14 de abr. de 2021

Entrevistamos á xente de Luscofusco

 A continuación reproducimos a entrevista mantida coa xente de Luscofusco.

 

 

A Ti Meu Cambados - Quenes sodes e como xurdiu o proxecto?

Luscofusco - Somos Rubén e Mariña. Fai pouco máis dun ano xurdiu a idea de facer un lámpada por motivo dun regalo. Co tempo comezouse  a experimentar, deseñar, crear, e a idea de facer isto, o que realmente nos gustaba, dounos pé a iniciar un proxecto. Despois dun ano, con moito traballo, pouco tempo, unha pandemia mundial de por medio e unha ilusión inmensa, nace isto. 

ATMC - Por que Luscofusco?     

L - Queríamos que todo isto tivera sentido. Como ben cita a Real Academia Galega o Luscofusco é o “momento entre o día e a noite, en que a luz desapareceu case por completo e as cousas se perciben como sombras”. Ao final isto é o que queremos, crear luz cando o demais se convirte en sombra. 

ATMC - Que ofrecedes?

L - Non queremos establecernos nun punto fixo, queremos ser libres de crear e innovar. Aportar cousas novas con deseños propios e sostibles. Din que todo está inventado, que non é posible facer algo novo, pero nós queremos intentalo. Queremos ofrecer pezas únicas, de calidade e con unha historia tras elas. 


ATMC - Pensades que a sostibilidade é importante neste tempos?

L - Parécenos algo moi importante, por iso tamén presentamos isto dentro da nosa identidade. Nos tempos que corren fabrícanse miles de obxectos novos cada día e pensamos “por que comezar a facer calquera obxecto desde cero cando hai milleiros de cousas ao noso redor que poden ser aproveitadas?”. O que queremos e conservar materiais xa feitos, sen esgotar recursos ou causar dano ao medio ambiente; dándolle unha segunda vida. 

ATMC - Cal é o voso lema?

“Feito a man”. É un concepto que parece que co tempo perdeu certa importancia. Hoxe en día todo o que pode ser mecanizado faise como tal, por ese mesmo motivo, o “feito a man” gaña máis sentido e valor que nunca.

Todas as nosas lámpadas, son feitas a man ata o último detalle. Os modelos son diversos, por iso cada un require dun facer e traballo distinto. Moitas delas a pesar de ser o mesmo exemplar, a simple razón de ser “feita a man”, fai que non haxa outra como ela.

Quizá moitos pensen que isto é unha forma de “imperfeccionar” o traballo, pero realmente é a forma de facelo único.

Por que non hai nada como o “feito a man” e iso, é o máis feitiño.

 

 

Podedes ver todos os seus deseños e poñeres en contacto con eles dende o seu instagram, páxina de Facebook ou correo electrónico:

Instagram: @luscofusco.lighting

Páxina de Facebook: Luscofusco / @luscofusco.lighting

Correo Electrónico: luscofuscolighting@gmail.com

Ningún comentario: