13 de dec. de 2011

QUEREMOS GALEGO DENUNCIA A POSTURA ANTIGALEGA DO VALEDOR DO POBO. ACUDE ÁS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS

TEMOS LINGUA PROPIA!
ACCIÓNS DE QUEREMOS GALEGO CONTRA A CENSURA DUN LIBRO DE TEXTO QUE REPRODUCE O ARTIGO 5.1 DO ESTATUTO
1)       Concentración esta quinta feira (xoves) ás 11.30 h diante da sede do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, en Santiago). Ao finalizar, entregaremos un escrito exixindo a súa dimisión.

 2)       Mobilización este sábado ás 17 h na praza do Toural (Santiago de Compostela), exixindo o cesamento do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación, que deu amparo á censura dun libro de texto por dicir que o galego é a lingua propia de Galiza.
 3)       Envío de correos individuais á presidenta do Parlamento para que os grupos políticos cesen o Valedor: Descárgao aquí. Envíao ao correo da Presidenta do Parlamento: pilar.rojo.noguera@parlamentodegalicia.com   
 4)       Envío de correos individuais ao presidente da Xunta para que cese o conselleiro de Educación: Descárgao aquí
Envíao ao correo do Presidente da Xunta:             
O motivo das convocatorias é protestar pola resolución do Valedor de instar, tal e como recolleron algúns medios de comunicación, á retirada dun libro de texto da materia de Coñecemento do Medio que reproduce literalmente o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía: “O galego é a lingua propia de Galiza”.
Para a plataforma cidadá é “un auténtico despropósito” que o representante dunha institución encargada de velar polos dereitos das cidadás e dos cidadáns de Galiza perante os Poderes públicos do país, entre os que están os dereitos lingüísticos, “poida ditar unha recomendación que equivale a descoñecer lexislación lingüística tan básica como a que emana do Estatuto de autonomía”.
 Para Queremos Galego, decisións tales como esta “inhabilitan” Benigno López para seguir no seu cargo “nin un minuto máis”, toda vez que o actual titular xa
se ten caracterizado noutras ocasións por declaracións e actuacións “pouco proclives a considerar o galego como unha lingua plenamente oficial”.
 Por isto,a plataforma cidadá anima a toda a cidadanía a escribir á presidenta do Parlamento de Galiza, Pilar Rojo, para que cese a Benigno López a mesma institución pola que foi no seu día nomeado.
 Ademais a última decisión a este respecto do conselleiro de Educación , Jesús Vázquez, é amparar a censura a este manual escolar só por citar o artigo 5.1 do Estatuto de Galiza.
 Para a plataforma cidadá é un disparate que se pretenda prohibir ou modificar un libro porque sinale a evidencia de que Galiza ten idioma propio, máxime cando o fai citando literalmente o contido do propio Estatuto. Esta decisión da Consellaría de Educación anima a unha caza de bruxas contra a nosa lingua e cultura que non pode traer nada bo para ninguén, por isto animámoste a que remitas un correo electrónico ao Presidente da Xunta.
 Anexamos a esta información o tema completo obxecto de censura por parte do Valedor do Pobo. A súa lectura demostra a completa falsidade das acusacións e a interpretación antigalega que fan o valedor e o Conselleiro que non dubidan en mentir publicamente sobre o verdadeiro contido do conxunto do tema. Podes descargar aquí o tema.
          

Para unha mellor navegación por este blog  usa o navegador GOOGLE CHROME. Descarga GOOGLE CHROME premendo AQUÍ.


Ningún comentario: