O EQUIPO DE SISKO DOMÍNGUEZ PROCLAMOUSE CAMPIÓN INVICTO DA LIGA AROUSÁN.
A dimensión de club ben estructurado do Xuventude de Cambados queda de manifesto en realidades como a que supón a inmaculada traxectoria do seu equipo infantil feminino. O grupo dirixido por Sisko Domínguez proclamouse campión invicto da liga arousana, mérito que demostra a calidade e o traballo ben feito deste grupo de xogadoras.
A empresa non foi nin moito menos un camiño de rosas. A competición local, na que se encadraban doce equipos, obrigou ás cambadesas a gañar de xeito consecutivo un total de 22 encontros. Todos eles resoltos con solvencia e, sobre todo, bo baloncesto. Como proba diso aí está tamén a súa condición de equipo máis anotador e menos goleado da liga.
O seu adestrador ten moi claro que ninguén lles regalou nada: "É unha merecida vitoria logo de moitas horas de adestramento e traballo. É un grupo que acumula varios anos de boa formación na canteira do club e, ademais, son xogadoras que teñen unha gran paixón polo baloncesto, moita ilusión e demostrábano adestrando moi duro cada semana".
Aida Míguez, Carla Rodiño, Carolina Vázquez, Eva Padín, Miriam Rial, Nerea Ribadomar, Nuria Domínguez, Zulema Pastor, xunto ás alevines Sara Chaves, Sofía Villanueva e Lara Silva, conforman un equipo que deixou ben claro que o baloncesto feminino en Cambados ten presente, pero sobre todo moito futuro.
O premio a tan bo facer non é outro que a posibilidade de pelexar polo ascenso a primeira división galega, categoría que reúne aos aspirantes a representar a Galicia nun Campionato de España. Para iso terán que facerse co primeiro posto nun grupo que reúne ao Porriño, Compañía de María de Vigo e Allariz. Que ninguén dubide de que pelexarán ao máximo.



Ningún comentario:
Publicar un comentario