4 de out. de 2010

O ANO ASOREY

En relación á proposta para que o próximo ano 2011 sexa dedicado a celebrar  en Cambados o Ano Asorey, debido a que a data coincide co 50 aniversario da morte deste excelente escultor Cambadés, de seguro que é un desexo da inmensa maioría dos  veciños e veciñas da nosa vila e, sen dúbida, tamén unánime para os tres grupos políticos que forman a actual corporación municipal. Está claro que o PP ten falado desta posibilidade igual que outros valorámola desde hai tempo.  Debemos recordarlle ao PP que a idea de celebrar o 2009 como Ano Cabanillas foi unha proposta electoral do BNG no ano 2007 e que eles venderon, sen rubor, como unha idea orixinal súa.
En calquera dos casos, o máis importante neste tipo de celebracións é conseguir a participación cidadá para que todos e todas o vivamos coma un proxecto común e o éxito da celebración estea asegurado. Esta foi a idea que levou ao BNG a propor a creación da Comisión Cabanillas na que debían estar representados todos os sectores interesados na promoción do noso poeta. Recoñecer a valía dun veciño e gran artista como Ramón Cabanillas ou Francisco Asorey só ten sentido se é o sentir xeral da maioría. A creación dunha comisión é un xeito de facer cultura participativa; un concepto que o PP non chega a comprender porque interpreta que a voz da cidadanía só hai que escoitala o día das eleccións.
En caso de crear unha nova comisión para organizar o Ano Asorey, non podería funcionar como a do Ano Cabanillas. O PP utilizou dita comisión coma un simple maquillaxe para mostrar coma democrático un organismo que, en realidade, non o era. A Comisión Cabanillas non foi representativa dos sectores interesados da promoción do poeta, foi creada a destempo e, nas poucas veces que se reuniu, so foi para informar das propostas do concello. Pero nunca foi unha comisión de traballo e de organización; só foi unha comisión informativa que non tivo ningunha utilidade máis que a de ocultar a imaxe de imposición coa a que o PP leva actuando moitos anos. Só foi unha comisión de promoción persoal da concelleira de cultura, primeiro, e despois de Luís Aragunde.
O BNG tamén quere participar no próximo Ano Asorey pero non só na celebración dos actos senón tamén na organización dos mesmos, pois temos propostas que aportar. Pero o PP debe comezar polo principio anunciando oficialmente que, en Cambados, o próximo ano adicarase a celebrar a promoción da obra e da figura de Francisco Asorey.
En calquera dos casos o BNG apoiará as propostas, independentemente de onde xurdan, para que o ano 2011 sexa adicado a recordar a vida e a obra do gran escultor cambadés Francisco Asorey.
Artigo de opinión de Victor Caamaño Rivas.

Ningún comentario: