28 de xul. de 2015

O CAPÍTULO SERENÍSIMO E O MUNDO MEDIEVAL

UN ARTIGO DE MARIBEL IGLESIAS
A sociedade medieval empeza a xestarse a finais do Imperio Romano (ss. III, IV e V despois de cristo). O poder romano estaba en decadencia por diversas causas. Unha delas porque o
sistema de traballo escravista, no que se baseaba a economía romana, estaba en crise. Xa non había o poderío militar de séculos anteriores e non se conquistaban novos territorios, a guerra e o dominio doutros pobos era a principal fonte para conseguir escravos. Así no s. IV dc. os escravos escaseaban e os señores das Villae, unha especie de casas de campo ou gran latifundio que funcionaba como unha gran explotación agraria. Como digo os señores das Villae resultáballes máis productivo ter colonos traballando nas terras que escravos. O colono traballaba as terras do señor e entregaba unha parte da colleita en pago. Traballaba para el e non obrigado como o escravo e por conseguinte os rendementos aumentaban.

Na fin do Imperio Romano  (ss. V-VI dc.) empezan a asentarse pobos procedentes de centro Europa (ostrogodos, visigodos, vándalos, francos...) nos territorios do Imperio que
xa non tiña poderío militar para frenalos. A inseguridade que se vivía en toda Europa con estas invasións e as que se producen séculos máis tarde coa chegada dos musulmáns ou os ataques dos pobos húngaros trouxo consigo moitas consecuencias:

- O Estado romano desaparece, é dicir toda a estrutura de poder que organizaba os territorios do imperio, recadaba impostos, administraba xustiza, aseguraba a defensa cun poderoso exército, todo isto desaparece. E o que chamaban os romanos, a Res Pública (de aí ven República), é dicir os asuntos públicos, todo iso pasa a privatizarse.

- Uns señores poderosos asumen as funcións que antes exercía o Estado romano, teñen exércitos privados, administran xustiza e cobran impostos, nace así a nobreza medieval.  O Estado xa non é capaz de garantir a seguridade, así que os campesiños póñense baixo a protección dos señores, eso sí pagando rendas por terras que ás veces eran súas, pero que agora pasan a ser do señor. A veces penso que a debilidade dos estados europeos como consecuencia da crise económica que temos está traendo un proceso parecido e así avanza aprivatización de servicios que antes eran públicos. Tamén se asemella o proceso ao que se ve na serie de películas de Mad Max nas que tras unha catátrofe nuclear pásase a un mundo sin ley onde escasean a auga e o combustible, e está amenazado polas pandillas de motoristas.


-Pero volvamos á idade media. Coa amenaza dos pobos invasores a xente marcha das cidades cara o campo, as antigas villae romanas convírtense en feudos ou señoríos. O señor feudal é o dono das terras, os campesiños traballan nelas e deben entregar unha parte da colleita, ou pagar unha renda en diñeiro, é o que en Galicia se chamaron os foros. A cambio o señor dalles protección.Trátase do sistema señorial. Un sistema no que existían unhas clases privilexiadas que monopolizaban a riqueza (a terra) e non pagaban impostos e unhas clases non privilexiadas que tiñan que traballar para manter a estrutura.

- Por outro lado está o sistema feudal ou as relacións feudo-vasaláticas. Estes señores feudais, e o propio rei, que nesta época non ten demasiado poder, é un "primus inter pares" o primeiro entre iguais, como digo señores feudais e o rei precisan da axuda dos exércitos de outros nobres menores ou dos cabaleiros, é dicir aqueles que podían ter un cabalo e armas de guerra, que non era pouco nesa sociedade empobrecida da alta idade media. Para asegurarse a fidelidade e a axuda militar de outros nobres ou dos cabaleiros facíase a cerimonia da homenaxe, un rito no que o vasalo prometía fidelidade e axuda militar ao señor (ou ao rei), a cambio se lle daba un feudo, é dicir unhas terras, traballadas por campesiños  que lle asegurarían o sustento. É o inicio do feudalismo.
 O rito da homenaxe facíase nunha torre do castelo, chamada por iso torre da homenaxe. O señor (na ilustración superior é o rei, leva coroa), que podía ser o rei ou outro nobre poderoso, unía as súas mans ás do futuro vasalo (que era outro nobre menor ou un cabaleiro) que prometía fidelidade, auxilio (militar) e consello. A cerimonia soía concluír cun beso entre señor e vasalo.

E que ten que ver todo este rollo co Capítulo Serenísimo do albariño. Pois ben o capítulo co seu Gran mestre, o nomeamento de damas e cabaleiros, as capas que visten, o xuramento de defender as virtudes do viño albariño, o ridículo rito da pola de vide con que se inviste a un novo cabaleiro ten que ver con este mundo medieval que acabamos de explicar. É un anacronismo, é dicir algo doutra
época que xa perdeu o seu sentido pero que se sigue mantendo na época actual.
tema non é menor. Os señores vivían en castelos, onde había sempre a torre da homenaxe. O castelo estaba situado nunha zona alta que facía máis doada a defensa e tamén controlar o territorio. O castelo era o símbolo do poder feudal, non é estraño que nas revoltas Irmandiñas a furia dos campesiños galegos se dirixise contra estas fortalezas. Xoán Antonio Pillado comentaba fai pouco que o costume de falar da torre da homenaxe para referirse á torre do Pazo de Fefiñáns era incorrecta, porque a esa altura, s. XVII,  o sistema feudal xa desaparecera. O rei na idade moderna tiña o seu propio exército permanente e non precisaba pedir axuda militar aos nobres, os ritos da homenaxe xa deixaran de facerse. O que si pervive, en Galicia ata o s. XX, é a obrigación dos campesiños de pagar as rendas ou foros aos señores.

A existencia do capítulo serenísimo é un anacronismo anecdótico?. Eu penso que non. Leríades na prensa como se negaron a que a investidura de novos cabaleiros se fixera públicamente na praza de Fefiñáns como lle pedira a nova Corporación municipal. Un capítulo democrático, onde todo o pobo contemple a cerimonia non ten sentido para eles. Eles son os señores, a élite, os demais somos o pobo llano, os servos.

Tamén lle pediu o concello que non nomeasen cabaleiro a ningún político en activo, como soía facerse noutras edicións, especialmente de certo partido político. Eu atopo precisamente neste partido a pervivencia desa mentalidade
medieval de señores e servos. E supoño que por iso lles gusta tanto xuntarse en antigas fortalezas medievais, como fixeron o ano pasado en Lobeira e como fan todos os anos no castelo de Soutomaior. O castelo, as alturas ( como lle pasaba ao cura da novela de Clarín, La Regenta), é un símbolo de poder e control.
E remato cunha anécdota. Non so pervive esta mentalidade nos que se supoñen descendentes dos señores. Tamén nos descendentes dos servos. Na casa na que vivo temos unha pequena finca con viñedo, como nós non a traballamos, nin sabemos nin bebemos moito viño, un veciño de Santomé pediunos traballala, o trato era que el a traballaba, recollía a uva e logo dábanos algunha botella de viño, dixémoslle que si rapidamente. Tempo máis tarde o veciño enfermou e nós cortamos as viñas. Teño que dicir que el sempre nos falaba en castelán, a pesar de ser galegofalante, nunca conseguimos que nos tutease, o meu home era sempre D. Manuel, e aínda hoxe cando me atopo con el e o saúdo, sempre me di "que usted lo pase bien", como se eu fose a Marquesa de Montesacro. Xa non hai foros, nin vasalos, pero no sistema democrático actual moita desta xente sigue votando aos señores.

En fin , nesta terra nosa onde os cambios van sempre moi despacio, moita xente aínda sigue tendo mentalidade señorial, e o Capítulo Serenísimo do Albariño é un bo exemplo. A Ilustración e a Revolución Francesa non existiron, iso da liberdade, igualdade e fraternidade non vai con eles, a súa mentalidade segue no Antigo Réxime: eles son os señores e nós os servos.  
MARIBEL IGLESIAS
ARTIGO RECOLLIDO DO SEU BLOG: FOTOS ANTIGAS DE CAMBADOS.


Ningún comentario: