7 de mar. de 2011

Hoxe están de cumpreanos dos nosos amigos do facebook: Angel Dominguez Mendez, Miguel Prado, Paula Padín Martínez


VENRES DE ENTROIDO
Pódese decir que o venres de entroido estivo un pouquiño apagado en Cambados, doutra banda é normal, pois son cinco días de “choqueirada” e os tempos están bastante fastiadiados. O Concello invitavamonos a disfrazarnos dos anos 60 e así o fixemos, na Fábrica de Peña tres grupos rememoraron aqueles estupendos e marabillosos anos. Logo percorremos varios establementos da zona charlando e baialandodo en algúns deles.
O Concello de Cambados fixo un chamamento o cal nos sumamos á poboación, máis que nada os rapaces para que non tiren ovos pola vía pública aproveitando o entroido. Faino á vista de que nos últimos anos está a imporse a moda de arroxar ovos pola rúa.
Este tipo de prácticas están prohibidas pola ordenanza municipal de ornato xa que os restos de ovo provocan manchas difíciles de eliminar, ademais de provocar malos cheiros e mala imaxe e problemas de seguridade nas beirarrúas.
Imos ir desgranando o Entroido 2011 pouco a pouco, polo de agora xa están colgadas as fotos que fixemos o venres e que podes ver premendo na columna da dereita.
ACTOS PREVISTOS PARA O LUNS E MARTES DE ENTROIDO EN CAMBADOS.
 LUNS DE ENTROIDO
16.30h No Salón de Congresos e Exposicións J. Peña Baile de Entroido Infantil amenizado polo grupo “Lauma” e o dúo de pallasos “Guillo e Fifo”. Haberá premios para os mellor disfrazados nas categorías de Individual, Parella e Grupo para trocar nos establecementos da Asociación de Comerciantes Zona Centro. Organizan a Sociedade Cultural de Cambados, a Confraría de Pescadores San Antonio, Zona Centro e Concello de Cambados.
17.30h Concurso de Filloas no Salón de Congresos e Exposicións J. Peña cunha gratificación de 50€ por participar e premios de 100€ ás máis saborosas e 100€ ó maior número de filloas feitas nunha hora. Para máis información consultar bases
MARTES DE ENTROIDO
16.30h Na Escalinata de San Tomé recepción das carrozas engalanadas entre elas a de Unha Grande Chea inscritas no concurso e desfile acompañadas de música e charangas polas seguintes rúas: Escalinata de San Tomé - Avda. de Galicia -Praza do Concello - Avda. de Madrid - Praza de Fefiñáns - Rúa Príncipe - Paseo da Calzada - Praza do Concello. 17.00h Festa Infantil, con animación e pallasos, organizada pola Asociación de Comerciantes Cambados Zona Centro na Discoteca Zao. 18.00h Entrega de premios do concurso de carrozas ás mellor engalanadas de 300€ á 3ª clasificada, 400€ á 2ª clasificada e 500€ á 1ª clasificada (todas as carrozas asistentes recibirán unha gratificación de 200€ pola súa participación ademais dos premios). A animación correrá a cargo do humorista e showman “Al Guanella” acompañado da música do Dúo D´Perlas.
19.00h Actuación de “Krazy Cabuxas” e do grupo de Batukada
Brasileira “Gostosso Pá”.

"EFECTOS NAVALES LITA" DE CAMBADOS NO PROGRAMA “VIVIR AQUÍ” DA TVG

O dia 2 de Marzo Cambados foi protagonista dun programa da TVG -Vivir aquí- no cal visitaron o local de Efectos Navais Lita, que comezou a muller que lle deu o nome e que agora siguen as fillas xa no porto de Tragove. Ademais a presentadora deuse un paseo polo porto e entrevistou ás redeiras que estaban alí traballando. Podes ver o vídeo premendo AQUI , a parte adicada a Cambados comeza no minuto 22. . Nova recollida de http://www.cambados.tk/

"UN VENRES DE ENTROIDO" POR MARIBEL IGLESIAS BALDONEDO.
Froito da casualidade a escultura en honra de Asorey inaugurada o 4 de marzo do 2011 no Paseo da Calzada de Cambados, cadrou un venres de entroido. E coa licenza que dan estas datas para tocar o intocable imos a meternos un pouco coa escultura, tempo haberá de arrepentirse e de facer penitencia os 40 días de coresma que veñen despois. Pido de antemán desculpas polas miñas críticas, froito do espírito desacralizador e irreverente das datas nas que estamos e pido tamén que non se me ofendan o artista que fixo a obra nen o Concello que a patrocinou. Descoñezo se a profesión política dá moitos sinsabores pero sei ben do sacrificada que é a vida dos artistas, non en van levo 20 anos vivindo con un, coma por riba andar a criticalos. Espero que o que aquí vou escribir se esqueza pasadas estas festas porque o que poño probablemente non se axuste á realidade senón ás ganas de desafogar que nos trae o calendario. Imos alá.

A escultura representa a un Asorey de mediana idade, nin moi novo nin moi vello, un punto medio entre o rostro mozo do artista, aínda doce, e o rostro duro, ensumido, cheo de arestas, que o tempo, tamén mestre escultor, cicelou en Asorey; co cal nos quedamos nun punto intermedio no que calquer parecido co nervio e a dureza que transmite calquer foto de Asorey (sobre todo de vello) é pura coincidencia, eso sí, esta visión é máis apta para todos os públicos, que á fin e ao cabo é do que se trata, que lle ghuste a quen a paghou (e refírome aos contribuíntes).
Lucas Míguez escolleu representar a Asorey traballando, o cal é ben realista porque Asorey a verdade é que se pasou a vida traballando. Nunha entrevista dixo que fixera sobre mil obras, eu levo localizadas unhas cen e xa me parecen moitas para facer nunha soa vida, pero con Don Paco nunca se sabe. Tamén son das que digo que Asorey non ten biografía, só ten obra; mentres os seus compañeiros Irmandiños (caso de Cabanillas) estaban en todos os "saraos" el estaba sempre no seu obradoiro, entre barros, gubias e ciceis, coma se fixera votos relixiosos. Se queremos coñecer ben a Asorey temos que mirar a súa obra non a súa vida. E ten tela que nos xornais salga que eu son a biógrafa de Asorey, e xa se sabe que o que queda para a historia son os titulares dos xornais, cando nin Asorey ten moita biografía, nin eu a teño escrita aínda. Pero isto entra dentro da manía que temos os seres humanos de non chamarlle ás cousas polo seu nome. E sigo co argumento do principio, Lucas representou a Asorey en plena faena, moi realista si, pero condenado a seguir traballando toda a eternidade; e está claro que hai quen nace con estrela e quen nace estrelado, porque ao seu amigo Cabanillas, que está na outra punta do paseo tocoulle estar sentado nun banco, placidamente, mirando cara o mar de Arousa, coma un señorito (só lle falta unha copa de albariño ao carón). Pero é ben sabido que xa os romanos consideraban o oficio de poeta moito máis nobre que o de pintor ou escultor, porque un traballaba co intelecto e os outros coas súas mans. A poesía pertencía ás "artes liberais" ou de homes libres e a escultura ás "artes manuais" artes menores ou servís.
Outra cousa, hoxe fomos vela Manolo (o que me atura) e eu e coincidíamos en que a postura de estar dando o golpe co mazo na gubia era un pouco forzada, porque o mazo está a un lado cando tiña que vir de atrás; semella como se Asorey estivera posando para unha foto e a verdade é que está elegante como para unha foto. Non só leva unha "pajarita" das que tanto lle gustaban senón tamén chaleco e ata un pano ben colocadiño no peto do peito e uns zapatos que parecen dos de bailar claqué, vamos como debe ser; que se un quere quedar na memoria dos milleiros de persoas que pasan ao ano pola Calzada non vai aparecer cheo de terra e cos zapatos sucios; Lucas fixo coma Virxilio Vieitez que retratou aos seus paisanos de Soutelo de Montes con traxe de domingo ou como o mesmo Tiziano que pintou a Carlos V, supostamente na batalla de Mühlberg, enriba dun magnífico cabalo negro cun precioso penacho de plumas vermellas e unha armadura relucente.
E finalmente quédame falar da placa que ilustra a base da estatua. Di así: " Francisco Asorey González. Un dos máis brillantes e decisivos escultores españois do s. XX" . E eu que me considero nacionalista (e é sabido o proído que nos provocan aos nacionalistas as palabras España e español) me da como desacougo eso de oír dicir que Asorey é un escultor español e anque estou convencida de que a calidade artística de Asorey trascende fóra de Galicia tamén os do Concello podían haber tido o detalle de poñer que é "un dos máis brillantes e decisivos escultores do estado español" (non, non me soa ben) pois deixalo en "un dos máis brillantes e decisivos escultores galegos", anque pequemos de provincianismo.
E acabo xa; Non vedes a Asorey un pouco triste? vou xogar a adiviñar o que está pensando: " Así que son un dos máis brillantes e decisivos escultores españois do s. XX e non teño un Museo onde se custodien as miñas obras e se fomente o seu estudo?...".
Pero a casualidade (ou non) quixo que a estatua de Asorey vaia quedar situada diante dunha bonita casa, que está en venda!. Si xa sei que o Concello non ten un peso (anque a programación do Entroido deste ano é espectacular, ata celebramos o sábado e domingo de piñata!) pero soñando un pouco ao mellor os industriais de Cambados, que parece que están sufrindo menos a crise que outros sectores, igual axudaban a mercar a casa e crear o "Museo Asorey" ou o primeiro "Museo de Escultura Contemporánea" que existiría "no Estado español" . Ou igual o obispado cedíalle ao pobo de Cambados con este fin a casa rectoral que está arranxando, existirán os milagres ?; que non estaría mal que por unha vez sexa a Igrexa a que lle de algo ao pobo de Cambados, que o pobo de Cambados lle ten dado moito á Igrexa; Di o meu amigo Luís Rei, que sabe moito de Cambados anque sexa do Ghrove (en fin que non se pode ter todo), que a metade de Cambados foi donada aos pobres, anque non acabou precisamente en mans dos pobres. Bueno dito queda e paro que me embalo e xa desbardallei bastante.Dicir que pese a todo o que acabo de soltar invito a tod@s a ver a estatua e dou os meus parabéns ao artista e ao Concello e esperemos que os "vándalos xuvenís" que "casi" tiraron o cruceiro do adro da igrexa parroquial non veñan por aquí.Disfrutade do Entroido que non sabemos cantos nos quedarán.
Publicado por Maribel Iglesias Baldonedo http://pacoasorey.blogspot.com/  
UN MURO MEDIEVAL NA TORRE DE SAN SADORNIÑO
O que o mar descobre que non o destrúa o home. Este podería ser o título desta historia que, en realidade, xa se iniciou fai moitos séculos, na época das batallas medievais e o Arcebispo Gelmírez. Con todo, Cambados podería estar reescribindo outro capítulo do seu pasado. E é que as mareas vivas dos últimos días deixaron ao descuberto na contorna de San Sadorniño os posibles restos dun muro da fortaleza da que formou parte a torre. Trátase dunha serie de pedras aliñadas que poderían corresponder a restos dunha antighua construción das que existiron nesta zona. O arqueólogo municipal de Cambados xa ten coñecemento do achado e está realizando unha avaliación do mesmo.
Foto de oscar Pardo de http://www.cambados.tk/
O Concello remitirá hoxe mesmo unha comunicación á Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura, para que indique o procedemento a seguir neste caso, ante a posibilidade de que se trate dun descubrimento de interese arqueolóxico.  Segundo diversas investigacións, a torre de San Sadorniño foi contruida na Alta Idade Media, no século XI, aínda que o Arcebispo Gelmírez, reformouna para reforzala e integrala nunha rede de defensa que se repartía por toda a liña costeira galega para evitar os ataques normandos, que se dedicaban ao saqueo das poboacións costeiras. As Tores de Oeste, en Catoira e a torre campanario de Cálago, en Vilanova, tamén formaban parte desta rede de defensa. Os propietarios da torre de San Sadorniño eran os Sotomayor (señores de Portonovo e San Tomei). Tras os ataques dos Irmandiños, que tiveron lugar no século XV, a construción foi reparada polo mariscal D. Soro Gómez de Sotomayor. Existen datos históricos do século XVI que se refiren á presenza dun pequeno núcleo poboacional no illote onde se sitúa a torre de San Sadorniño. A construción mantívose en pé ata o século XVIII, comezando nesta época a súa progresiva deterioración. O que se conserva hoxe en día é un pequeno sector dun edificio moito maior, composto por dous muros e que se asenta directamente sobre as rocas. A base da edificación é de sillares de labra regular. Na actualidade, alcanza un altura de dez metros. De corresponderse os restos achados cun tramo da antiga muralla, podería despexarse a incógnita sobre as dimensións e o trazado da torre no pasado.

Ningún comentario: