9 de xan. de 2012

CAMBADOS NO RECORDO: “CAMBADOS, LEMBRANZA E SAUDADE”

Atal fermoso Cambados as veces semella fantasía das nubes do poente e dos refrexos de lonxanas Arousas alagadas no espello gris de recordos da ría…
Sendo na realidade as tricipite vila e seu xiro de campía e mariña frol e froito de longos procesos, madureza de paisaxe e de celmosa historia pois pecha un tempo ilustre no esquema oxival limpo e craro como esquelete de dorna ou de lumioso razoamento de Santa  Mariña, perdura liquéns como druidicas barbas nos buxos do xardin de Fefiñáns, acolle o
griseiro devalar das horas e das ondas nas soláinas meditativas dos pazos ancorados en pontes de ensono, fai lucir beira das augas as feituras humáns mais senlleiras de unha fidalga raza ensoadora.
Camiñaba eu fai moitas anadas por unha vella e laxeada calzada no outo val onde o mozo Umia xoga como naipelo ainda nas áreas craras e novas, terra de pimpantes toxeiras en roda e ovos de pedra de grá  de cerne limpo como o espiritu dos poemas antergos. E tiven a certidume e espranza da beleza de Cambados. Soaba e formábase e desfaguiase nas ledas correntes e nos primeiros xogos da escuma. O Umia desque nace leva no impeitizo a rítmica do Salnés e a espranza do mar cambadés.
Despoixa descubriuse para min Cambados de un xeito orixinal. Moito o agradecín. Axin quixera descobrir ise setestrelo de cidades e vila onde semella ergueita, caridosa e vivente a lapa da espranza. Na néboa pecha un cantigar de muiño ou de doncela, o bater dos remos, a forma vaporosa de un pazo, chegaban a mín non sei si de lonxe ou de perto ou por obra gandideira de propia imaxinación…Da néboa naceron camelias e torres, rúas feitas pros cortexos da beleza, da outiva soedá, cecais da traxedia enxamais da volgaridade…E para sempre quedou para min Cambados nacendo de un ensoar, pronto a se esvarecer noutro ensoar.
Por o pinal de Tragove pódense esparexar o luar as grandes cabaleiras tráxicas. Cabanillas descobriu, sin dúbida dende as primeiras e tremerosas sombras de medo e de alén de rapás, a música e o recendo do pinal irmán de Tella…Non é somentes Cambados a égloga doce e a palaciana crónica…Hai unha dureza nos esquinás como peitos, inda sabe o vento erguer estadeas de xenreiras nos areals e non esquence a batelada madrugeira seu oficio de catértico don, e  caridosa promesa sobre os medos da noite e da historia.
Si teimáramos comparanzas de belezas  de beiramar cecais sería xusto e respeitoso o principiar contrastando a lei entreitada en canle de tempos clásicos da Ulla co ritmo de cancioneiro, o meirande lirismo do Salnés. Duas poéticas en semellantes arelanzas. A lus dourada do outono e a néboa mañanceira do inverno tradúcenas en formas eispresivas…Cada coto do Salnés chega ou está para chegar a sua forma perfeita. No derradeiro caso non é menos fermoso. Envolveo unha lixeira malenconía…E si é grandeza e xenorosidade do tempo barroco dispoñer variados espellos –fenestras, obradoiros, estanques, escalinatas, xardís- pro alongamento e dispacioso adeús o serán o Salnés enteiro compón en Cambados a mirande ilusión de despedida e de saudade, ensoada por as Arousas de ollos grises e as veigas onde a flor de liño adormece como o ollas da princesas  enfeitizada en pastoriña…
RAMÓN OTERO PEDRAYO.

Nota de “A ti meu Camnbados”: Respetase o galego tal é como está escrito por Otero Pedrayo. O texto debeu ser escrito sobre 1950 aproximadamente.
FOTOS: EDUARDO APARIZ.

       
                        
Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: