5 de xuño de 2019

CLUB JUVENTUD CAMBADOS, 4 ANOS DUN CASO DE ÉXITO DENDE O CORAZÓN


Fai 4 anos, cando collían o club, recordo como o meu pai lles dicía a eles e repetía na casa que deberían refundar o club, irse a 3ª rexional e dende aí, xa saneado o club, tirar para arriba. Pero porque moita xente se plantexaba esto? Cal era a situación do CJC hai 4 anos? Pois imos recordalo:


Fai 4 anos o club non tiña ningún tipo de control no apartado económico, non existía libro contable, nin nada semellante que ofrecese claramente cal era a situación do CJC no que a cartos se refire, polo tanto era imposible saber cal era o punto de partida no momento que collían o equipo.

Cando se meteron a revisar cal era a situación, viron que o club estaba a puntiño de recibir a sentencia da reclamación dos xogadores da tempada 2012/13 por impagos de salarios. Unha reclamación, sen apenas percorrido, se non contase co recoñecemento desa débeda firmado por parte do anterior presidente. A sentencia, que estaba a piques de saír, iría acompañada con case total seguridade dunha inspección de traballo por non ter de alta a todos e cada un dos xogadores denunciantes ante a seguridade social, ó ser recoñecida a vinculación laboral por eses salarios impagados e recoñecidos.

Nos cartos, isto traducíase nunha débeda inicial duns 23.000 €. Débeda que se renegociou cos xogadores, a directiva sempre agradece a predisposición desta plantilla a negociar, de non acceder isto suporía a máis que segura desaparición do club para non ter que facer fronte as posibles sancións derivadas do xuizo. Recórdame o propio presidente (Matías Fontán), que o avogado dos denunciantes non se explicaba como foran quen de convencelos e renegociar, xa que vía que facilmente o xuízo estaba gañado pola súa parte. Nesta negociación o club tamén aceptou facerse cargo de tódalas costas derivadas do xuízo.

Resumindo: club xudicializado, con unha máis que posible inspección de traballo a volta da esquina, sen ningún tipo de control económico e débedas deportivas ademais da débeda comentada anteriormente. De feito, esta directiva paga o último salario da tempada 2014/2015.

A día de hoxe esta directiva deixa un club estruturado nos tres aspectos fundamentais que conforman unha entidade deportiva: a social, a económica e a deportiva.

En números isto tradúcese en que chegan a unha entidade con 80 socios e déixano con uns 450, a pesar de que sempre foron ambiciosos e cren que a masa social do CJC debe estar en torno os 600 socios. Para o recordo  queda a campaña inicial “No meu peor momento é cando máis te necesito” na que contou coa colaboración de ex xogadores, amigos e socios.


No económico, na actual tempada unha vez rematadas as competicións, o CJC poderá estar nun superhabit de entorno o 1% do presuposto.

A nivel deportivo sacan o club do pozo da segunda rexional e déixano na quinta posición da rexional preferente. Cunha imaxe impoluta ante toda a vila.

Chegaron con unha base da que escapaban pais e nenos con unhas 150 fichas e déixano con 320 federados. Ademáis, neste final de tempada estase a disputar a fase de ascenso a liga galega de infantís e xogouse por primeira vez a fase final do prestixioso campionato Arousa Fútbol 7, onde os nenos puideron medirse ante equipos como o Barça, o Betis ou o Sporting de Braga entre outros.

No tocante a igualdade no deporte, esta directiva tamén deu un paso adiante e foi quen decidiu crear o equipo senior femenino hai xa 3 anos.

Moi importante tamén o convenio de colaboración co Celta do que xa se beneficiaron moitos nenos e que trae en exclusiva na nosa zona a escola de asesoramento do R.C. Celta.

Para o recordo tamén quedará a defensa da entidade que fixeron, cando o Cambados foi noticia novamente por temas xa pasados e que non gardan ningún tipo de relación coa actual situación do club. Falo das novas saídas na prensa estatal a raíz do éxito da serie "Fariña".


Matías Fontán tamén me traslada as seguintes impresións:

“Considero que a situación actual do club non ten nada que ver coa que nos atopamos. Que o máis difícil na miña opinión está feito. Polo que animo a socios e simpatizantes a formar unha candidatura para seguir traballando por un club con moitos anos e moi querido no noso pobo. Convencido estou que terá continuidade o proxecto mais cedo que tarde. 
Eu atópome satisfeito co resultado do noso traballo e que o tentamos facer o mellor posible cuns recursos moi escasos. Porque o final estas a competir con outros clubs e en temas económicos, desde logo, en inferioridade de condicións. Pero... demostrouse que non é o único importante e se conseguiron facer grandes equipos nestes anos, no que o equipo senior estivo en tres categorías distintas en 4 anos e nos catro anos foi un equipo punteiro en cada unha delas. 
Para rematar, a veces non hai que ver onde estamos, senón do punto de partida onde estábamos. Que non quero dicir que o club seria máis grande aínda se en vez de atoparse na situación que estaba estivera mais estabilizado, pero isto nunca o vamos a saber... 4 anos non dan para moito máis”

A hora que publico estas liñas, aínda non hai coñecemento de que ninguén dera o paso para coller a directiva, aínda que parece que hai xente que se está comezando a achegar. O prazo para a presentación ampliouse 15 días máis sobre os 15 iniciais e no momento no que apareza algún grupo de persoas interesado farase unha asamblea informativa.

Para min estes rapaces son un referente na nosa vila e o caso destes 4 anos do CJC debería ser estudado nas escolas de negocio que imparten mestrías en xestión deportiva, xa que é un exemplo de facer as cousas ben dende o talento, a formación e sobre todo dende o corazón.

Grazas a Matías Fontán pola súa boa disposición cando me puxen en contacto con el para facer este artigo.

Ningún comentario: