Segundo nos conta o blog do BNG de Cambados, o PP ven de rexeitar unha proposta do BNG para executar os avais á Conserveira Alfageme. O deputado do BNG, Henrique Viéitez acusou ao Partido popular de “mentir” sobre a concesión “sen condicións” por parte da Xunta dun aval á conserveira.
O deputado do BNG Henrique Viéitez defendeu en comisión unha Proposición non de lei sobre a execución dos avais prestados á empresa conserveira Bernardo Alfageme ao fin de garantir a súa viabilidade. Esta iniciativa do BNG foi rexeitada polo Partido Popular.
A xuízo do parlamentario autor da iniciativa, “a Xunta deberá explicar porque razón non executa estes avais que situarían ao Goberno galego como principal acredor” Neste sentido, afirmou que de executar os avais, o Goberno galego converteríase no principal acredor e permitiría desbloquear a situación da empresa e a compra da mesma.
No transcurso do debate o parlamentario nacionalista acusou á portavoz popular, María Angeles García Pardo de “mentir” sobre a falta de condicións na concesión, por parte da Xunta de Galiza, do val á empresa conserveira. Viéitez corrixiu á deputada do Partido popular sobre estas condicións segundo figura no documento do 15 de novembro do ano 2007.Neste sentido, engadiu que estas condicións pasaban por unha hipoteca mobiliarias sobre a marca comunitaria Miau, hipoteca sobre unha finca en Vilagarcía e o pago de investimentos produtivos nas novas plantas industriais e plan de viabilidade en Vilaxoán e Ribadumia. Para o parlamentario do BNG, unha vez máis, o Goberno galego permaneceu “ausente” ante a problemática laboral e de viabilidade da conserveira e deberán explicar -dixo- “porque se negan a executar os avais” a pesar dos compromisos de Javier Guerra coas traballadoras. Viéitez reiterou que o Conselleiro de Industria comprometeuse, hai máis dun ano, a resolver a situación e denunciou o “desleixo” da Xunta para retirarlle os poderes ao que se declaraba como propietario. O deputado alertou do risco que pode correr unha oferta firme de compra e responsabilizou a Xunta de Galiza da posible perda de 165 postos de traballo e a non recuperación de 33 millóns de euros en avais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario