18 de nov. de 2011

E TEMPO DE VOTAR NACIONALISMO, E TEMPO DE VOTAR BNG

Non participar ou deixarse levar polo voto do cabreo é certificar o apoio ás políticas lesivas para Galiza e para as maiorías sociais.Nin indignación nin postureo, é tempo de actuar votando nacionalismoNo mes de outubro coincidindo cunha visita a Europa a dirixente estudantil chilena Camila Vallejo respostaba nunha entrevista aos intentos da BBC por relacionar as mobilizacións estudantís no seu país co movemento dos "indignados" que ela respectaba, pero que o que acontecía en Chile non tiña nada a ver cos "indignados" e que as protestas non xurdiran......

espontaneamente senón como froito dun longo proceso de traballo, e ao tempo manifestaba o convencemento en que no seu país a etapa do descontento quedara atrás e hoxe están na etapa de construción da alternativa, unha alternativa que para Camila Vallejo pasa porque a mocidade se meta en política.

Relendo aquela entrevista non podo facer máis que relacionar esas atinadas respostas da xoven dirixente estudantil chilena coa cita electoral do vindeiro domingo. Diante das eleccións xerais estásenos bombardeando día a día con que xa está decidido o resultado e todo o peixe está vendido; ese bombardeamento mediático xunto coa práctica ausencia da campaña de rúa dos dous partidos xestores do sistema fai que un número non despreciábel de persoas caian na gaiola e chamen á desmobilización electoral con múltiples excusas:"todos son iguais, total vai gañar a dereita, vós non tedes posibilidade de chegar ao goberno, este é un partido a dous e xa está sentenciado, as vosas propostas non son suficientemente radicais, vós só queredes chegar a onde están eles para facer o mesmo, votar non sirve para nada, o voto nulo é o mellor xeito de protesta, a loita na rúa é a que pode cambiar o sistema, presentarse ao senado é colaborar co sistema, agardemos a ter forza suficiente antes de presentarnos ás eleccións..." e podería seguir con centenares de frases semellantes.



Algúns non se decatan de que neste momento non participar ou deixarse levar polo voto do cabreo é certificar o apoio ás políticas lesivas para Galiza e para as maiorías sociais; outros para non mollarse veñen coa típica escusa de que o nacionalismo do BNG non é suficientemente radical e na maioría dos casos agardarán pegados ao facebook ou a un licor café a chegada de San Lenin, San Moncho Reboiras e San Che Guevara, pero de darse a circunstancia de que un día os santos baixaran dos ceos xusto ese día como nos din os  Deolinda doerálles a barriga, terán medo á choiva ou preferirán ir ver xogar ao Benfica.
O pacto para a reforma constitucional, os golpes de estado encubertos que conlevaron as dimisións forzadas de Papandreu e Berlusconi, as amenazas diarias da CEOE e da grande banca e o camiño que van abrindo día a día os anuncios da Xunta de Galiza de recortes en sanidade, ensino, etc... son só algunhas pistas sobre o que pode vir. E para a batalla que nos agarda que non nos veñan coa necesidade  dunha etérea unidade da esquerda e dos progresistas  fronte ao PP, hoxe a esquerda e o progresismo en Galiza están no nacionalismo.
Na lexislatura que se abra cos resultados electorais do 20 de novembro o españolismo pretenderá levar adiante unha recentralización do Estado español que elimine o pequena capacidade de decisión que nos concede o actual Estatuto de autonomía; obedecerán así a uns mercados que buscan que Galiza como nación periférica dentro da periferia da UE perda calquer capacidade de ter un desenvolvemento autocentrado  baseado nos seus sectores produtivos básicos.


Galiza xógase moito o día 20 de novembro, unha presenza do BNG nas Cortes afortalada polo apoio popular permitiranos encarar con máis forza unha travesía de anos nun mar embravecido no que o noso barco deberá moverse. 
Falando de barcos a casualidade fixo que o día antes das eleccións, o chamado día de reflexión, sexa o noveno cabodano do afundimento do Prestige, daquela amosamos ao mundo a nosa capacidade de autodefensa fronte a unha agresión ecolóxica e política que puido ter rematado con Galiza como pobo e agora debemos amosala de novo.
Aínda que semelle expresión fraguiana é certo que non pode ficar ninguén na casa, non pode perderse ningún voto que queira a Galiza e sexa de esquerdas, non pode perderse ningún voto do BNG.
As persoas que se mobilizan polo ensino e a sanidade públicas, os colectivos de traballadores e traballadoras despedidos, as mulleres que ven ameazada a súa liberdade, quen sintan verdadeira indignación teñen a mellor ocasión e a mellor papeleta, a papepeleta do BNG, para darlles nos fuciños aos responsábeis da crise e da corrupción. Aqueles e aquelas que verdadeiramente arelan unha patria liberada deben lembrar como dicía Lenin  que "A revolución non se fai, senón que se organiza" e se non lles vai o ruso tamén falaba Castelao "Non lle poñades chatas â obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe n'ela; hai sitio para todos."
A Galiza do futuro, a Galiza dona de seu constrúese todos os días e nese proceso de construcción o domingo cada papeleta do BNG nas urnas suporá un golpe ao sistema e un paso adiante para a nosa nación.

+
UN ARTIGO DE DUARTE CORREA. Candidado Nº 5 o Congreso polo BNG por Pontevedra.




















Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.

Ningún comentario: