30 de set. de 2010

O PIRAGÜISMO CAMBADOS ACADOU UNHA MERITORIA SEGUNDA PRAZA NO MEMORIAL "ROBERTO PORTO"

O Liceo Casino albergou unha das últimas citas da tempada de piragüismo. O Memorial Roberto Porto, dirixido este ano ás categorías alevín, benxamín e infantil, disputouse en Vilagarcía coa participación de 183 padeeiros pertencentes a un total de nove clubs.
O vento fixo acto de presenza, con refachos de vento de ata 20 nós, o que provocou que se tivese que cambiar a última hora o campo de regatas ao interior da Dársena 2, xa que se facía practicamente imposible remar nesas condicións na súa localización orixinal, xusto diante do peirao de pasaxeiros. Esta circunstancia non desluciu en absoluto a competición e puidéronse ver regatas moi disputadas.
A primeira posición na clasificación de clubs foi para o Náutico Pontecesures. A segunda praza foi para o Piragüismo Cambados seguido do Náutico O Muiño de Ribadumia. A clasificación completouse con arranxo á seguinte orde: Kaiak de Mar Ría de Muros-Noia, Liceo Casino, Naval de Pontevedra, Narón, Fluvial de Lugo e Unión Boiro-Rianxo.
No K-1 benxamín A impuxéronse Marcos García Lestón (Muros-Noia) e Carlota Ameneiro Casal (Narón). En K-1 benxamín B os primeiros postos foron para Víctor Arufe Cal (Liceo Casino) e Eva Pol Fernández (Narón) mentres que en K-1 benxamín C fixérono os cambadeses David Otero Somoza e Clara Torres.
Xa en categoría alevín B, o podio do K-1 masculino foi completado por Iván Pol Fernández (Narón), José Barral González (O Muiño) e Carlos Martínez Lago (Muros-Noia). No K-1 alevín B feminino impúxose María San Miguel Pérez (Cambados) seguida de Aldara Castro Meizoso (Narón) e Reyes Fernández Néboa (Narón).
Na categoría alevín A K-1, impúxose Miguel Pérez Domínguez (Cambados) seguido de Rubén Penín Borragueiros (O Muiño) e Fernando Vila Álvarez (Muros-Noia). En feminino gañou Noelia Gómez Paz (Pontecesures) coa cambadesa Desiré Rebollido en segundo lugar.
En K-1 infantil B gañaron Raquel Dacosta Piñeiro (Boiro-Rianxo) e Borja Bejo da Fonte (O Muiño) mentres que no K-1 infantil A fixérono Noemí Fortunato Jorge (Cambados) e Rubén Rodríguez Suárez (Liceo Casino).
En C-1 infantil B a vitoria foi para Andrés Álvarez Constantino (Pontecesures) e en C-1 infantil A fixérono os tamén cesuráns Pablo Potel Mariño e Laura García Barros.

Ningún comentario: