SOBRE A FIGURA DE PEDRO PABLO BAZÁN DE MENDOZA
![]() |
| Emilio Insua |
Recuperar a figura dun cambadés histórico é o obxectivo da charla que esta noite ofrece o profesor e escritor Emilio Insua no auditorio da Xuventude, en Cambados. «Un cambadés esquecido: Pedro Pablo Bazán de Mendoza» é o título da conferencia que dará comezo ás oito da tarde. Nela explicaranse algúns detalles da vida e obra deste cambadés que chegou a ser intendente da provincia de Santiago, onde aboliu a inquisición.
Asegura o propio Insua que a figura de Bazán de Mendoza é totalmente descoñecida na localidade cambadesa a pesar de dispor de motivos máis que suficientes para ser recordado. De feito, nin sequera dispón dunha rúa que recorde a súa figura. Pertencía a unha familia de orixe navarra que chegou á comarca no século XVI. Entre as súas propiedades atopábase o pazo de Bazán, hoxe Parador do Albariño de Cambados. A súa irmá Luisa, foi a avoa da escritora Emilia Pardo Bazán.
En Cambados, Pedro Pablo Bazán de Mendoza viviu só durante a súa infancia. Posteriormente, marchouse a estudar ao mosteiro de Poio e, máis tarde, á universidade de Santiago. Desempeñou diversos cargos en Madrid ata que regresou á capital galega e tratou de entrar como catedrático na universidade. Converteuse no máximo representante do sector progresista e fíxose famoso por promover lecturas que entón estaba prohibidas, pois en pleno século XVIII o falaba da Ilustración francesa e difundía ideas que estarían na base da revolución do país veciño. Iso valeulle numerosos enfrontamentos cos catedráticos máis conservadores, aos que chegou a ridiculizar disfrazándose dun deles e subíndose a un burro.
Exilio a Francia
Segundo conta Insua, cando os franceses chegaron á península púxose do seu lado e foi nomeado intendente da provincia de Santiago, que entón era a máis importante de Galicia. A súa primeira medida foi acabar coa inquisición, liberando a todos os que estaban detidos e levando ás bibliotecas públicas os libros prohibidos. No verán de 1809 marchouse de Galicia cos franceses e, aínda que permaneceu en España ata 1913, terminou exiliándose ao país veciño cando as tropas de Napoleón retiráronse. Estableceuse na localidade de Alais, onde para manterse dedicouse a traducir a autores franceses ao español. Nunca máis regresou a España.

Ningún comentario:
Publicar un comentario