22 de maio de 2015

COÑECE A FONDO A TINO CORDAL

"A TI MEU CAMBADOS" ENTREVISTA AO Nº 1 DE SOMOS CAMBADOS
Hoxe querémosvos presentar moi a fondo, aos que aínda non o coñecedes ao Nº 1 da candidatura de SOMOS
CAMBADOS, nacido fai 45 anos a veira do barrio de Triana moi pretiño  da casa natal doutro intelectual trianero Francisco Fernandez Rei “Paco o de Xenxa”, TINO CORDAL. Tino naceu no seo dunha familia traballadora, moi traballadora,  a súa nai “Chicha a Naranja”  unha muller emprendedora onde as haxa e o seu pai é Constantino Cordal , familia
vinculada sempre a progresismo  na nosa vila non en vano algúns familiares sufriron represión e incluso un chegou a ser fusilado na golpe de estado do 36, sacaron adiante os seus fillos con moito esforzo e moito traballo, a Tino dábanselle moi ben os estudios e enseguida comezo a destacar nesa faceta, a súa
carreira foi meteórica,   estudou no Colexio Antonio Magariños, Salesianos de Castrelo, Instituto Ramón Cabanillas, Universidade Complutense de Madrid(licenciatura e doutoramento en Ciencias Políticas e Socioloxía), Universidade de Santa Cruz, California (Relacións Internacionais) e Universidade Católica de Lovaina, Bélxica (master en Administración Pública). Tamén realizou estadías de investigación nas universidades de Leiden (Holanda), Moscova, A Habana, Budapest e durante un ano na Universidade de Minho en Braga (Portugal). Exerce como profesor e investigador na Universidade de Vigo dende 2004, onde é secretario do departamento de Socioloxía, Ciencia
Política e da Administración e Filosofía, e coordinador de prácticas do Grao en Dirección e Xestión Pública. Tino está Casado e con dúas fillas, aínda que non esquece  Fefiñáns reside en Oubiña, Tino é un cambadés dos de verdade e presume de tal.

1º.- Que te levou a formar parte da candidatura de SOMOS CAMBADOS. 
-Despois de 28 anos de maioría absoluta do PP, é fundamental levar a ética e a honradez ao Concello. Cambados necesitaba unha nova alternativa capaz de xerar esperanza e ilusión, e eu din o paso para, modestamente, axudar a construíla. 

2º.- Canto tempo facía que non estabas na política activa?
-Fun concelleiro un ano e medio, e completei a lexislatura. Diso fai case 20 anos. 

3.- Dinos tres razóns fundamentais para que os cambadeses te votemos.
-Nós temos claras as nosas prioridades: axudar ás persoas que o precisan; apostar pola creación de emprego; e, gobernar con honradez, promovendo a participación e a igualdade de oportunidades. Creo que Cambados merece un goberno que teña estas prioridades. 

4.- Crees que o tempo do PP está esgotado en Cambados?
-A maioría dos nosos veciños están padecendo unha situación económica e social dramática. Temos unha taxa de paro do 26,93 % (superior á taxa provincial, galega e española); máis do 60 % das familias cambadesas non chegan a fin de mes; máis de 500 mozos cambadeses tiveron que emigrar… E a promesa estrela do PP son dúas praias fluviais en Oubiña e Vilariño. Hai algo máis evidente que demostre que o proxecto do PP está esgotado?

5.-Sodes a única formación que practica a transparencia nas súas contas. Pensas aplicar esa transparencia no Concello?
-Por suposto. Cada cidadán pode comprobar a procedencia e o destino do último céntimo do noso presuposto electoral. A transparencia e a honradez é unha das nosas prioridades, e aspiramos a levalas ao Concello, que boa falta fai, a partir do 24 de maio.

Somos a única candidatura que gasta a totalidade do seu
presuposto en  Cambados. É unha forma de apoiar a un sector que consideramos clave na nosa economía e que está padecendo unha crise brutal.

Por certo, invito a todos os comerciantes e hostaleiros a que lean nas redes sociais as nosas “10 medidas para reactivar o comercio e a hostalería”. Gustaríanos poder enviarllas a cada un deles, pero non temos diñeiro para facelo. 

6.-Tiveches unha importante afluencia de xente nos vosos mitins e sobre todo no rural, onde falla a oposición. Que valoración fas dos mesmos?
-Moi positiva. Xunto co PP somos os únicos que conseguimos unha afluencia notable de público. Tamén nas parroquias vésenos como a alternativa ao PP. Nalgunhas mesas do casco urbano aspiramos a quedar moi cerca do PP ou mesmo a ser a forza máis votada.

7.-As 50 medidas para gobernar son ideais para o Concello
de Cambados, valoraches o custo económico e os cartos para sufragalas.
-Evidentemente. Sería unha irresponsabilidade se non o fixéramos. Os cambadeses deben saber que nesta lexislatura levamos gastados máis dun millón de euros nunha rede de museos que coa súa recadación non cubre os gastos da luz e que non ten visitantes. O equipo de goberno e os seus asesores nesta lexislatura vanos custar outro millón de euros máis. Hai moitas partidas presupostarias para recortar e para dedicar eses cartos a axudar aos máis golpeados pola crise e a crear emprego.

8.- Se chegas a gobernar que tes pensado facer cos
impostos, mantelos, subilos ou baixalos?
-Temos o compromiso de conxelalos na primeira lexislatura. Contemplamos a exención de impostos durante o primeiro ano para os emprendedores. Negociaremos unha baixada das taxas coas empresas adxudicatarias dos servizos privatizados polo PP. Recuperaremos ditos servizos públicos, dándolle prioridade ao do abastecemento da auga. A xestión pública dos servizos permitirá unha baixada dos prezos que pagan os veciños. 

9.- Que lle tes que dicir a Aragunde cando di ironicamente que o Bloque presenta dúas candidaturas?
-Non vou perder nin un segundo falando das ocorrencias de Aragunde. Véxoo fóra da realidade. Leva 12 anos vivindo moi ben dos cartos dos cambadeses, que ninguén pense que representa algo novo.

10.- Que che parece que o asesor xurídico  contratado a dedo por Aragunde, agora o demande?
-Alguén pode comprender isto?: O asesor xurídico contratado a dedo por Aragunde denuncia ao Concello porque o asesor persoal de Aragunde, tamén nomeado a dedo por Aragunde, cobra en horas extras 5 veces máis do permitido pola lei.

11.- Sodes a candidatura pola rexeneración democrática, que lle dis aos que pensan que ten certo parecido coa que gañou na Confraría de Cambados.
-Para nós, existe un paralelismo evidente. Esas eleccións foron hai menos dun ano. Aragunde involucrárase tanto que foi porta a porta pedindo o voto para o candidato do PP como se fose el quen se presentase. O candidato do PP sacou 4 representantes no cabildo, e a oposición 20.

12.- Ti tamén es dos que pensas que Tourís e Aragunde enganaron a Cambados no tema do Consello Regulador
-No 2003 produciuse unha das maiores traicións a Cambados. A sede do Consello Regulador é a un factor fundamental para reactivar a nosa economía. Daquela como agora gobernan os mesmos (Aragunde-Tourís, aos que debería de aplicarse aquelo dos Reis Católicos: “tanto monta, monta tanto…” ). Un dos nosos compromisos é unir a toda a sociedade cambadesa para conseguir esta xusta e histórica reclamación.

ENTREVISTA RÁPIDA:
Xantar preferido: Peixe e marisco.
Bebida preferida: Auga e cervexa.
Película preferida: Apocalipse Now, de Francis Ford Coppola.
Canción preferida: With or without you, de U2.
Político o que admiras: José Mujica.
Personaxe histórico ou actual o que admiras: Nelson Mandela.
Deporte preferido: Fútbol.
Practicas algún deporte ou actividade: Camiño e nado.
Viño preferido: Albariño.
Actor ou actriz preferido: Sean Penn e Cate Blanchett.
O teu libro preferido: O estranxeiro, de Albert Camus. En galego, O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas.
Que libro estás lendo na actualidade: A Juventud de Cambados, de Jacobo Domínguez.
En que centro fixeches primaria: Magariños.
Fuches o instituto en Cambados, a cal? Ramón Cabanillas.
Se fixeches estudos universitarios, onde os realizaches? Os principais en Madrid e Lovaina (Bélxica).
Equipo deportivo preferido: Despois dos de Cambados, o Celta.

FICHA PERSONAL: 
NOME E APELIDOS: Constantino Cordal Rodríguez.
DATA DE NACEMENTO: 30 de marzo de 1970.
LUGAR DE CAMBADOS ONDE RESIDES: Nacín en Fefiñáns e resido en Oubiña.
TRABALLO QUE REALIZAS: Profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade de Vigo. Secretario do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía. Coordinador de Prácticas do Grao en Dirección e Xestión Pública.
ESTUDOS: Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía. Master en Administración Pública. Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía.
ESTADO CIVIL: Felizmente casado.
FILLOS: Dúas fillas.

Ningún comentario: