28 de out. de 2013

PP NON HAI MÁIS CA UN

O ALCALDE EN NINGÚN CASO APOIARÍA UNHA FOLGA CONTRA A NOVA LEI DE EDUCACIÓN DO PP, AÍNDA QUE CLARAMENTE SEXA UNHA LEI LESIVA
O penúltimo capítulo que demostra que PP só hai un, independentemente de onde goberne,
é o do caso da negativa de Aragunde ás ANPAS, de cederlle o Salón de Peña para organizar unha ludoteca o pasado día da folga contra a LOMCE. Así mesmo, cando  o alcalde suxire que, ante a negativa, poderían haber usado o pavillón do colexio ou as dependencias da biblioteca municipal é, simplemente, porque el non podería impedir a utilización deses dous espazos públicos, o que non significa que estea colaborando na petición das ANPAS. 
O que debe quedar claro, en todo momento, é que o alcalde en ningún caso apoiaría unha folga contra a nova lei de educación do PP, aínda que claramente sexa unha lei lesiva contra os intereses da maioría dos veciños e veciñas de Cambados. Trátase, ademais, dunha lei que non se pode xustificar, como adoitan a facer, por motivos económicos, senón que tratan
de impoñela por motivos puramente ideolóxicos. Unha lei clasista e elitista que nos leva ao pasado: as oportunidades para os que teñen poder económico e os demais como  man de obra barata. O triste, neste caso, é ver como desde Cambados, xente que non forma parte dese poder económico, apoia a imposición dunha normativa que vai en cotra da maioría social e, tamén, en contra deles mesmos.
O alcalde do PP de Cambados  en ningún caso está disposto a apoiar unha protesta contra a política educativa nin económica do PP; política da cal  tamén é responsable. Pois é directamente responsable de  levar a cabo e, sobre todo, apoiar a política de recortes de servizos públicos (redución de profesorado nos centros de ensino, redución de persoal sanitario no centro de saúde) e de subida de impostos (taxas sumidoiros, auga, lixo..).  Cambados non é a excepción e os veciños e veciñas non deben ser inxenuos: en Cambados goberna o PP, o único que existe.
E o seguinte capítulo, deste historia, será a suba de impostos que propón o PP para o seguinte pleno municipal no que anuncian un considerable incremento das taxas por recollida de lixo. A xente debe saber que Cambados non é diferente aos demais concellos do PP.
VÍCTOR CAAMAÑO RIVAS (PORTAVOZ MUNICIPAL DO BNG)

Ningún comentario: