Páginas

17 de abr. de 2013

CAMBADOS NO RECORDO: HISTORIA DO FUTBOL EN CAMBADOS.

Con motivo do cincuentanario do Club Juventud de Cambados este blog quere celebrado por todo o alto,de ahí a cabeceira adicada ao Cambados e hoxe imosvos facer partícipes dun artigo feito no seu día por este administrador e
que queremos compartir con todos vos. Por certo Cambados estrena páxina web http://www.cjcambados.es/ e moi o noso pesar non está en galego, unha gran eiva, ainda que correxible.
HISTORIA DO FUTBOL EN CAMBADOS
Este é o documento gráfico máis antiguo dun equipo de futbol en Cambados. Era o Castigo Club de Futbol e transcorria o ano 1925. Nese equipo xa esta o incombustile Miguel Palacios de Porteiro e o defensa Juan Rivas.
ANTECENTES HISTÓRICOS
A primeira cita documentada do fútbol en Cambados, podémola atopar no número 1 de "El Cometa" periódico satírico, transcorría o 27 de marzo de 1910, tiña Ramón Cabanillas  34 anos e sete fillos cando  decidiu botar a andar  esta  última empresa periodística antes de marchar a Cuba, e concretamente baixo titulo "El Balompié , el miche y el vai"  dicíanos o poeta en castelán "...estaba encargado  de recurrir hasta á sus hercúleas fuerzas  para impedir que unos chicos deportistas  se dedicasen al balompie, vulgo fot-ball..." o artigo era unha protesta de D. Ramón porque se prohibe  xogar ao fútbol e se permite a billarda ó Alcalde na época Ramiro Padin.

TEMPADA 39-40, NO CAMPO DA MERCED EQUIPO QUE XOGOU NA CATEGORIA DE AFICIONADOS. 
DE PE:----------, TEÓFILO PALACIOS, JOSÉ OUBIÑA, BENJAMÍN GALIÑANES, MIGUEL PALACIOS, JOAQUÍN PREGO, VICENTE "CHOPO", OCTAVIO SILVA (DIRECTIVO). 
ABAIXO: DEMETRIO LOIS, PEPE FLORES, BENEDICTO, MILLÁN.

Dun xeito xa máis organizado sitúase o nacemento do futbol en Cambados, alá polos anos 20 en que, cunha total carencia de medios e instalacións puxéronse a darlle patadas a un “artiluxio” redondo os pioneiros do que co tempo sería chamado tamén entre nós o “deporte rei”. Aqueles “Sportman” presentaban unhas indumentarias que hoxe chamariamos extravagantes, cun pano de man arredor da testa, e uns “borceguíes” de lona con tiras de coiro que hoxe son verdadeiras pezas de museo. O “stadium” estaba constituido por un anaco de terra baldía, con máis pelouros que herba no que os xogadores que non tiñan calzado adecuado (a maioria) souberon o que era perder as uñas dos dedos, sen por elo demanda-lo servizos do masaxista e moito menos do cadro médico. Este terreo localizabase na zona da Grenla na parroquia de Vilariño, que por certo tivo equipo de fútbol propio, poñendo os alicerces de práctica do futbol de competición no noso concello.

Ano 1939. Equipo da Juventud Católica precedente histórico do Club Deportivo Cambados. O porteiro e o mítico Miguel Palacios e non menos mítico o primiero dos agochados empezando pola esquerda Emilio González Tizón "Millán" segundo moitos o mellor xogador de futbol da historia en Cambados e pai da saga dos porteiros "Millan". A campo era o antiguo "La Merced". De pe de esquerda a dereita: Manolito Silva, Polo Fariña, Benedicto, Isidoro, Pancho, Miguel, Andrés e Cala. Agochados: Millán, Vieites e Manolito Silva.

 Na primeira década do século XX xa había equipos de futbol en Cambados. Están documentados pero non hai constancia fotográfica. Nos anos 20 fíxose o primeiro equipo que tivo continuidade parece ser que se chamaba Castigo F.C. e que nel xogaban xa Palacios, Rivas ou Cabanillas fillo do noso poeta  da raza , ainda que non se sabe si era Ramón ou José o que xogaba.
Anos 40. Club Crucero Vilariño, entre eles podemos ver a Benedicto e Miguel Palacios.

O fútbol en Cambados foi collendo certa entidade a partir do ano 1931 coa formación do club “Juventud” no seo da Acción Católica que comenzou a representar a Cambados no mundo futbolístico. Neste intre xa podemos citar nomes. Ali estaban Miguel Palacios (por moitos anos porteiro cambadés), Juan Rivas, Galiñanes, Milucho Millan (segundo algúns o mellor xogador da historia de Cambados), Benedicto etc., os que máis tarde se irian unido  Paco Vieites, Andrés e Benito Iglesias, Benito e Pancho Chaves, Isidoro Vaamonde, Jaime e José Luis Silva, Joaquin Fole entre outros.

Juventud Católica 1942.- De pe de esquerda a dereita: Andrés, Miguel Palacios, Benedicto, Benito Chaves Pancho, Isidoro, José Luis Silva, Martinez (Presidente). Agochados: Jaime Pillado, Paco Vieites, Milucho Millán,  e Benito Iglesias.

O 31 de outubro de 1932, día de Cristo Rei,  inaugurase o Campo “ La Merced ” cun partido memorable no que a Juventud Católica de Cambados enfrontouse o Ciosvin de Vigo que era moi superior gañando os cambadeses, e deixando a célebre anécdota  de que os vigueses non foron capaces de marcarlle un só gol os locais porque contaban coa protección  de Cristo Rei na Porteria. 
Un equipo de Cambados na Merced no ano 1946. De pe de esquerda a dereita: Estevez, Serantes, Benito Iglesias, Leiro, Calviño, Santiaguiño e Carducho. Agochados: Pepito Coxia, Milucho, Seso, José e Suso Laya.

O terreo foi donación de Dona Dolores del Valle á igrexa xunto con outras propiedades como o Pazo de Sarantellos ou o solar onde se construirá a “Juventud Católica”, pon o terreo a nome do párroco e cando morre este pasa a mans da familia que renuncia a él e llo entrega aos Salesianos quen no ano 1965 llo “venden” o Concello con algunha outra condición que posteriormente non se respetou no momento da súa venda recentemente, na actulidade hai construido un gran edificio. Por certo o Campo “La Merced” debe o seu nome  a un membro de benefactora familia Del Valle Bechade, cariñosamente coñecida como “A Francesa”. 
Escudo do desaparecido Club Deportivo Cambados, fundado en 1950 e finado administrativamente en 1961. Ainda que hai certas dúbidas sobre do ano da fundación.

FUNDACIÓN E DESAPARICIÓN DO CLUB DEPORTIVO CAMBADOS
En 1948, ainda que non está datado con toda seguridade fúndase o C.D. Cambados xa en calidade de federado nas Rias Baixas. A partir de ese momento estadios históricos como Balaídos, Pasarón Santa Isabel, O Couto e o Inferniño en Ferrol  etc. ven pasar o desenrrolo deste club. Vestia o Club Deportivo Cambados  camisola de cór azul ceo e calzón Branco, militando posteriormente na “Serie A”, categoría que deixaria para competir na Terceira División de categoría nacional. 
Tempada 49/50 Probablemente a primeira tempada do Club Deportivo Cambados.  De pe de esquerda a dereita: Vieites, Benito Iglesias, Paco Leiro, Pancho, Chato e Milláqn. Agochados: Angel González, Costa, Sindo Losada, Maestu e Nario o Fico.

En 1957, en Redondela, escribise un dos capítulos máis importantes na súa historia consigue o ascenso a Terceira División tras vencer o Choco na final pola descalificación deste equipo por alineación indebida, donde está durante as tempadas 1958/59 e 1959/60. A nómina de xogadores  vaise facendo maior, e a algúns dos que ainda pertenceron a Juventud Católica, hai que engadir a Estevez na porteria, Antonio Pombo, Suso e José António Laya, Sito Carro, Manolo Leiro, Pepito Fariña, Leopoldo “Polo” Fariña, Pachucho Fraga, Rori, Tenecho, Nolito, Quinso Fariña, Vázquez, Millán II, Carducho, Cuiñas etc. resulta mói difícil mencionar a todos. Algúns destes xogadores pola súa indubitable  calidade chegaron a militar en Clubs  de moi superior categría como é o caso de Pombo, no Arosa en 2ª División, Polo Fariña, no Leixoes de Portugal e no Cartagena, e Rori, quen xogaria en Primeira División no Celta de Vigo e no Lleida. 
Club Deportivo Cambados, precedente histórico do Club Juventud de Cambados. Principios de Tempada 1957/58 Setiembre 1957,  militaba na 3ª División, a partires de ahi cairia en picado ata desaparecer no ano 1961. Na foto podemos recoñecer a Carducho, Sansón, Leopoldo, Pombito e Laya entre outros.

Deste periodo  é acreedor de mención o que doi dez anos presidente , Joaquin Fole, que fixo unha meritoria laboura a prol do engrandecmento do fútbol cambadés. Do anecdotario sacamos as seguintes mostras: Un xeito de recadar cartos para o club, era a aportación en ostras  por parte dos mariñeiros, cando este molusco abondaba na nosa Ria de Arousa. Outra foi un gol de penalti, que Polo lle meteu o Arousa, estando Castellanos na portería, e que coa coraxe con que o ariete cambadés lle pegou  o balón, este furou a rede, aunque cabe supoñer que o aparello debia estar moi cativo. 
1957 Aproximadamente. Club Deportivo Cambados. De pe de esquerda a dereita: Quico (adestrador), Marin, Prieto, Luis, Mallón, Pepito Coxia, Carducho, Samba. Agochados: Cholo, Polo, Pombito, Laya e Lapre.

Tamén hai que suliñar que ó longo desta etapa causaban sensación os enfrontamentos Cambados e o Arousa de Vilagarcia, pola especial rivalidade entre ambos equipos e as respectivas afeccións, que deron lugar a feitos  que merecen ser esquecidos, e outros que se lembran con agrado.  Desaperece sumido nun mar de débedas aproximadamente nos anos 1960 ou 1961.
Escudo orixinario do Club Juventud Cambados, ideado e confeccionado por Ernesto Losada. Ano 1963.

NACEMENTO DO CLUB JUVENTUD CAMBADOS
No ano 1963 fúndase o Club Juventud Cambados . Despois de dous anos sen fútbol en Cambados, nace na “Cachopeira”, como así era coñecido o antigo Bar Reboredo sito na cambadesa Rúa do Rollo, en 1.963 o Club Juventud de Cambados, foron os seus “ideólogos” o propio Moncho Reboredo e Andrés Iglesias entre outros, sen embargo “elixen” como presidente a un empresario que puxaba con forza na época Evaristo Daporta Leiro.
Ano 1963.- Ano de fundación do Club Juventud de Cambados. Así era o Campo Municipal "La Merced" visto dende un dos campanarios da Igrexa de San Bieito. Este campo foi inaugurado o 31 de outubro de 1932.

Nesas mesmas datas e no mesmo bar tamén era asiduo Ernesto Losada , que foi mestre máis tarde no I.E.S. Ramón Cabanillas do que hoxe se denomina Plástica e antes eran “Trabajos Manuales”,  a quen Reboredo lle di que tiña que facer un escudo para o novo club, segundo nos contou el mesmo, colleu un vaso, pintou o circulo do contorno e logo un barco veleiro que se deitaba cara a estribor o contrario do de agora que se deita a babor, dentro do circulo fixo unhas liñas imitando un balón de fútbol e así naceu o escudo do noso club.

Xuveniles do Cambados..Diciembre 1963. Anduriña 0 – Cambados 8. Campo de Futbol de A Toxa. De pe de esquerda a dereita: Silva, Rubio, Paco, Jaime, Arenaz, Eladio, Isaac. Agochados: Giraldez, Rial, Oliveira, Leal e Manolo.

O equipo fórmase con xogadores que foron do extinto Club Deportivo Cambados como Pombo e Laya, entre outros e algúns xuvenís. Comezan a súa andadura no que se chamaba Campionato de Rias Baixas. Xogaban o Grove o Anduriña nestas data no desaparecido Campo de Fútbol da Toxa, no ano 1968 desaparece este campo. A primeira camiseta do Club é branca e o calzón azul, trocándose logo para un azul escuro e despois para un vestiario igual co da “Juventus” os trocos de camiseta acordábanse entre os presidente e xogadores. No ano seguinte 1964 é nomeado Presidente do Club Ramón Vieites Daporta "Monchiño Vieites”, quen empeza a contar con xente como Nolo Trigo, Juan Manuel Arenaz, Tonecho, Isaac, Eladio, Rodrigo,Rial etc. Cóntanos Manuel Rial gran xogador do Cambados dende o 63 o 69 en que tivo que marchar como emigrado a Alemaña, que nun partido no ano 1964 Ribeira-Cambados, despois de que o árbitro expulsara a cinco xogadores do Cambados alongou o mesmo 23 minutos e marcou o Ribeira o gol da vitoria no derradeiro minuto, é dicir que o árbitro esperou a que o Ribeira marcara o gol para dar por rematado o encontro. 
Juventud de Cambados. Tempada 1965. Subcampeón Rias Baixas. De pe de esquerda a dereita: Camarero, Isaac, Tonecho, Montes, Eladio, Millan. Agochados: Rial, Laya, Avelino, Rodrigo e Ulloa.

No ano 1965 colle o club un mozo contratista chamado José Prado Acha “Xepe” quen o parecer facía tándem co seu amigo o médico Celestino Padin Montans, volven os “retornados” do Ribadumia, cambadeses que dada a carencia de fútbol de competición na vila xogaban no Ribadumia entre eles Camarero, Millán, Ulloa, Avelino etc, quedando durante este período varias veces campións das Rias Baixas e do torneo Relámpago. Nesta categoría o rival a bater era o Portonovo , aínda que o Grove tamén era un dos favoritos da categoría. Evidentemente neste tempo os xogadores non cobraban un peso. 
Juventud de Cambados. Subcampión Gallego de Afeccionados 1967. De pe de esquerda a dereita: Millán, Eloy, Eladio, Berto, Cernadas, Arturo. Agochados: Rial, Nelo, Furia, Ramoni e Pirri.

No ano 1967, prodúcese un dos primeiros éxitos deportivos do Club Juventud Cambados, chégase a final do Campionato Galego de Afeccionados, un torneo de moito prestixio na época , que se celebra a dobre partido contra do Orzán da Coruña, onde nun partido de volta épico na Merced, con cinco expulsados por parte do Orzán , pese o dominio absoluto non se puido resolver a eliminatoria fallando incluso, Eloy, un xogador cunha técnica perfecta que logo chegaría a xogar mo Chaves na Primeira División nacional portuguesa, un penalti. Na semifinais eliminaran o La Salle de Santiago, perderase 3-0 na ida pero remontarase na Merced. 
.Juventud Cambados Tempada 1969. Camiponato Rias Baixas. De pe de esquerda a dereita: Millán, Eladio, Chato, Joaquin Laya, Rial, José Antonio Laya, José Manuel, Millán (pai). Agochados: Eloy, Mallo, Lojo, Ramoni e Furia. Está foto é historica por primeira vez o Cambados vestia de amarelo, a súa cór actual.

Ata o ano 1969 xogábase sen suplentes. Os convocados chegaban a caseta e o adestrador dicía os once que xogaban, os demais ían para a grada. Neste ano prodúcese tamén un troco importante no que o vestiario se refire, xa que cámbiese para a cor amarela e pantalón azul, o parecer segundo contan algúns xogadores da época porque había unhas camisetas baratas de cor amarela e así se mercaron, tamén hai quen di que unha persoa dende as Palmas mandou unhas camisetas daquel club ,  de feito está contrastado que o Club Juventud Cambados, xogou varios partidos co escudo das Palmas na súa camiseta, dende aquel ano quedou definitivamente establecido como as cores oficias do club. Nestes primeiros anos foron adestradores do club Benito Iglesias, Leopoldo Fariña e Carducho. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para publicar calqueira comentario neste blog tes que envialo o seguinte correo: atimeucambados@gmail.com, identificandote debidamente.
Tamén podes facelo a traves de facebook nas contas seguintes: http://www.facebook.com/unha.chea e http://www.facebook.com/xaquincharlinchon, especidificando especialmente si é o teu desexo que saia como comentario tamén no blog. Tamén podes facelo enviando unha mensase privada as contas de fecebook antes referidas.
Se saes nalgunha imaxen deste blog e non é a tua intención indicanolo madiante un correo o email antes citado, facendo saber a entrada na que saes.
Perdoade as molestias.