26 de nov. de 2013

O BNG DE CAMBADOS PRESENTA UNHA MOCIÓN SOBRE A SENTENCIA DO PRESTIGE

¡¡¡RECURSO DE CASACIÓN XA!!!
O grupo municipal do BNg de Cambados, ven de presentar para o seu tratamento no próximo pleno a seguinte 
MOCIÓN:
Sobre a necesidade de evitar a impunidade da marea negra do Prestige, recorrendo ao Tribunal Supremo, e sobre a transferencia de competencias marítimas á Xunta de Galiza
Exposición de motivos
O sinistro do buque petroleiro ‘Prestige’ nas costas da Galiza o 13 de novembro de 2002 mostrou, daquela, o problema da seguranza do tráfico marítimo que circula polo corredor de Fisterra e ameaza as costas galegas. Por desgraza hoxe, coa sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña, no caso de que o Tribunal Supremo
non corrixa o seu fallo, quedarían impunes os autores da marea negra como os seus responsables políticos.
A pesar de que o litoral de Galiza está a ser o máis afectado do mundo pola contaminación derivada de accidentes marítimos destas características, pois nos últimos 43 anos houbo catro buques que provocaron importantes verteduras de hidrocarburos ao mar (Polycommander, Urquiola, Aegean Sea, Prestige), aos que se lle deben sumar outros sinistros en
que tamén houbo unha importante contaminación mariña polas verteduras de produtos altamente contaminantes (Erkowitz, Cason),  a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña permite, despois de 11 anos, a pervivencia desta situación de risco e a impunidade manifesta dos responsables.
Con todo, aínda, se está a tempo de corrixir esta situación, tendo en conta que contra a esta sentenza da Audiencia Provincial da Coruña cabe interpoñer un recurso de casación perante o Tribunal Supremo. E dado que existen as razóns e os supostos de feito e de
Dereito para recorrer, o Ministerio Fiscal e a Xunta de Galiza, personadas xunto con outras entidades como acusación, deberían presentar no Tribunal Supremo o correspondente recurso de casación contra a sentenza citada.
Esta sentenza deixa sen prexulgar a acción civil, de modo que a tutela por parte dos tribunais desta xurisdición está por decidir, malia que as indemnizacións por danos están limitadas polos convenios internacionais asinados polo
Estado español, especialmente o relativo á responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos. Deste xeito, na práctica, a maior parte do dano debería ser asumido por quen sufriu o dano ou os pagos. A non modificación deste sistema de responsabilidade civil supón que siga recaendo sobre as vítimas o pago do dano provocado por hidrocarburos, a pesar de constituír un risco do que só se benefician as empresas petroleiras e cuxa materialización non só sufrimos senón que tamén pagamos. Por iso, cómpre tamén a denuncia de tales convenios internacionais e apostar por unha nova lexislación asentada no principio de responsabilidade solidaria e ilimitada tanto dos causantes do dano
como os seus beneficiarios. Alén de ser máis xusto, suporía igualmente aumentar a seguridade e a prevención de sinistros como o do Prestige.
O desastre do Prestige evidencia igualmente como o Estado continúa controlando os dispositivos de transporte de mercadorías perigosas por mar nas costas galegas, impedindo que Galiza poida facelo en porto e en tránsito mais tamén que os medios de salvamento e prevención de
catástrofes ambientais despregados nas nosas costas non son suficientes e adecuados para encarar situacións de risco ou combater a ameaza da contaminación. Cómpre transferir as competencias en tráfico marítimo e prevención de accidentes no mar á Xunta de Galiza para protexer os intereses dos galegos e galegas vinculadas directamente á actividade pesqueira no mar, que constitúe unha fonte de riqueza de moitas comarcas costeiras de Galiza.
Por todo iso, solicítase do Pleno da Corporación Municipal do concello de Cambados a
adopción do seguinte   
      ACORDO
1º.- Amosar a noso desconcerto porque a peor catástrofe ambiental de Galiza se pecha, polo de agora, sen culpables e sen responsabilidades. Mais tamén a nosa decepción porque, de haber outra catástrofe no futuro, os piratas, os incompetentes e os irresponsables poderían quedar impunes de novo.
2º.- Solicitámoslle ao Ministerio Fiscal e á Xunta de Galiza que presenten diante do Tribunal Supremo un recurso de casación contra a sentenza do Prestige, fallada pola Audiencia Provincial da Coruña, dado que existen as razóns e os supostos de feito e de Dereito para recorrer.
3º.- Solicitámoslle ao Goberno do Estado que promova as medidas necesarias para denunciar os convenios internacionais asinados polo Estado español en materia de indemnización por este tipo de danos, especialmente o relativo á responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos, e que aposte aquí por unha nova lexislación asentada no principio de responsabilidade solidaria e ilimitada tanto dos causantes do dano como dos seus beneficiarios.
4º.- Instamos á Xunta de Galiza a que demande do Estado español a transferencia das competencias para o control e inspección dos barcos que recalan nos portos galegos e dos que transitan polo dispositivo de separación de Fisterra, para poder aplicar unha política preventiva no transporte marítimo de mercadorías perigosas, ademais da competencia inherente ao salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña nas costas de Galiza.
5º.- Apoiamos as mobilizacións en contra da impunidade dos responsábeis da marea negra do Prestige e en demanda da transferencia de competencias á Galiza nesta materia.
6º.- Acordamos enviarlles este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, ao presidente do Goberno do Estado, aos grupos do Parlamento galego e ao Ministerio Fiscal.

Ningún comentario: