15 de nov. de 2013

OFENSIVA DO BNG EN DUAS FRONTES: COMPORTAS DO SACO E CONTAMINACION EN OUBIÑA, TERRA DO CAUDILLO TOURIS

COMPORTAS DO SACO: ACTUACIÓN PRIORITARIA CONTRA A CRISE?
Os cambadeses e cambadesas poden comprobar, estes días, como deu comezo a obra de
construción das comportas do Saco de Fefiñáns. Con esta obra queda claro que para o PP o realmente prioritario son os seus proxectos partidistas. Queda demostrado que para os proxectos do PP non hai recortes e si se executan as  partidas orzamentarias da Xunta cando son do seu interese. Para o saneamento non hai cartos, para o centro de día non hai cartos e para o colexio Magariños tampouco, pero para construír unhas comportas que non se sabe cando se utilizaran nin que efectos futuros terán sobre o banco marisqueiro do Saco, si hai orzamento. Como  xustifica  o PP, nun momento de tremendos recortes económicos que están a producir paro e o deterioro dos servizos públicos, que se utilicen os cartos dos nosos impostos para cumprir un capricho partidista. Un capricho que, ademais, de cumprir o prometido ás mariscadoras, non poderían poñer en funcionamento ata que o banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns recupere a súa cualificación de zona B.
Isto claro; se consideramos que a palabra do PP, a día de hoxe, posúe algún valor, porque o BNG dubida moito de que o PP teña algún interese en recuperar dito banco marisqueiro; máis ben todo o contrario.
O PP dedicouse estes últimos anos a enganar á xente con continuas promesas de realizar o saneamento integral da zona. Cada  vez que se viron presionados polas denuncias do BNG ou polas peticións das mariscadoras, non tiveron inconveniente en prometer nos medios de comunicación un gran investimento para realizar o saneamento da zona, pero a realidade nos demostra que todo se quedou en fume. 
O PP ao deles e os cidadáns que se busquen a vida. Se aos veciños/as lles resulta difícil comprar os libros de texto, copagar os medicamentos, pagar os impostos municipais ou intentar conseguir un posto de traballo, o PP está a dicirlles que non se preocupen, que xa teñen unhas comportas no Saco de Fefiñáns; que máis queren?
VERQUIDOS EN OUBIÑA , TERRA DO CAUDILLO TOURIS
Os nacionalistas presentaron un escrito no concello manifestando  que nantronte, día 13 de novembro, un grupo de veciños/as de Oubiña alertaron sobre un vertido procedente do Polígono Industrial de Sete Pías. O vertido denunciado, saía dunha arqueta do polígono (arqueta que mostraba varios sumidoiros vertendo augas, aparentemente, contaminantes) e ía directamente ao foxo da estrada Cambados – Ponte Arnelas (facilítanse fotoos). Como queira que este tipo de feitos, desgraciadamente, non son unha novidade neste mal planificado polígono industrial, e como xa está en funcionamento a EDAR de Ribadumia que, segundo o Alcalde, resolvería este tipo de problemática, é polo que solicitan  que se lles respondas ás seguintes preguntas: 

1.- É coñecedor o Concello de Cambados de que onte (día 13 de novembro) producíronse este tipo de verteduras industriais que ían directamente ao foxo da estrada Cambados – Ponte Arnelas? En caso afirmativo, responda que actuacións realizaron.

2.- Tivo o concello coñecemento de verteduras semellantes a esta, nese mesmo lugar e en datas anteriores?

2.- Sabe o concello cal é a procedencia deste tipo de verteduras? 

3.- Que tipos de actuacións ten emprendidas o concello para evitar este tipo de episodios contaminantes? Que valoración fai o concello do resultado das  actuacións realizadas para impedir as verteduras?

4.- Cal é a razón de que a entrada en funcionamento da EDAR de Ribadumia non solucione esta problemática? Solucionará esta problemática en datas próximas? Cando, aproximadamente?


Ningún comentario: