14 de feb. de 2014

A ABORTO A DEBATE NO CONCELLO DE CAMBADOS


O PSOE VEN DE PRESENTAR UNHA MOCION PARA QUE TRATE O  TEMA EN PLENO
     O PSOE de Cambados ven de presentar unha moción para tratamento en Pleno, probablemente o vindeiro 27 de
Febreiro se non hai novidade de derradeira hora, sobre o tema do aborto. Por certo estas mocións están probidas no Concello de Vilagarcia de Arousa.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
   A Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, recolle a garantía
dos dereitos fundamentais no ámbito da saúde sexual e reprodutiva, regula as condicións da interrupción voluntaria do embarazo e establece as correspondentes obrigacións dos poderes públicos.
   No seu texto, declárase o dereito de todas as persoas a adoptar libremente decisións que afectan á súa vida sexual e reprodutiva, sen máis límites que os derivados do respecto aos dereitos
das demais persoas e á orde pública garantido pola Constitución e as Leis, e recoñécese o dereito á maternidade libremente decidido o que implica non só recoñecer ás mulleres a capacidade de decisión sobre o seu embarazo, senón tamén que esa decisión,
consciente e responsable, sexa respectada.
   A Lei, que veu substituír a unha regulación que vinte e cinco anos atrás supuxera un avance na protección das mulleres, foi elaborada, debatida e aprobada desde o consenso coa gran maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, tras o traballo en sede
parlamentaria dunha Subcomisión na Comisión de Igualdade na que se contou coa participación dunha trintena de expertos e considerando as recomendacións de expertos xuristas e
profesionais da bioética e a sanidade. Ademais, reforzou a seguridade xurídica na regulación da interrupción voluntaria do embarazo e incorporou a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
así como distintos pronunciamentos, en forma de conclusións e recomendacións, do Consello de Estado e organismos internacionais de Nacións Unidas, da Organización Mundial da Saúde, do Consello de Europa e da Unión Europea.

 O Goberno anunciou unha revisión desta lexislación que representaría un extraordinario retroceso normativo, social e ideolóxico e volvería situar ás mulleres españolas na clandestinidade, suprimindo o seu dereito a decidir responsable, consciente e libremente sobre a súa sexualidade e maternidade, e afectando á súa seguridade xurídica e á dos profesionais do noso
sistema de saúde, así como á garantía no acceso ás correspondentes prestacións sanitarias.
   Neste sentido, o 20 de decembro de 2013 presentouse no Consello de Ministros un Anteproxecto de Lei
Orgánica cuxo contido confirmou, e tristemente superou, as peores conxecturas acerca dos seus desastrosos efectos sobre a liberdade e os dereitos das mulleres.
   Co Anteproxecto aprobado polo Goberno suprímese o dereito das mulleres a interromper o seu embarazo no primeiras catorce semanas, considerándose como delito despenalizado só nos supostos de violación e "grave perigo para a vida ou a
saúde" da muller, privando a esta do seu dereito a decidir sobre a súa maternidade. Suprímese tamén, por tanto, o suposto de malformacións ou anomalías fetais incompatibles coa vida, que tiña xustificado a interrupción do embarazo dende os anos oitenta do século pasado.
   Esta norma non só suporá un grave
retroceso de máis de trinta anos para a lexislación española neste ámbito, e o incumprimento de compromisos internacionais en materia de dereitos sexuais e reprodutivos e de liberdade das mulleres a decidir sobre a súa maternidade, senón que situaría a España como unha excepción en toda Europa, onde nos últimos anos ningún país lexislara cara atrás nesta materia, mentres que as
mulleres españolas sufrirán ese retroceso despois de contar cunha das lexislacións máis avanzadas, máis seguras, con maiores efectos na prevención de embarazos non desexados e que conseguira reducir o número de abortos no último ano.
   Esta normativa provocou un enorme
rexeitamento social da cidadanía española e europea, das organizacións sociais, profesionais e feministas, e ademais motivou a aparición de declaracións de membros do seu propio partido, incluídas as dalgunhas mulleres que ocupan cargos públicos, discrepando do seu contido, e a crítica de dirixentes e medios de comunicación no estranxeiro, onde só cultivou a felicitación de formacións
políticas de extrema dereita doutros países.
   Por estas razóns, o grupo municipal socialista in sta ó Pleno a aprobar o seguinte acordo: 
   "O Concello de Cambados insta o Goberno de España a retirar inmediatamente e non continuar a tramitación do Anteproxecto de Lei Orgánica polo que pretende revisar a lexislación vixente en España
sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo."
Aprobada esta moción darase traslado da mesma ós grupos políticos presentes no Congreso dos Deputados.

PsdeG-PSOE Cambados
http://www.socialistascambados.com
info@socialistascambados.com

Ningún comentario: