11 de feb. de 2015

VICTOR CAAMAÑO: "A NOVA RPT XURDE PARA BENEFICIAR OS TRABALLADORES AFINS AO PARTIDO"

A NOVA RPPT
Hoxe o PP, de seguro en solitario, aprobará a súa RPT; xamais será mellor dito: a súa. O BNG xa adiantou que votará en contra, mais non argumentando razoamentos legais, senón alegando razóns políticas de suficiente calado como para considerar
inaceptable o documento elaborado polo PP para o concello de Cambados. Porque este documento xurde para beneficiar a unha serie de traballadores/as afíns ao partido
de goberno municipal e, tamén, para cubrir as costas ao alcalde nas irregularidades que nos últimos anos veu realizando, tratando de evitar os reparos de Intervención no pago de gratificacións e complementos de produtividade nada xustificables. Esta é a verdadeira e principal razón pola que o BNG non está dacordo co documento presentado polo PP. Cambados non terá unha
RPT en función das necesidades para un bo funcionamento do concello, co cal estase a perder unha oportunidade única que redundaría no beneficio de veciñas e veciños. 
Ademais as subidas de soldos ao mencionado persoal, foron acompañadas da suba  a outro persoal, para conseguir unha maioría de traballadores que apoiara o documento final presentado. Como pode xustificar o PP que nun momento onde o paro asola aos veciños/as e a maioría dos traballadores non poden chegar a fin de mes (grazas ás reformas do PP, por suposto), o concello suba os soldos, de xeito xeneralizado, por motivacións políticas. Con este tipo
de actuacións comprobamos, unha vez máis, as incoherencias do PP e do seu concepto de austeridade.
E o BNG tampouco entende como para presentar esta modificación da RPT foi necesario contratar a unha empresa privada, pois afirmamos que cun par de técnicos municipais e os representantes dos/as traballadores/as, podería terse abordado esta tarefa con mellores resultados e, sobre todo, teríase dado unha auténtica negociación e non unha chantaxe por parte do concello-empresas: “isto é o que hai” (a metade da representación dos sindicatos maioritarios non asinou a
proposta). A participación da empresa só serviu para tentar dar unha falsa imaxe de imparcialidade pois, neste caso, o que se fixo foi trasladarlle á empresa a proposta da alcaldía para que esta buscase unha xustificación aos obxectivos marcados politicamente (creáronse, á medida, uns baremos ou criterios para xustificar uns obxectivos marcados politicamente). 
Por certo, á empresa contratada, loxicamente tamén habería que pagarlle e, como se comproba, para certas cousas, desde o concello de Cambados non se repara en gastos; semella que xa levan tempo percibindo  brotes verdes. 
Víctor Caamaño Rivas (Portavoz Municipal do BNG)










Para novas en xeral de Cambados, preme AQUI.

Para novas de deportes de Cambados, preme AQUI.

Se queres ver os nosos videos de novas en xeral, preme AQUI

Se queres ver os nosos videos de deportes, preme AQUI

Ningún comentario: