16 de xul. de 2014

XA PODES VOTAR POLO CEMITERIO DE SANTA MARIÑA DE CAMBADOS

COMPITE NA CATEGORÍA DE MELLOR MONUMENTO ARQUITECTÓNICO.
Xa podes votar polo Cemiterio de Santa mariña de Cambados para ser escollido como o “Mellor
monumento arquitectónico” entre todos cemiterios do estado español compite con cemiterios de cidades con tanta poboación como Barcelona, Bilbao, Cádiz, Alcoy, Madrid, Cordoba, Tarragona ou Zaragoza. Hai tres categorías , Mellor Cemiterio, Mellor monumento arquitectónico e Mellor escultura. Cambados participa na segunda categoría. A hora
de publicar esta nova, iamos en 5ª lugar, ou sexa que a votar.
Situado na ría máis grande de Galicia, no Val do Salnés, Cambados e o seu conxunto histórico artístico son coñecidos por ser un verdadeiro museo ao aire libre esculpido en pedra, e unha das zonas monumentais mellor conservadas de Galicia, debido aos seus numerosos pazos e rúas señoriais. Cambados naceu da fusión no século XIX de tres antigas vilas independentes: Fefiñáns, a zona máis nobre, Cambados, coas súas belas prazas e rúas e as
ruínas de Santa Mariña, e o barrio mariñeiro de San Tome. A combinación das tres fai de Cambados un lugar único. As ruínas de Santa Mariña están situadas na saia do monte da Pastora, nas inmediacións dun antigo castro, e son os restos da antiga igrexa parroquial de Santa Mariña, patroa da vila. Construída sobre os restos dunha antiga capela románica por orde do señor feudal Lope Sánchez de Ulloa, sendo
posteriormente restaurada e ampliada pola súa filla María de Ulloa a finais do século XV. De estilo gótico mariñeiro, consta tamén de trazos renacentistas. Consta dunha soa nave, dividida por 4 arcos transversais, cinco capelas laterais, sancristía e altar maior. Nun dos arcos aparece a representación dun dos sete pecados capitais, a preguiza. Ademais nas capelas destacan as iconografías de diferentes escenas bíblicas como a visitación, Cristo e os
apóstolos ou a expulsión do paraíso. Foi desteitada e abandonada no século XIX por motivos políticos e relixiosos, trasladándose a igrexa parroquial ao antigo convento de San Francisco, máis céntrico. Finalmente as ruínas utilizáronse como cemiterio municipal. Os seus restos foron declarados en 1943 Monumento Nacional e albergan hoxe en día "o camposanto máis melancólico do mundo" tal e como o definiu o escritor
galego Álvaro Cunqueiro. E é que todo neste lugar fala o silencio, paz, melancolía, sendo un cemiterio moi vivido e frecuentado non só pola poboación local, senón por numerosos visitantes que admiran o seu bo estado de conservación e a súa posta en valor por parte de todos os cambadeses. O pasado 2013, tralo 70 aniversario da súa declaración como Monumento Nacional, o concello de Cambados conseguiu a súa inclusión na prestixiosa ASCE
(Asociación de Cemiterios Singulares de Europa) converténdose no primeiro cemiterio da provincia de Pontevedra en pertencer a este selecto grupo, e o cuarto da nosa Comunidade Autónoma, tralo Cemiterio de San Amaro da
Coruña, o Cemiterio Inglés de Camariñas e o Cemiterio de Lugo. Santa Mariña Dozo abre, a partir de agora, unha nova vía de promoción e difusión do noso patrimonio, a través desta rede que agrupa 22 países e 179 cemiterios europeos tan significativos como as Catacumbas de Roma, o Père - Lachaise de Paris ou o Zentralfriedhof de Viena.
PARA VOTAR PREMA AQUÍ.


Ningún comentario: