30 de xuño de 2015

FE INQUEBRANTABLE NA MISIÓN

UN ARTIGO DE ANXO MARTÍNEZ PUBLICADO EN FARO DE VIGO.
Fai uns días lin unhas palabras de Gandhi que me fixeron pensar no cuadripartito de Cambados: "Un exiguo
colectivo de espíritos resolutos alimentados por unha fe inquebrantable na súa misión pode cambiar o curso da
historia". E pensei neles porque, na miña opinión, aí estará a clave de que funcione ou non o novo goberno de Cambados: na capacidade de PSOE, BNG, Somos e Pode de ser fieis a si mesmos, de crer nas súas ideas e de non traizoarse máis.
Porque desde o 24 de maio xa se traizoaron a si mesmos máis dunha vez, e seguir facéndoo conduciralles ao fracaso e o desencanto. Trala desafortunada xestión das negociacións, o resultado tampouco é moi elocuente no referente aos soldos. Porque si é certo que Fátima Abal cumpriu a súa palabra de baixar a súa asignación (e
bastante) con respecto ao que cobraba Luís Aragunde (o cal a ennobrece, e convértea na alcaldesa que menos cobra de toda a comarca), pero as cantidades fixadas para os outros edís liberados se antollan excesivas.
O goberno de Cambados sae moito máis barato que o doutro
municipio do seu mesma categoría de poboación (Vilanova), pero tamén é bastante máis caro que o doutro do mesmo rango (O Grove). Así que o cuadripartito terá que demostrar de aquí en diante unha capacidade de traballo superior á do equipo de Aragunde, ou reducir os gastos superfluos ou mal xestionados do anterior alcalde si quere saír coa cabeza alta desta primeira colisión entre o que dicían na oposición e o que fan no goberno.
A esquerda de Cambados ten moitos e bos proxectos para o pobo e ideas frescas. Que a bandeira do Orgullo Gay ondee
no balcón do Concello é un símbolo, nun momento no que a sociedade necesita símbolos positivos para oxixenarse; e sacar a investidura das Damas e Cabaleiros do Albariño á praza de Fefiñáns tamén é unha ocorrencia magnífica e democratizadora. Ese parece ser, xa que logo, o camiño a seguir pola esquerda para que, como desexa Constantino Cordal, os cambadeses vexan que houbo un cambio político na vila e que hai outra forma de gobernar mellor que a anterior.
A partir de mañá ábrese un novo ciclo político en Cambados, e non estará de máis poñer o contador a cero. O cuadripartito ten dereito a que se lle dea unha marxe de confianza e a que se lles deixe traballar con tranquilidade durante un tempo para ir desenvolvendo os seus proxectos e ideas.
Son os famosos 100 días de cortesía; claro que tampouco poden esperar que iso sexa unha carta branca, xa que como se di vulgarmente "a fama custa", e o de Cambados é o goberno do Salnés que máis expectación xerou, máis ata que o do socialista vilagarcián Alberto Varela. Pero a crítica máis dura que se lle pode facer a quen espertaron tantas ilusións na esquerda de Cambados é que volvan traizoar os seus principios. Así que si teñen unha misión, é hora de que demostren unha fe inquebrantable nela.
ANXO MARTÍNEZ

Ningún comentario: