9 de ago. de 2013

CAMPAÑA DE APOIO SOCIAL AO FOTOXORNALISTA JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Poñen en marcha unha campaña en Internet para recoñecer publicamente o traballo deste profesional, despedido por Faro de Vigo, xornal ao que piden unha "rectificación".
José Luiz Oubiña deixou unha fonda pegada na comarca do Salnés, onde é recoñecido pola súa gran profesionalidade. Malia este recoñecemento social, Faro de Vigo, xornal no que traballou durante dúas décadas, decidiu botalo pola porta de
atrás e practicamente cunha man diante e outra detrás, cunha indemnización de 3.000 euros.
A notificación do despedimento chegoulle no mes de abril pasado, logo de que Oubiña denunciase a Faro e conseguira que se lle fixera un contrato como asalariado despois de anos de servizo ao xornal vigués na delegación de Arousa. Nos círculos próximos do fotógrafo fálase de "represalias" da empresa por aquela denuncia para regularizar a súa situación. Para despedilo, Faro acolleuse á reforma laboral e liquidou as dúas décadas de pleno traballo do fotógrafo cun cheque de só 3.000 euros. Situación que nos círculos de Oubiña se cualifica como "humillante", "indigna" e "abxecta".
Oubiña recibiu premios tan prestixiosos como o Folla de Prata con Albariña de Ouro da Gala do Albariño, a Foto do Ano do Galicia en Foco ou o Premio Caja España Fotografía da Camelia.
Agora, os veciños de Arousa, en recoñecemento a súa labor, queren "manifestar  publicamente" o seu "apoio" ao fotoxornalista a través dunha campaña posta en marcha na plataforma en liña change.org.
Impulsada por Diego Alcaine, de Arousa TV, a campaña procura conseguir sinaturas que ubscriban un texto de "recoñecemento á importante labor profesional de Jose Luiz Oubiña e ao seu traballo xornalístico, que soubo achegar a realidade da Ría de Arousa e da comarca do Salnés a todos os cidadáns".
O texto de apoio ao veterano fotoxornalista tamén salienta o valor social do traballo gráfico de Oubiña, que "é un esforzo profesional de calidade, implicado coas causas más importantes, como a loita contra o narcotráfico, que nos preocupa a todos, y que a el lle ten suposto máis dun problema".
"Valoramos o seu esforzo diario para estar preto dos cidadáns —de todo tipo, de calquera ideoloxía e condición social— e ao pé pie da noticia, na rúa e coa xente, falando e observando, levando ao mellor xornalismo o máis relevante da nosa vida, a de todas as persoas que gozábamos da súa labor", explícase.
En definitiva, o escrito pretende ser un "mínimo recoñecemento á valía profesional, que a súa vez, foi certificada por premios e nomeamentos de prestixio". Pero tamén é "un recoñecemento á persoa que, ademais do seu traballo, participa activamente en causas sociais como Caricarte, que apoia activamente as diversas manifestacións artísticas arousanas, e que nos amosa na práctica o sentido das boas relacións humanas".
Faro debe "rectificar"
Este recoñecemento a Oubiña inclúe tamén unha misiva dirixida á dirección de Faro de Vigo, un "desexo compartido de rectificación por parte da empresa do que foi o seu medio durante vinte anos, para non perdernos o seu importante labor como profesional da información".
"Manifestamos tamén o noso desexo de manter limpa a súa imaxe, que non debía desfigurarse con apreciacións pouco meditadas", dise no texto, no que se expresa o "desexo de que a figura do importante redactor gráfico e fotógrafo arousán Jose Luiz Oubiña siga presente, traballando nas nosas rúas e vilas, como sempre fixo, coa xente e coa noticia. E por suposto, coa súa cámara, que é e será parte dos nosos ollos", concúese no texto desta campaña que se pode asinar aquí. 
Velaquí un perfil de José Luiz Oubiña na canle de Youtube de Arousa TV:
ROVA RECOLLIDA DE GALICIA CONFIDENCIAL 


Ningún comentario: