que sorrin-
do-a sombra espanta!!!
Canta…!,
paxariño can-
ta-de ponliña en pon-
la-que o sol se levan-
ta-polo monte ver-
de-polo verde mon-
te-alegrando as her-
bas-alegrando as fon-
tes…!
Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre.
Canta!
Canta porque a luz te escoite.
Canta!
Canta que fuxeu a noite.
Noite escura
logo vén,
e moito dura
co seu manto
de tristura,
con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal,
sal…!
Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.
Sal…!
Señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal,
que a luz
do día
viste a terra de alegría,
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.
II
Branca auro-
ra-ven chegan-
do-i ás porti-
ñas-vai chaman-
do-dos que dor-
men-esperan-
do-o teu folgor…!
Cor...
de alba hermosa
lles estende
nos vidriños
cariñosa,
donde o sol
tamén suspende,
cando aló
no mar se tende
de fogax
larada viva,
dempois leve,
fuxitiva,
triste, vago
resprandor.
Cantor
dos aires,
paxariño alegre,
canta,
canta porque o millo medre.
Cantor
da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille
que xa sal o sol dourado;
que o gaiteiro,
ben lavado,
ben vestido,
ben peitado,
da gaitiña
acompañado
á porta está…!
Xa…!
Se espricando
que te esprica,
repinica,
repinica
na alborada
ben amada
das meniñas
cantadeiras,
bailadoras,
rebuldeiras;
das velliñas
alegriñas,
das que saben
ben ruar.
Arriba
todas, rapaciñas do lugar!,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar.
Arriba!
Arriba, toleirona mocidad!,
que atru-
xaremos-cantaremos o ala...lá...!!!




Ningún comentario:
Publicar un comentario