GALIZA NOVA ACUSA Á DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE DE DESPILFARRAR CUN CONCERTO EN CAMBADOS EN VEZ DE INVESTIR NO NOITEBÚS.
As mocidades do BNG critican que se lles enviase a Policía Municipal para impedir a recollida de sinaturas para demandar o mantemento deste servizo.
A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi e a responsábel na comarca do Salnés, María Villaronga, criticaron a organización do concerto en apoio á campaña “Libre” da Dirección Xeral de Xuventude celebrado este domingo 31 de outubro na praza de Fefiñáns en Cambados. Para as mocidades do BNG, este acto é un “lavado de cara por parte do PP, pois non se entende que por unha banda fomenten a condución responsábel nas estradas e pola outra rematen coa medida máis exitosa para mellorar a seguridade viaria e diminuír os accidentes de trafico” en clara referencia á supresión do Noitebús.
Ademais de criticar a organización deste concerto, dende Galiza Nova tamén critican que houbese unha caseta inchábel da Dirección Xeral de xuventude no cal se regalaba material promocional no que aparecía o logotipo do Noitebús. Para a secretaria xeral de Galiza Nova “é un despropósito que a Xunta diga que non ten fondos para financiar o Noitebús mentres despilfarra os cartos públicos gastando miles de euros en propaganda gratuíta”. Para Iria Aboi “mellor sería que en vez de gastar na actuación de tres orquestras investisen nas rutas de Noitebús que hai no Salnés para o ano 2011”.
Impedimento a recollida de sinaturas para demandar o mantemento do Noitebús
Ademais disto por parte de Galiza Nova critican que se lles impedise aos membros do colectivo recoller sinaturas a prol do mantemento do Noitebús, nas inmediacións da praza onde se estaba a celebrar o concerto das orquestras Costa Oeste, Philadelphia e Panorama. Segundo María Vilaronga “Galiza Nova situou unha pancarta no lugar onde había varias persoas recollendo as sinaturas, cerca dun portal do Pazo de Fefiñáns, nunha rúa peonil, sen obstruír o paso. Segundo indica “o Director Xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, que se atopaba no recinto, pasou ata tres veces por diante, sen mediar palabra, e finalmente mandaron a policía local”.
Dende Galiza Nova consideran “unha vergoña” que se enviase ata cinco efectivos da Policía local de Cambados a “presionar e coaccionar” as mozas e mozos que estaban “sen molestar a ninguén, recollendo sinaturas para solicitar o mantemento dun servizo público como o Noitebús. Para Iria Aboi “É vergoñento que o Director Xeral de xuventude estea máis preocupado en silenciar a reclamación de Galiza Nova, chamando á policía, que en manter un servizo que axuda a salvar vidas”.
Dende as mocidades do BNG anuncian que “continuarán coa campaña de recollida de sinaturas das mozas e mozos do Salnés para que o PP rectifique na súa decisión de suprimir o Noitebús” e que nos vindeiros días se desprazarán aos institutos e lugares de ocio frecuentados pola mocidade.
GALIZA NOVA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario