3 de feb. de 2015

VICTOR CAAMAÑO (SOBRE SOGAMA): “NESTE ASUNTO O PP NON TOMA AS DECISIÓNS ADECUADAS É POR INCAPACIDADE, POR FALTA DE VONTADE POLÍTICA”

MODELO INSOSTIBLE ECONÓMICA E ECOLOXICAMENTE
O BNG presentou hai días, para que se trate no próximo pleno ordinario, unha moción para implantar o modelo de compostaxe en Cambados polas súas vantaxes ambientais
pero tamén económicas. Esa podería ser  unha primeira opción para reducir a factura anual que o noso concello ten que pagar a Sogama. Unha factura que o pasado ano subiu, de xeito unilateral e sen ningún tipo de consulta cos concellos, un 34 % e semella, que de seguir apostando por este sistema, os pagos polo lixo seguirán incrementándose
no futuro. 
O próximo 19 de febreiro é a data límite para aceptar o ultimatun de Sogama, é dicir, da Xunta de Galiza e, polo tanto, seguir apostando por este modelo nos próximos 5 anos; seguir apostando por un modelo caro e contaminante. Non se entende como o noso alcalde e os outros do PP do Salnés prefiren aceptar un modelo que non lles gusta (por certo, por caro, non por contaminante) e aceptan o que lle ven imposto desde Santiago sen barallar outras opcións. Isto demostra moi poucas miras e ningunhas gañas de contradicir aos “xefes”. Non son capaces de ollar máis aló dos límites do seu concello, pois  poderían  apostar por mellores modelos como o que se utiliza na comarca do
Barbanza. Un modelo máis barato, máis ecolóxico e que, claramente, crea máis postos de traballo, cuestión que tamén debe ser un obxectivo prioritario a valorar. Pois, sen ter en conta os empregos destinados directamente á recollida de lixo, o modelo do Barbanza utiliza 1 traballador por cada 380 toneladas tratadas, mentres ca o de Sogama utiliza 1 traballador  por cada 2.496 toneladas (isto demostra claramente unha das vantaxes máis importantes a ter en conta na actualidade e no futuro). E a esta vantaxe debe sumárselle outras como  a utilidade do compost producido
neste tipo de plantas (terras de cultivo do Salnés), o seu prezo á venta por tonelada (45-37 €) e o mínimo impacto sobre o medio ambiente á diferenza do que ocorre con Sogama.
As cousas, neste asunto, están moi claras e buscar solucións pasa por ter vontade política, sobre todo cando se goberna en Cambados, na Mancomunidade do Salnés, na Xunta de Galiza e no Goberno Central. Se neste asunto o PP non toma as decisións adecuadas é por incapacidade, por falta de vontade política ou polas dúas cousas.
Para novas en xeral de Cambados, preme AQUI.

Para novas de deportes de Cambados, preme AQUI.

Se queres ver os nosos videos de novas en xeral, preme AQUI


Se queres ver os nosos videos de deportes, preme AQUI

Ningún comentario: