17 de xan. de 2015

CAMBADOS NON DISPÓN DE CEMITERIO MUNICIPAL POR CULPA DO PP

O PP ABANDANA A “BOA DE DEUS” O NOSO PATRIMONIO HISTORICO
Estes días volveu a aparecer nos medios de comunicación a polémica da
necesidade de que Cambados posúa un cemiterio municipal. Que o cemiterio en Cambados sexa un servizo público é unha vella aspiración do BNG e de moitos cambadeses, polo que desde o grupo municipal levan moitos anos propoñendo iniciativas para que esta demanda poida converterse nunha realidade e, de feito, trátase dunha das propostas dos últimos programas electorais do BNG.
Xa no ano 1986 cando membros do BNG estaban no goberno municipal, se iniciaron as xestións coa compra duns terreos en Santa Mariña para a construción dun cemiterio municipal e realizáronse os primeiros trámites (redacción de proxecto, información pública, informes de sanidade, etc), pero cando no ano 1987 entrou no goberno municipal o PP, paralizou o proxecto.
Despois, desde a oposición o BNG presentou outras iniciativas nesta liña:
* 1998: Moción pedindo a municipalización do servizo.
* 1999: Nova petición, aproveitando que o concello estaba a negociar a compra de terreos para a ampliación do Cemiterio de Santa Mariña.
* 2002: Suxestión ao avance do PXOM para que se
contemplara a creación dun cemiterio municipal.
* 2003: Ante a petición do párroco de Cambados, presentación de rogo en Pleno para que o concello cree un cemiterio municipal. Fan a proposta de asinar un convenio entre Concello e Igrexa para a limpeza e mantemento dos cemiterios.
* 2007: Moción pedindo de novo a municipalización do servizo de cemiterio e para que se adquiran terreos para a ampliación ou creación dun novo cemiterio municipal.
Todas estas iniciativa topáronse sempre coa negativa do Goberno Municipal do PP, e esa é a única razón pola que a día de hoxe Cambados aínda non dispón de servizo de cemiterio municipal e, polo tanto, nesta controversia  non todos temos a mesma responsabilidade.
Desde hai anos a Parroquia de Cambados ven dirixíndose ao Concello para solicitar  que este se faga cargo  do mantemento do cemiterio. Aínda así, as obrigas do servizo de
cemiterio que contempla a lei non se limitan só a isto. O concello ten que ofertarlle tamén ao cidadán outros servizos como: enterramento, depósito de cadáveres, sala de autopsias, sistema de concesión de nichos, alumeado, augas, almacén, forno de destrución de obxectos, etc. O único xeito de que todos estes servizos poidan ser prestados polo concello é que haxa un cemiterio municipal que garanta  a prestación, en igualdade de condicións, sen distinción de crenzas relixiosas, de residencia parroquial ou de calquera outro tipo.
Actualmente sería posible, de haber vontade política, que este proxecto se fixera realidade e que Cambados contara cun cemiterio municipal. Por iso o BNG seguirá insistindo e presentará unha nova moción, neste sentido, no próximo pleno e de non ser aprobada, esta proposta  formará parte do noso programa nas vindeiras eleccións.
O PP ABANDANA A “BOA DE DEUS” O NOSO PATRIMONIO HISTORICO.
Doutra banda o BNG informanos tamén que o verán pasado, o grupo municipal do solicitou a protección do marco xurisdicional, de gran valor histórico, que se conserva na  prolongación do Camiño do Castro, no lugar do Cruceiro. Dito marco indica o punto no que no ano 1670, levouse a cabo o apeo para deslindar claramente a xurisdición da Vila de Cambados, entre os señoríos de Fefiñáns e San Tomé, segundo acordo de Comisión do Real e Supremo Consello de Castilla. Como consecuencia da citada petición o concello tivo a ben considerar a protección de dito marco, o que o BNG valora positivamente pero lle parece que este paso debe ir acompañado do seguinte, que sería a colocación dalgún tipo de cartel ou placa informativa que faga referencia ao valor histórico do marco, de xeito que á protección deste valor patrimonial vaia acompañado da información e da  promoción  deste elemento da historia local do noso concello. 
O BNG considera, así mesmo, que sendo o patrimonio cultural e histórico de Cambados, un dos aspectos máis destacables para a proxección do noso concello como destino turístico, en xeral a información da que dispoñen os/as veciños/as e turistas sobre o noso patrimonio é realmente escasa, pois non resulta habitual levar a man unha guía de Cambados ou haber pasado previamente pola oficina de información e turismo, polo que  sería conveniente contar cunha maior presenza, nas nosas rúas, de placas e paneis informativos que sirvan para divulgar o interesante patrimonio que posúe Cambados; polo que solicitan que o recentemente protexido marco xurisdicional conte cun panel ou placa informativa sobre a súa orixe e valor histórico. Que, igualmente, sexa restituída a malograda placa informativa do cemiterio de Santa Mariña, pois as visitas turísticas a este interesante lugar son numerosas e así o demandan. E por último, que os responsables de Patrimonio do concello fagan unha valoración de todos aqueles lugares do municipio con valor histórico-artístico, para que conten cos respectivos paneis informativos, pois non se debe esquecer que a proxección turística do noso patrimonio tamén implicará un potencial valor económico.
FOTOS: FARO DE VIGO, CORES DE CAMBADOS.
Para novas en xeral de Cambados, preme AQUI.

Para novas de deportes de Cambados, preme AQUI.

Se queres ver os nosos videos de novas en xeral, preme AQUI


Se queres ver os nosos videos de deportes, preme AQUI

Ningún comentario: