Treixadura fixo un repertorio baseado no seu novo disco “Esa si que é Muiñada” e no que, ademais, se escoitaron outras pezas xa coñecidas do seu repertorio histórico. O concerto foi crecendo en intensidade ata chegar ao momento de máxima emoción cando subiu ao escenario a senlleira Coral De Ruada, oriunda da propia cidade, con quen Treixadura levaba varios días preparando un repertorio especial para o público de Ourense, quen vibrou emocionado escoitando a estes mestres da nosa música e do noso canto tradicional. O público, en pé, agasallou aos artistas con intensas ovacións.
Foi un evento que quedará por moito tempo na memoria dos ourensáns e dos numerosos visitantes que se deron cita para presenciar este concerto especial.
Dende 1990 TREIXADURA é sinónimo de música tradicional, ritmos, cantigas e instrumentos galegos que encaixan tanto nas romarías máis populares coma nas festas e eventos urbanos, co obxectivo de que o público goce bailando, cantando e escoitando aos seus 15 compoñentes, que teñen en común o gusto e o respecto pola música tradicional, motivo abondo para que hoxe representen e dignifiquen este proxecto. 20 anos de gravacións e concertos, 5 discos publicados, unha variada gama de colaboracións discográficas, e vida en común. Dúas décadas compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.
O NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO: “Esa si que é muiñada” é un traballo que pretende revivir a música e os cantos populares que aínda se agochan no substrato dun pobo que garda con celo o seu patrimonio cultural.
Para desenvolver este proxecto o grupo contou coa colaboración dos coros decanos galegos “Cantigas e Agarimos” (Santiago de Compostela) , “Cántigas da Terra” (A Coruña), “Real coro Toxos e Froles” (Ferrol), a “Coral De Ruada” (Ourense) e tamén coa “Agrupación Musical de O Rosal” (O Rosal, Pontevedra)
Enlaces relativos a Treixadura:
Web: http://www.treixadura.com/
Vídeos / fotos en: http://www.treixadura.com/multimedia.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario