6 de maio de 2013

QUEREMOS GALEGO SALNÉS INVITA A TODOS OS SALINIENSES A MANIFESTACIÓN DO 17 DE MAIO

A PLATAFOMA QUEREMOS GALEGO SALNÉS TAMÉN SECUNDA A MOBILIZACIÓN CONVOCADA POLA MESA PARA O VINDEIRO 10 DE MAIO EN APOIO A CARLOS CALLÓN

A Plataforma  de Queremos Galego Salnés manifesta: “Convidamos todas as persoas que amen o galego a que participen na manifestación nacional do Día das Letras”
A Plataforma Queremos Galego Salnés “está a pór a punto os motores organizativos” de cara á manifestación nacional que se convocou  para o Día das Letras ,  o lema  é “Non queremos ser estranxeiras na propia patria. Queremos galego!” Esta marcha sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela e finalizará na praza da Quintana.
A plataforma, da cal fan parte máis de 700 entidades, dispoñibilizará autobuses desde diferentes puntos de Galiza para as persoas que quixeren acudir. Toda a información porase na súa páxina web: www.queremosgalego.org Ademais, é posíbel descargar os materiais da convocatoria desde este enderezo web: http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Cartaz+mani+17M+Queremos+galego
O “convite”  é para que “todas as persoas que amen o galego participen na manifestación convocada para o Día das Letras”, pois “só a través da presión social constante poderemos garantir os nosos dereitos lingüísticos e o noso futuro como pobo”.
Carlos Callón
A plataforma tamén acordou apoiar a mobilización convocada pola Mesa para o vindeiro 10 de maio ás 10 h diante da Audiencia Provincial da Coruña, en apoio a Carlos Callón. O presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego será xulgado “de novo e de forma excepcionalísima nos procedementos xudiciais habituais” por unha denuncia realizada polo ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, despois de este afirmar “no tengo ningún rubor en usar La Coruña” nos documentos oficiais, a pesar de que a súa obriga como xuíz é cumprir e facer cumprir as leis.
Fraga Mandián
Carlos Callón xa fora absolto en xaneiro deste ano do cargo de inxurias contra o ex xuíz decano da Coruña, quen reclamaba unha indemnización de 15.000 euros polo feito de o presidente da Mesa lle lembrar a súa obriga de cumprir a Lei de normalización lingüística tras unhas declaracións nas que o nalquel momento xuíz decano manifestaba que non tiña “ningún rubor en usar La Coruña” nos documentos oficiais. Na sentenza (que se pode consultar aquí), ademais de absolver ao presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, tamén se recordaba toda a lexislación que recoñece A Coruña como o único topónimo oficial, e sinalábase que é normal e lexítimo que as moi desafortunadas declaracións de Fraga Mandián fosen obxecto de crítica pública, como a realizada polo presidente da Mesa, e que esta estaba amparada pola liberdade de expresión.
Porén, nunha insólita decisión, a Audiencia Provincial da Coruña decidiu repetir o xuízo, aceptando o recurso presentado por Fraga Mandián e concedéndolle a vista co fin de repetir o proceso cun novo xuíz, algo moi pouco habitual, moito menos cando se recorre unha sentenza absolutoria.
A caza de bruxas contra os que defendemos o galego continúa. Por ese motivo a plataforma Queremos Galego secunda a mobilización convocada pola Mesa para o día 10 de maio diante da Audiencia Provincial da Coruña.



Ningún comentario: