20 de xul. de 2015

LEDA ATOMICA, PRESENTASE NO PRAZA DE ALFREDO BAÑAS O VINDEIRO VENRES AS 23.30

O GRUPO CAMBADÉS TEN REPERTORIO MUSICAL PROPIO.
O vindeiro venres 24 de Xullo as 23.30 horas irrumpe na nosa vila un novo grupo musical, e será na Praza de Alfredo Brañas baixo o mecenazgo do
Brothers, Baloca Bar, Discoteca Zao, Penkito e A Leria e coa coalboración do Concello de Cambados. E moi curiosa e interesante a súa carta de presentación que vos aconsellamos que leades enteira porque non ten desperdicio: 

"""Boas Cambados, 

Somos LEDA ATÓMICA e queremos advertirte de que neste mesmísimo intre se está a librar unha batalla por colonizar o teu INCONSCIENTE. Ou o que é o mesmo: a túa alma. 

Non é broma. Se cadra non te das conta porque é unha batalla sen rebumbio, silenciosa coma unha serpe.

Mais afina o oído... SÉNTELO?

 "¡Merca un IPHONE! ¡Non faltes á misa! ¡Bota unha moza e senta a cabeza! ¿¡Cantos tuits ocupa a túa alma!? ¡HIPOTÉCATE! ¿Viches que pintas levaba fulanito na procesión? ¡HIPOTÉCATE! ¡Vota a Zutano! ¿CRISTIANO ou MESSI? ¡Vota a Mengano! ¿ESQUERDA ou DEREITA? ¡GOOOOOOOOOOOOOOOL! ¡Merca unha casa máis grande! ¡Un coche máis grande! ¡Fai cartos!  ¡Amasa fortuna! ¡Firma aquí! ¡Merca a Torre de Sansadurniño, míraos a todos dende arriba e faite un selfie con todos o que te envexan ben abaixo! ¡Coma formiguiñas! Eres grande, pero se cadra é tempo de mercar un IPHONE máis moderno, non si?" 

Constantemente están a navegar as túas marismas interiores trasatlánticos de nomes rutilantes (POLÍTICA, RELIXIÓN, APPLE, etc) que todo o emporcan e enchen de
barullo. Xa non hai poza dentro de ti sen muxe famento de megustas. 

Moi ben, dirás, ¿que carallo pintades vós nesta historia?

Pois dende logo que non somos mesías, nin salvapatrias, nin posuímos goletas poderosas coas que loitar pola vosa alma. 

Sentímolo. 

Só temos unha humilde chalupa con nome de muller: LEDA ATÓMICA. E sen permiso, coma bos piratas, tentaremos navegarvos. 

Para iso contaremos cun REPERTORIO MUSICAL PROPIO e trucos vellos de pirata. 

O certo é que todo isto o facemos por ligar. Máis aló do discurso antisistema, que está moi guay, se temos que escoller unha causa coa que nos identificamos sería  a dificultade dos rapaces das vilas do Norte para coller moza. 

O inverno en Cambados faise moi costa arriba, sabédelo. 

O día 24 de Xullo ás 23.30 atracamos en Brañas. Vinde sin pensalo. 

Se aínda non vos facedes unha idea do que vos ides a atopar, imaxinade que nun laboratorio americano misturan xens dos Back Street Boys, André Bretón e tódolos seus colegas surrealistas, e froito do experimento saen uns rapaces que, dende cativos, son botados ao monte da Pastora cuns cantos instrumentos. Aínda que só sexa por puro por morbo, paga a pena achegarse.

A pregunta é: está a túa alma preparada para a abordaxe?"""

Ningún comentario: