Unha ollada ao medio ano de Cambio
Hai uns días que remataron as vacacións de Nadal, nas que
tiven o gusto de regresar por algo máis de un par de semanas a Cambados. Alí
había moitas cousas agradábeis agardando, por suposto a familia e os amigos,
moita xente coa que reencontrarse. Pero tamén algunha cousa un tanto
desconcertante. Por exemplo, o exemplar número 1 do boletín informativo do
Partido Popular de Cambados. Desconcertante non só por ser algo estraño que en
máis de tres décadas de democracia vaian polo primeiro número...senón pola
“información” que nel atopei. Para aforrar tempo, e porque tampouco se trata de
facer oposición á oposición, centrareime tan só nos dous apuntes que dan na
propia portada:
O primeiro é “Os populares de cambados gañamos amplamente
as eleccións de Maio”, acompañado cun gráfico no que por certo non se respecta
a proporcionalidade entre a lonxitude das barras e o número de concelleiros
(adiviñade cal é a barra beneficiada). Isto fíxome pensar que realmente o
propósito desta portada non é informar á cidadanía, por dous motivos...o
primeiro é que as eleccións ocorreran máis de medio ano antes de publicarse o
boletín, polo que é de agardar que a esas alturas os cambadeses saiban quen
gañou ou perdeu nas mesmas. O segundo é que se o primeiro motivo é certo, a
maioría de cambadeses xa saben que o que o boletín do PP destaca non é verdade.
Semella esta portada máis un exercicio de autoconvencemento (ou autoengano,
neste caso) que de información aos veciños. Por que digo isto? Pois porque
todos sabemos que neste Estado a lei electoral non é presidencialista senón
representativa, polo que o gráfico aportado polo PP non pode ser indicador
sobre quen resultou gañador nas eleccións de Maio ao non haber maioría absoluta.
No noso sistema, aínda que resulta complexo falar de perdedores ou gañadores,
pode dicirse que resulta gañador quen consegue formar goberno (algo que estamos
a ver máis claramente tralas eleccións xerais de Nadal). Entón, gañou
amplamente o PP as eleccións de Maio, como afirman? Cabe pensar que non, senón
todo o contrario, e gustaríame aportar unha gráfica alternativa para ilustrar
mellor a realidade:
A realidade é que tras 28 anos de goberno da dereita en
Cambados, en Maio a veciñanza de Cambados decidiu mudar e dar o apoio
maioritario a un grupo de partidos que chegaron a un acordo de coalición de
goberno. Ese grupo de partidos representa o 52.9% do voto popular, fronte ao
45.6% do propio PP. Podería ter ocorrido que fora o Partido Popular quen tralos
comicios acadara un acordo con outra(s) formación(s), resultando alcalde outra
vez Luís Aragunde, mais non foi así. Desde Maio temos un goberno de coalición,
un Goberno de Cambio, ao que na prensa dan en chamar “cuatripartito” posto que
está formado por concelleiros de catro formacións políticas (PSdeG, BNG, Somos
Cambados, e Cambados Pode). Recoñezo que resulta algo frustrante estar aínda en
Xaneiro de 2016 explicando o que é unha realidade tan simple, mais en vista do
boletín popular, e tamén da dialéctica axitada dalgún espazo en internet, parece
que o PP non dixeriu aínda que nin gañou as eleccións en 2015, nin goberna xa
en Cambados.
O segundo apuntamento que fai a portada do boletín
popular é “o cuatripartito duplicou nun 95% (sic) os gastos nos seus salarios”.
Gracioso, en primeiro lugar, porque se se recoñece que existe un
“cuatripartito” entón non é posible que o primeiro titular (“gañamos amplamente
as eleccións de Maio”) sexa certo. Falso, en segundo lugar, porque os datos
demostran que o custo do actual goberno local non aumentou, nin moito menos
duplicou (vou deixar a un lado a expresión confusa de “duplicar nun 95%”), o
custo dos gobernos do PP. Para ilustrar isto, só é necesario consultar as
Contas Xerais do Concello de Cambados, que poden atoparse nas web
transparenciacambados.gal e rendiciondecuentas.es. Resulta que o Partido
Popular “esqueceu” mencionar no boletín que durante os seus mandatos ademais de
cobrar un salario o alcalde e tenente de alcalde, tamén o facían persoas non
elixidas pola cidadanía...é dicir, asesores a dedo. Existían tres prazas de
asesores de designación da alcaldía: Auxiliar de Comunicación, Asesor de
Comunicación e Secretario do Alcalde, estando recentemente vacante o primeiro
posto. O custo dos outros dous asesores representaba aproximadamente a metade
do custo do goberno do PP, como pode observarse na figura de embaixo (exclúe
gastos de desprazamentos e outras dietas).
A diferenza de custos entre os gobernos do PP e Goberno
do Cambio actual non é demasiada, excepto que hoxe xa non contan con asesores
senón que as liberacións que existen hoxe son para persoas electas por
cambadeses. Este tema, o dos salarios, foi (e é) empregado repetidamente para
atacar ao goberno local por, supostamente, ser carísimo para Cambados por estar
formado por 4 partidos políticos. A realidade, a dos datos que poden ser comparados nas fontes
mencionadas, é outra. É certo que os soldos poderían ser algo máis reducidos e
sobre todo, que foi frustrante para os votantes de esquerda que se visibilizara
este tema como central nas negociacións que precederon ao pacto de
goberno...mais a retórica do PP e achegados é falsa e é doado demostralo. Á fin
e ao cabo resultou que un goberno formado por catro partidos non é máis caro
que un monocolor.
Pero...máis alá da discusión dos salarios...está
cumprindo este novo goberno co seu cometido? Quizais é cedo para xulgar, posto
que só pasaron uns sete meses desde a toma de posesión. Ademais, quedou patente
que moitas das áreas de goberno contaban con escasos recursos para rematar o
ano cando deixou o PP a Alcaldía (algunhas concellerías, como a de Cultura,
estaba incluso en números vermellos). Mais si hai xa indicadores dun cambio
claro de actitude. Porque hai cousas (obras, arranxos, grandes proxectos) que
requiren dun tempo de planificación e de cartos, mais hai outras que son só cuestión
de vontade e ganas.
Por exemplo, hai un espírito de rexeneración da política
municipal e de transparencia que son obxectivos. Para empezar, duplicouse a
frecuencia de celebración dos Plenos, o único órgano no que a oposición ten oportunidade de cuestionar a acción de goberno e de presentar alternativas, e a
cidadanía de enterarse formalmente do devir municipal. Curiosamente foi o
propio PP o que protestou por este cambio ao considerar que non existen temas
abondo para “encher” un pleno ao mes (quizais porque a oposición do Partido
Popular tardou até finais de Outubro para presentar a primeira moción en pleno).
Puxéronse en marcha os consellos de participación veciñal, que só serán un
éxito se a veciñanza participa e se fai dona deles. Mudou radicalmente a
relación do Goberno coa cidadanía, abríronse espazos nas redes sociais e
comezouse a colgar na páxina web toda clase de anuncios e información
municipal, fronte ao
desuso ou ao uso partidista da páxina oficial en
anteriores lexislaturas. Fronte á prohibición
de gravar os Plenos do alcalde Luís Aragunde comezou a
gravación destes por parte do novo Goberno e emisión en directo para calquera
interesado. Fronte a falla de vontade para dar información mesmo a concelleiros
(lembremos as continuas
queixas ao Valedor do Pobo da antiga oposición) abriuse un
novo portal de transparencia (transparenciacambados.gal) que contén xa bastante
documentación municipal e de seguro seguirá medrando. Por poñer casos
concretos, cos gobernos do PP tardábanse meses en coñecerse información como as
Contas da Festa do Albariño. Nesta ocasión, foi en Setembro cando se
publicaron na web oficial, xunto coas de anos anteriores que
nunca tivo a ben subir o Partido Popular.
Precisamente foi o Albariño un evento no que se puido
comprobar a capacidade do novo executivo. Con menos de dous meses para
organizar, foi patente que o resultado foi máis unha vez un éxito de afluencia e
á vez con cambios introducidos na organización, como maior limpeza, maior
presenza de actuacións galegas, e redución do gasto no polémico Xantar que
outrora fora convertido
nun banquete de balde para cargos do PP. O goberno
introduciu a lectura pública dun Pregón na Praza do Concello e retirou apoio
aos actos, normalmente de enxalzamento “popular”, do “Capítulo Serenísimo”.
Ademais, o custo das Festas foi sensíbelmente menor a outras edicións, como
pode observarse na figura a seguir:
É claro que a Festa do Albariño non pode valer de indicador
exclusivo para valorar a xestión dun goberno local, mais hai outros exemplos
que ilustran as consecuencias no cambio de goberno. Observouse unha suba na
actividade “lexislativa” do goberno, coa presentación en pleno e aprobación de
máis dunha ducia de ordenanzas. Entre elas atópase a baixada do imposto de bens
inmóbeis ou a creación dun viveiro de empresas no Polígono que debería ser unha
realidade neste exercicio. Ou a reclamación da Sede do Consello Regulador de
Rías Baixas para Cambados, ao que se sumou incluso o propio Partido Popular que
paradoxalmente fora responsábel de que a levaran a Pontevedra. E a retirada do
proxecto de comportas para o Saco de Fefiñáns, que nunca contou
co consenso dos principais sectores afectados nin cun estudo de impacto ambiental. Ou
tamén o recente anuncio
de medidas específicas para combater a pobreza desde a
institución local.
Así, aínda que é cedo, semella que por agora o Goberno do
Cambio navega na boa dirección. Claro está que non todo é perfecto nin que se
vaian a mudar realidades xestadas durante 28 anos da nosa longa noite de pedra
da noite para a mañá... mais co traballo dos que lle tocou estar ao pé do canón
nesta experiencia, e a implicación necesaria dunha boa parte dos veciños, confío
en que Cambados vai ser moito mellor en moitos sentidos cando remate esta
lexislatura.
Un artigo de Óscar Pardo-Planas
Ningún comentario:
Publicar un comentario