9 de dec. de 2013

O XUVEN VISTO POR PABLO ABAL

O CONSERVAS DE CAMBADOS NON ATOPA A LUZ AO FINAL DO TÚNEL 
Outra derrota máis, e xa son 6 as que ten no seu haber o equipo cambadés. Esta vez, caeu derrotado ante o CEBA Guadalajara, por un 60-66. 
Chegaba o Conservas de Cambados dubitativo a este encontro. Logo da enorme praga de lesións coa que foron castigados, a derrota do fin de semana pasado ante o faroliño vermello; o Askatuak.. Os cambadeses querían sacar un resultado positivo logo dunha racha negativa, pero non puido ser. 
Comezou o Xuven un tanto descentrado, con moitos erros e imprecisións tanto en ataque como en defensa. Ata que apareceu J.L. Merino, que con 5 puntos consecutivos facía espertar ao cadro amarelo. Pero a intensidade defensiva do Conservas de Cambados non era a necesaria para coller a iniciativa. Un sensacional Javi Medori por parte dos visitante, conseguira xa 9 puntos a falta de 2 minutos para finalizar o cuarto. Predominaban as defensas por encima dos ataques, e iso demostrou o marcador do primeiro cuarto cun 11-16(destacando un triplo sobre a bociña dos visitantes). 
O segundo cuarto empezaba cunha técnica a Taylor García cando apenas transcorreran 2 minutos. O Conservas de Cambados estaba totalmente bloqueado en ataque, sen atopar opcións ante a defensa do CEBA. Froito diso foi o parcial de 0-7 endosado polos visitantes. Pero o Xuven non quería renderse axiña que, e con Merino e Taylor como referentes, achegaban ao Conservas de Cambados no marcador. Dous tiros libres do pívot senegalés Diatta Diop ao final do cuarto poñen ao Conservas de Cambados por diante: 29-28. 
Saíu o Xuven con ganas á pista, apertando moito en defensa. A igualdade foi máxima nese período. Poderiamos destacar a Maximiliano Sole por parte visitante, que foi o máis destacado neste cuarto. E para pechar este igualado cuarto, Emilio Oubiña conseguiu anotar un triplo a falta de 1 segundo para manter ao Xuven 1 arriba. 49-48. 
Non empezaba o 4º cuarto do mellor xeito. O Conservas de Cambados estaba floxo en defensa e moi espeso en ataque. Pero apareceron Alberto Rodríguez e Emilio Oubiña para “desatascar” aos amarelos. O Xuven atopábase correcto en defensa, pero seguía tendo problemas para atacar. A falta de 3:36 Yago Casal solicita tempo morto. Juanchi Orellano estivo pouco acertado nas decisións que tomou, o que fixo que o Conservas de Cambados perdese varios balóns. A falta de 44 segundos, o árbitro anula unha canastra ao pívot local, Alberto Rodríguez, que poñería ao Xuven a 2 puntos. Posteriormente, o Conservas de Cambados consegue realizar unha defensa espectacular e sacar unha falta aos visitantes. Hai un tempo morto solicitado polo adestrador local, conseguindo que Emilio anote e poña o 60-62 a falta de 15 segundos. Yago Casal pide outro tempo morto. O Xuven fai falta, e o CEBA anota os dous tiros libres. Esta vez o tempo morto é solicitado por Javier Juarez cun 60-64 no marcador. Pero nesta ocasión, Taylor perde o balón e Guadalajara anota fácil en contraataque e finaliza o encontro co 60-66. 
Outra derrota máis para o Conservas de Cambados, que está atravesando un deses momentos difíciles que ninguén desexa ter. Pero é digna de admirar a súa afección, que malia todas as dificultades que ten o equipo, enche o pavillón de O Pombal e anima incansablemente. Seguro que co esforzo do grupo de adestradores, xogadores, directiva e o apoio da afección, pronto se volverá á senda da vitoria. E iso é o que van intentar o vindeiro sábado, xogando outra vez en Ou Pombal ante Araberri. 
Pablo Abal 


Ningún comentario: